InicioCULTURAA Xunta publicará este martes no DOG a incoación para declarar BIC...

A Xunta publicará este martes no DOG a incoación para declarar BIC os murais de Lugrís na Coruña

Publicada o

Por europapress

Cando as administracións queren, poden.

Difícil de entender que en apenas unha semana, e despois de tantos anos e meses de parálise total, de botarse a culpa entre administracións, a Xunta poida encarrilar a a incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña.

Así o avanzou hoxe a Xunta, que publicará o comezo do expediente este mesmo martes no Diario Oficial de Galicia, despois, segundo sinalan, de recibir os informes realizados polo Concello da Coruña.

Segundo destacou a Xunta, á hora de incoar o expediente –que supón xa a protección inmediata do ben– os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoraron que as 12 obras que compoñen o conxunto mural merecen formar parte do patrimonio cultural máis significativo de Galicia pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.

Así mesmo, o expediente destaca tamén a calidade artística destas obras. Neste sentido, expuxo a Consellería, “ponse en valor que se trata dunha obra de arte complexa que ten un carácter excepcional dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís ao non conservarse ningún conxunto desta natureza que sexa testemuña do nivel que chegou a adquirir no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores”.

Doutra banda, tense en conta que este conxunto “se constitúe como a testemuña máis evidente das experiencias persoais e culturais que marcaron a definición dun estilo propio e único”, xa que “reflicten os diferentes mundos do universo lugrisiano anteriores a outras influencias aprendidas: o teatro de monicreques, os seus anos de inmersión nas coleccións e biblioteca Massó ou a atracción polo fondo mariño e as panorámicas costeiras galegas”.

UNHA DUCIA DE PEZAS

En concreto, o conxunto mural da rúa Olmos está composto por pezas que formaban parte do antigo local de hostalaría que ocupabba os pisos baixo e primeiro de ambos os inmobles.

O pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memoria social que xa existía no século XIX.

Trátase dun total de 12 pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, serenas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panóramicas da cidade, entre outros temas.

Así, entre os elementos que aparecen representados destacan a Torre de Hércules, a antiga Comandancia da Mariña da Coruña ou o Castelo de San Antón.

A Xunta detallou que a incoación do expediente para a declaración como Ben de Interese Cultural xa foi comunicada ao Xulgado Mercantil número 3 da Coruña, encargado do proceso concursal.

Agora, explicou que, tras a súa publicación no DOG, a administración autonómica disporá dun prazo máximo de 24 meses para completar o expediente.

Máis novas sobre o caso Murais

Teoría e práctica da política pailaroca

A asociación cultural O Mural urxe á Xunta a admitir a súa solicitude de declaración BIC dos murais de Lugrís

Tarde, pero Xunta e Concello impulsan a declaración BIC dos murais de Lugrís

ÚLTIMAS

O BNG e Sumar tamén denuncian o polémico concurso da Fundación Luís Seoane

Despois da denuncia realizada no Xornal da Coruña polo concurso dunha praza de directora...

A Festa do deporte adaptado bate marcas de inclusión

Máis de 15.000 encheron este sábado a Mariña na XII edición da Carreira Enki....

Demandan á Xunta que atenda as necesidades de reforzo de profesorado dos colexios de Culleredo

Tamén están en loita neste axidato comezo de curso os colexios de Culleredo ante...

Unha lembranza polo represaliado Ramón Maseda 

Continúa a cidade vivindo necesarias homenaxes a ilustres vítimas do franquismo. Esta semana xa...