InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOTeoría e práctica da política pailaroca

Teoría e práctica da política pailaroca

Publicada o

Por Rodrigo Osorio

Estes días desencadeouse unha treboada político-mediática porque «unha galería de arte Viguesa», a prestixiosa galería galega Montenegro, fixera a mellor oferta para mercar as pinturas murais que Urbano Lugrís González pintou nos baixo e no entresollado dos edificios situados nos núms. 25-27 da rúa Olmos da Coruña.

O Concello da Coruña, que leva máis de tres anos mirando para outro lado, e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que nunca deu resposta a solicitude formal de declaración deses frescos como ben de interese cultural, colleron a bandeira do coruñesismo máis reseso para facer todo o posíbel «para que os murais non salgan da Coruña».

O caso é que o responsábel da Galería Montenegro amosou a súa vontade de que quedaran na Coruña e explicounos que o que el quería facer era restauralos xa (paren os ollos no adverbio de tempo) e non perder nin un segundo máis na restauración desta obra mestra que aínda corre perigo.

O argumento do Concello (ao que semella que se sumou a Xunta) era que os murais tiñan que ficar na cidade pero… non no lugar no que Lugrís os pintou: hai que quitalos de Olmos para os protexer.

Non procuren criterios técnicos só hai dúas razóns: odio a Vigo e amor ao negocio inmobiliario. Ningún irmán vigués, os grandes inimigos inventados nos oitenta polo nacionalismo dos cantóns, pode darnos leccións do que temos na casa. E os frescos estorban o dono dos edificios e hai que llos sacar para que poda quitarlle todo o rendemento posíbel. (Igual que xa pasou co mural do Vecchio da rúa Real)

Estamos coma sempre: o eterno retorno ao «cosmopaletismo» que tan bos froitos semella estar a dar ao segundo partido máis votado nas eleccións municipais.

Pero esta actitude «do goberno de Inés Rey» danos unha pista de como podemos actuar para mudar as súas políticas: temos que nos aliar cos galegos do sur para facer iniciativas desde Vigo que valoren o que temos: unha oferta para curar e salvar os umeiros do Xardín de san Carlos, un centro para a recuperación do porco bravo, facer una oferta para mercar o estrada da rúa santo André e facela peonil os fins de semana, puxar polo concurso de bicicoruña para que non viva dos nosos datos persoais, celebrar Viñetas desde o Atlántico en Castrelos…

E así calquera cousa que que se lles ocorra pero sempre como unha oportunidade de negocio para alguén de Vigo. O goberno de Inés Rey comezará a competir «coa pérfida oliveira» e fará cousas que nunca quixo facer en beneficio de todos. Outra cousa que lle debemos agradecer a Urbano Lugrís.

Máis artigos de Rodrigo Osorio no XdC

S.O.S. Lugrís

Máis novas dos murais

A asociación cultural O Mural urxe á Xunta a admitir a súa solicitude de declaración BIC dos murais de Lugrís

Tarde, pero Xunta e Concello impulsan a declaración BIC dos murais de Lugrís

 

ÚLTIMAS

A salsa de Marc Anthony conquista A Coruña nunha noite para a lembranza

Foron moitas as persoas que se agolparon dende ben cedo ás portas do Peirao...

O Seprona intercepta unha furgoneta con 429 quilos de lagostinos sen documentación

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil interceptou unha furgoneta procedente...

A bordo da memoria: o Elcano rende tributo á travesía esquecida de 1525 desde A Coruña ás illas Molucas

A saída de Ferrol do buque escola Juan Sebastián de Elcano, prevista para este...

Incendio nunha vivenda na rúa das Camelias da Coruña

Un total de tres persoas foron trasladadas en ambulancia ao CHUAC tras rexistrarse un...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here