InicioSOCIEDADECidades 'dog friendly'? Na Coruña un can pode entrar nos establecementos, pero...

Cidades ‘dog friendly’? Na Coruña un can pode entrar nos establecementos, pero non no bus urbano

Publicada o

Por Ángela Precedo

Nas cidades galegas cada vez habitan máis cans. Hoxe por hoxe un can é visto como un membro máis da familia e nun día calquera pola rúa pódense atopar tantos cans como persoas paseando. O que naceu como unha mascota convertiuse nestes momentos nun membro importante da sociedade e, por este motivo, poñer á súa disposición todos os servizos e coidados que merece como ser vivo para ver garantidos os seus dereitos é fundamental. En cidades como A Coruña na actualidade hai 13 cans por cada 100 habitantes, o que supón un total de 31.898 cans e 244.700 habitantes, segundo o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) e o Instituto Nacional de Estatística (INE). Hai algo máis dun can por cada dez coruñeses. E esta cifra, lonxe de caer, é previsible que siga subindo. Por iso, dende Galicia Confidencial falamos con Elena Castro, presidenta da asociación CanCoruña, que nos conta as particularidades da normativa coruñesa con respecto a estes peludos, os cambios na concepción dos locais e as tarefas pendentes para seguir creando unha contorna amigable para con eles.

A RAÍZ DO TELETRABALLO CRECERON AS FAMILIAS CON CAN

Elena admite que “xa vimos notando o aumento de cans na cidade dende fai uns anos e, afortundamente, creo que cada vez as persoas ímonos sensibilizando máis cos animais”. Na súa opinión, “a raíz da pandemia, cando se incrementou moito o teletraballo, e moitas das persoas que xa querían anteriormente ter un can e que non vían o momento porque, como persoas responsables, non atopaban na súa vida o intre adecuado no que poder darlle todos os coidados, co teletraballo puideron compaxinar ambas cousas”. O teletraballo foi, por tanto, como unha catapulta para o volume de cans por habitante. Ademais, non só é que haxa máis cans, senón que os que hai están mellor atendidos, porque “a xente está cada vez máis concienciada co concepto de coidar dun animal”. Isto vén da man da humanización das cidades, cada vez máis preparadas tamén para acollelos, con máis espazos ‘pet friendly‘, o que “fai que te decidas e axuda moito a tomar a decisión”, aínda que, como apunta Elena, “aínda quedan moitas cousas por facer”.

GARDARÍAS E CENTROS DE EDUCACIÓN PARA QUE O CAN SAIBA COMPORTARSE

No tocante aos espazos, sen dúbida, un espazo fundamental que debe existir e existe en cidades como Coruña é a gardaría para estes peludos ou os aloxamentos de día, e mesmo os hoteis. “Sempre existiron, pero agora si é verdade que se están incrementando“, concede a presidenta de CanCoruña, que asegura que tamén hai “máis residencias caninas e máis escolas de adestramento, aínda que non me gusta chamarlles así, senón máis ben de comportamento e educación“. Estas últimas escolas teñen moito éxito porque, como indica, “xa non é só que cada vez as persoas teñamos máis cans, senón que tamén queremos que os nosos cans se comporten dunha maneira axeitada e que alguén nos ensine as pautas a seguir para poder poñerlle uns límites dende o primeiro momento en que chegan á casa”.

E é que sempre se adoita dicir que os cans de cidade teñen un comportamento particular, diferente aos do campo, son máis tranquilos, saben comportarse, semellan máis pacíficos… É isto certo? Para Elena si que pode selo, precisamente porque nunha cidade se fai moito fincapé na educación do can, pois “evidentemente a convivencia na cidade é moito máis difícil que a convivencia no campo”. Por iso, “dende o minuto cero en que o can chega á casa, xa hai que poñerlle unhas normas e uns límites (que non ladre cando escoite a alguén polas escaleiras, por exemplo)”, porque “nunha cidade vivimos en vertical, e nun edificio hai cantidade de persoas e de cans e un can que ladra nunha casa no medio rural ao mellor non molesta, pero nun edificio con outros moitos veciños que un can estea ladrando evidentemente si molesta”. Se non se lle poñen límites e non se lles educa como se fai cos nenos cando son pequenos, “máis adiante é cando aparecen os problemas de comportamento“, explica Elena, que precisa que, verdadeiramente, “os problemas de comportamento só son problemas cando o can molesta, por exemplo, se ladra nun piso e molesta a un veciño, porque o can ladra por natureza e se o fai nunha zona rural na que non molesta a ninguén xa non se fala de que teña un problema de comportamento”.

