Hoxe continúan as obras da urbanización de luxo da Maestranza, a pesar da orde de paralización ditada polo Concello da Coruña das obras de edificación na parcela P2. Unha situación que provoca a reacción da Plataforma Defensa do Común, que leva denunciando anos esta promoción, e leva pedindo a Concello que controle as obras durante meses, ante a posible afectación á histórica muralla de defensa da cidade.
Para o colectivo, constan acreditados os incumprimentos pola promotora dos condicionados da licenza de obras outorgada no seu momento, polo que a paralización da obra debería ter sido solicitada hai xa meses. Nese sentido, critica “a pasividade e inacción municipais, así como a excesiva tardanza do goberno municipal en relación con ditas obras”. Pois lembran que o 10 de xuño (hai mais de tres meses) a entidade lle trasladou á alcaldesa un escrito (adxuntando fotografías) da realización de obras (movemento de terras e excavacións), o que se reiterou noutro escrito posterior, de data 31 de xullo.
Para Defensa do Común non se entende que cunha orde de paralización ditada en novembro do 2025, a empresa que promove unha urbanización de pisos de luxo arrinque cunhas obras de excavación que excende do control arqueolóxico. Unha situación que debería coñecer o Concello, cando menos dende ese mesmo 10 de xuño, pero que tardou 3 meses en adoptar medidas de reposición da legalidade urbanística.
“A consecuencia da tal pasividade e tradanza municipal é que a data de hoxe a práctica totalidade da parcela edificable atópase excavada (voladuras con explosivos incluídas, ata o nivel de roca), téndose retirado e trasladado as terras e pedras existentes de ditas operacións, e sen que conste (e sen que lle conste ao goberno municipal) o cumprimento das condicións do proxecto autorizado de control arqueolóxico”, sinalan.

Alegacións
A entidade veciñal vén ademais de analizar as alegacións presentadas pola promotora, que segundo eles, “só poden ser cualificadas de pitorrreo”. “Resulta manifesto que as obras realizadas afectan ao conxunto da parcela edificable, e non so ao lindeiro coa residencia militar; obras que en realidade consisten na execución de obras de edificación (excavación, perforación de roca, voladuras, micropilotaxe perimetral, instalación de grúa-torre previa cimentación da súa basel, etc), que nada teñen que ver nin co aseguramento do muro da residencia nin moito menos cos labores de control arqueolóxico”, explican.
Máis novas da Maestranza
Piden vixilancia arqueolóxica municipal nas obras das vivendas de luxo da Maestranza