PARQUES CANINOS: SANTA MARGARIDA, MESOIRO, EIRÍS, BENS, ADOLFO SUÁREZ…

Outro dos espazos que non pode falta nunha cidade ‘pet friendly‘ é un parque (ou varios, ao tratarse dunha urbe tan grande) para cans. Na Coruña, como nos conta a presidenta de CanCoruña, “véñense facendo cousas dende fai moitos anos xa, pero é verdade que durante unha etapa a cousa foi avanzando lentamente, logo todo se paralizou e agora semella que se está retomando”. En concreto, a primeira área canina que se creou na cidade foi no ano 2004, a petición, precisamente, da asociación CanCoruña, que se formou a partir dun grupo de donos de cans que ían pasear aos seus canciños ao parque de Santa Margarida. Foron eles os que comezaron a pedir ao concello a primeira área canina e, finalmente, ao cabo de anos, lográrona. Dende entón pasaron bastante anos e fóronse creando outras áreas caninas: a de Mesoiro, a de Eirís, a do parque de Bens, a de Adolfo Suárez… Aínda que dun tempo a esta parte todo quedou moi parado e agora semella que se vai volver retomar. Tamén é certo que para Elena “hai áreas caninas que non están nas condicións nas que deberían, polo que hai cousas por facer”.

A ORDENANZA MUNICIPAL CONTEMPLA A ENTRADA DE CANS A LOCAIS DENDE 2023

Así mesmo, xa case non hai locais que prohíban a entrada de cans. A nova Lei de Benestar Animal veu a axudar a que cada vez máis establecementos permitan a entrada de mascotas, pero na cidade da Coruña xa a ordenanza municipal contemplaba este aspecto. Así nolo explica Elena, que asegura que “é moi importante poder entrar cos cans nos mesmos lugares aos que ti tes que ir comprar, porque á fin e ao cabo o teu can é un individuo máis da tua familia e ti queres saír con el e poder entrar con el aos lugares”. “Na Coruña a ordenanza municipal é moi antiga, data do ano 1997, polo que está totalmente obsoleta e non contemplaba ningún aspecto relativo a estar cos cans nos establecementos, polo que se fixo unha modificación fai uns meses, a finais de 2023, para incluír precisamente a aprobación de que os cans puidesen entrar en establecementos comerciais (excepto nos locais sanitarios, nas farmacias e lugares con venta de alimentos), baixo o criterio do propietario“, indica Elena.

TAREFA PENDENTE: O BUS URBANO, FUNDAMENTAL PARA DESPRAZARSE NA URBE

Con todo, dende CanCoruña teñen unha loita que aínda a día de hoxe non lograron gañar: que os cans, ao igual que xa o fan nos establecementos, poidan entrar nos autobuses urbanos e viaxar neles como un pasaxeiro máis. Polo momento, non se pode, e Elena considera que quizáis o tema teña máis que ver con que a concesión do transporte público é dunha empresa privada allea ao concello, polo que podería ser máis difícil regular a cuestión. Pero non por iso deixa de ser algo importante, pois nunha cidade como Coruña a xente case non colle o coche privado, pois resulta moi difícil (ou caro) aparcalo e os atascos fan que sexa inviable chegar a tempo aos sitios. Se para viaxar no autobús tes que deixar o can na casa, haberá moitos donos que directamente teñan que privarse de tomar o bus para ir dun punto da cidade a outro e vexan moito máis limitada a súa vida a nivel de desplazamento, con todas as consecuencias que isto pode traer consigo: a nivel laboral, social e mesmo económico.

Na actualidade hai varias cidades españolas de máis de 50.000 habitantes que xa deron o paso e permiten que os cans viaxen no autobús como un pasaxeiro máis, sen ter que ir en transportín e sen ter que usar boceira: Alcoi, Barkaldo, Cartagena, Donostia-San Sebastián, Fuengirola, Irún, Xaén, Ourense, Palma de Mallorca, Sant Cugat del Vallès, Valladolid e as cidades de Santa Cruz de Tenerife, Arona, Granadilla de Abona e San Cristóbal de La Laguna, en Tenerife. Como vemos, en Galicia, a única que o permite polo de agora é Ourense.

ROUPA PARA CANS: “ÁS VECES CREÁMOSLLES NECESIDADES QUE NON TEÑEN”

Pasando xa ao benestar dos animais, Elena cre que isto tamén mellorou moito, pois “cada vez a xente ten máis claro que cando tes un can tes que proporcionarlle benestar en todos os aspectos: sanitario, dándolle as súas vacunas, levándoo ao veterinario cando está mal; hixiénico, manténdoo aseado e peinado; e nutritivo, dándolle de comer correctamente para que se manteña sá. Agora ben, tamén concede que “moitas veces os cans precisan moito menos do que lles proporcionamos e, en moitas ocasións, creámoslles necesidades que non teñen”. Como exemplo disto pon o comprarlles vestidiños e roupa. “Pode haber casos nos que si sexa necesario, se por exemplo un can ten moito pelo e queremos que deixe menos na casa ou se chove e se molla e logo hai que secalo, cun chubasqueiro igual se molla menos, pero eu non son moi partidaria do tema vestidos, creo que é máis o que nos gusta a nós levalos vestidos que o que realmente precisan“, apunta.

NON HAI CEMITERIOS CANINOS NA CIDADE, APÓSTASE POLA INCINERACIÓN

E despois de dárlle todo o que precisan en vida, cada vez son máis os lugares de Europa que tamén queren dárlle aos cans un espazo recoñecido na morte, polo que os cemiterios para cans están proliferando en moitas cidades, tamén españolas. Non é este o caso da Coruña, onde, segundo explica a presidenta de CanCoruña, cando a un dono lle morre o can o que fai é “acudir á incineradora directamente ou á súa clínica veterinaria na que xa teñen contacto coas incineradoras e deixar alí ao canciño para que se encarguen”. De feito, Elena tampouco se amosa moi partidaria de implantar os cemiterios para cans na Coruña, porque considera que “a incineración é algo moi aséptico, incluso nos humanos, que aínda que si teñen cemiterios, cada vez estase tendendo máis á incineración”. Con todo, pode entender tamén que haxa persoas que desexen ter ao seu can falecido en lugares así, porque “un can é un máis da casa, está moitos anos con nós, fainos moita compañía e querémolo tanto que a súa morte doe, e doe moitísimo“. Así que “a decisión xa vai máis coa persoa, é moi subxectivo, porque tamén hai quen o incinera e lévase as cinzas para a casa”, plantexa.

BENEFICIOS DE TER UN CAN: SOCIAIS, EMOCIONAIS E ATA FÍSICOS

Chegados a este punto, Elena anima a calquera familia responsable e que estea preparada para proporcionarlle todo o benestar necesario a ter un canciño, porque os beneficios de incorporar a este novo membro na familia son incalculables. “Un can aporta moitísimo ás persoas, moito afecto e cariño, o can é un ser noble e tamén un ser social, co cal busca a compañía e está sempre contigo e trata de complacerche”, explica, engadindo que “un can pode axudarche moito en circunstancias e momentos concretos da vida: obrígache a saír da casa, a facer o teu exercicio porque el tamén ten que facelo, axúdache a relacionarte con outras persoas, porque vas a lugares onde hai outros cans e se che acercan os donos para falarche”. A nivel terapéutico tamén aporta moitos beneficios, pois tamén é quen de “detectar picos de enfermidades, como ocorre con algún tipo de glucemia”.

Pero non só iso, senón que “xa o simple feito de acariciar a un can é unha tranquilidade e unha relaxación”. Ademais, en determinados casos de autismo ou de nenos que non queren relacionarse con outras persoas, “segundo a miña experiencia, co can amosan unha actitude que non teñen co resto das persoas, porque un can non te xulga, unha persoa si, e ao mellor os nenos con esta condición non son quen de manifestar os seus sentimentos cunha persoa, pero si cun can, ao que acaricia, abraza e bica, algo que xa é moi bo para a saúde, sube os niveis de serotonina e, se comezan interactuando co can poden ir avanzando ata conseguir soltarse un pouquiño máis coas persoas“. Por outra banda, cando nunha familia hai un can e un neno pequeno, “o neno tamén aprende que é un ser vivo que precisa coidados, que hai que preocuparse por el, que hai que responsabilizarse e dárlle o que precisa, a súa comida, aprende tamén cuestións fisiolóxicas de como nacen os cachorriños…”.

MENSAXE: UN CAN NON É UN CAPRICHO, É UNHA RESPONSABILIDADE

Con todo, Elena tamén lanza unha mensaxe: “Non sempre hai que facerlle caso aos nenos cando piden un canciño, porque todos os nenos piden un can nalgún momento da infancia, como tamén piden un irmanciño, e non por iso lle traemos o irmanciño”. “Non vamos traer un can porque o queira o neno, vamos a ter un cans porque realmente o queremos todos os membros da familia e estamos convencidos de que o queremos e de que lle podemos dar todo o que precisa, de que é o momento adecuado para telo e, entón si, xa de paso, ese canciño vaille ensinar e axudar moito ao noso neno”, conclúe a presidenta de CanCoruña.

ÚLTIMAS

Investigan a aparición dun cadáver nun camión do lixo na planta de reciclaxe na Coruña

A Policía Nacional abriu unha investigación pola aparición dun cadáver nun colector na planta de reciclaxe de...

A Coruña acolle o acto ‘As elixidas’ con líderes locais de Cabo Verde, Mozambique ou Brasil

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este martes o acto de apertura do...

O servizo de Teleasistencia da Cruz Vermella coida máis de 2.200 maiores na Coruña

Recibía esta mañá a sede da Cruz Vermella da Coruña, a visita institucional comandada...

A Coruña rende homenaxe aos Mártires de Brens

Norberto Recamán Lago, Florentino Canosa Barreiro, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here