InicioMOV. SOCIAISO deporte, unha fonte de LGTBIfobia

O deporte, unha fonte de LGTBIfobia

Publicada o

Por Miguel Gómez Longo

● O 66% das persoas enquisadas por ADI manifestaron sentirse discriminadas algunha vez na súa vida e no deporte a causa da LGTBIfobia.

— —- —

O deporte é un dos campos da sociedade onde aínda existe unha maior discriminación das persoas por mor da súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero.

Por iso, en 2010 instaurouse o 19 de febreiro como o Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte. Un día para visibilizar esta importante problemática social, que non tería razón de ser, sen o labor que realiza, durante o resto do ano a Agrupación Deportiva Ibérica (ADI) LGTBI+. Esta asociación sen ánimo de lucro, nada no 2009, reúne entre España e Portugal, a máis de 6.000 deportistas que compiten en 32 disciplinas diferentes.

En febreiro do presente ano lanzaron o Informe Observatorio 2023 con dous claros obxectivos: denunciar os casos de LGTBIfobia que se produciran durante ese ano e dar a coñecer as cifras dunha enquisa realizada a 500 persoas vencelladas ao colectivo LGTBIQ+ para esclarecer cuestións como a porcentaxe que sufrira discriminación, o tipo da mesma ou se tomaran algunha medida para facerlle fronte.

As conclusións recollidas no Informe Observatorio 2023 foron alarmantes: o 66% das persoas enquisadas aseguraron sufrir LGTBIfobia, o 46 % viviuna durante a adolescencia e o 94% non se atreveu a denunciar os abusos.

“Os datos móstrannos que normalizamos a LGTBIfobia no deporte. A gran maioría admite non ter tomado ningunha represalia debido a que era o normal para a época ou que na nenez algún adulto comentáralle que iso eran cousas de nenos. Actualmente, recóllese que é mellor mirar cara a outro lado e facer como que non pasa nada porque senten que non van ser escoitadas”, indica o estudo.

Un parecer que tamén ten o colectivo LGTBIQ+ da Coruña. Baixo o título Unha diversidade libre, os datos do sexto informe do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, que se presentou o pasado 10 de abril en María Pita, sobresae porque o Observatorio viuse na obriga de atender a 352 persoas. “Este ano, as agresións físicas e verbais subiron. Rexistráronse un total de 48 incidentes de odio das cales 43 foron agresións cara a nosa comunidade. Isto denota un compoñente máis violento e, mentres a cifra non sexa cero, non faremos unha lectura positiva”, explica Ana G. Fernández, presidenta da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (Alas Coruña).

O estudo realizado polo Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia tamén recolle o eido no que os incidentes de odio tiveron lugar. Chama a atención que a vía pública fora o lugar onde se produciran a meirande parte dos incidentes, rexistrándose 11 casos. Ocupan o segundo chanzo deste deshonroso podio as agresións acontecidas no fogar, con 9 casos, e atópase un triplo empate entre os incidentes ocorridos no eido educativo, nos espazos de lecer e no ámbito sanitario.

Ao falar sobre incidentes que aconteceron en espazos deportivos, Fernández explica que lles “chegaron denuncias de persoas trans relacionadas co trato recibido dentro das federacións”.

Razóns polas que seguir loitando

A historia do colectivo LGTBIQ+ construíuse a base de facer camiño, de resiliencia e o ámbito deportivo non ía ser o gran esquecido. ADI apunta que o ano 2023 quedará marcado pola aprobación e a entrada en vigor de dúas leis nacionais: a nova Lei do Deporte (Lei 39/2022, do 30 de decembro) e a Lei Trans (Lei 4/2023, do 28 de febreiro).

Un paso relevante pero que non sería, nin moito menos, definitivo. “A entrada en vigor de ambas as leis non trouxo consigo o seu pleno cumprimento, xa que aínda existen Federacións Deportivas con medidas transexcluíntes provocando diversos casos de LGTBIfobia no deporte. Algunhas delas son as Federacións de Atletismo, Natación, Rugby, Tiro con Arco e Xadrez”, destacan dende a Agrupación Deportiva Ibérica.

Unha opinión que comparte Ana G. Fernández, cabeza visible de Alas Coruña. Con todo, Fernández considera que para que as normas satisfagan a todo o mundo tocará “abrir o melón, revisalas e falar dende a calma, a tranquilidade e a cordialidade para poñer solucións”.

Queda claro que son moitas as medidas que poderían implantarse para acabar coa discriminación sexual no deporte, pero a máis relevante é a educación. “Como sucede en todos os ámbitos, debe darse máis importancia á prevención e á educación. As sancións non serven para nada”, sinala Jose Rivero Caruncho, psicólogo cognitivo e conductual coruñés.

Escaseza de referentes

A ausencia de referentes LGTBIQ+ no ámbito deportivo xa non é tan acusada como hai anos, pero seguen sendo escasos.

Justin Fashanu foi o primeiro futbolista que se declarou abertamente homosexual. Un fito tardío, pois hai que remontarse ata 1990. Un importante acontecemento que quedou embazado en 1998, cando Fashanu foi acusado de abuso sexual por un adolescente. “Deime conta de que xa fun condenado como culpable. Non quero ser máis unha vergoña para os meus amigos e familia”, podía lerse na nota de suicidio do deportista. Tempo despois o caso abandonouse por falta de probas.

Na actualidade, un dos poucos modelos que poden ter os deportistas do colectivo LGTBIQ+ atópase na figura de Josh Cavallo, o lateral esquerdo do Adelaide United australiano.

No ano 2021, Cavallo deu un importante paso ao fronte e manifestou publicamente, a través dun emotivo vídeo en redes sociais, que lle gustaban os homes. O defensa da A-League confesou que sempre sentira a necesidade de ocultarse “para perseguir un soño”. Duras declaracións que obrigaron á sociedade a facer autocrítica por unha vez.

Josh Cavallo con la equipación del Adelaide United / X de Josh Cavallo
Josh Cavallo con la equipación del Adelaide United / X de Josh Cavallo

Tras o valente xesto de Josh Cavallo, o entón xogador do Xetafe Jakub Jankto tamén quixo facer pública a súa homosexualidade afirmando que o único que buscaba era vivir a súa vida “en liberdade, sen medos, sen prexuízos, sen violencia e con amor”. O interior esquerdo, que na actualidade xoga para o Cagliari da Serie A italiana, converteuse así no primeiro xogador da Liga en falar sobre a súa orientación afectivo-sexual.

En busca de lugares seguros

A Agrupación Deportiva Ibérica LGTBIQ+ tampouco quixo perder a oportunidade de lembrar que o Comité Olímpico Internacional, ao falar sobre deporte, subliña que a súa práctica é “un dereito humano”.

Por este motivo, dende a ADI pelexan por “crear un espazo seguro para todas as persoas independentemente da súa orientación afectivo-sexual e identidade e expresión de xénero”. Isto implica que o deporte sexa realmente accesible para “lesbianas, gais, trans, bisexuais, intersex, non binaries, queer, asexuais e todas as persoas que queiran practicar deporte, sen discriminación de ningún tipo”.

“Deporte non é só aquel que se fai de maneira federada, profesional ou semiprofesional. O deporte debe estar na vida diaria das persoas e a comunidade LGTBIQ+ non sempre acha espazos seguros cando quere practicalo, atopándose con espazos pouco amigables e hostís”, matiza Ana G. Fernández.

Por sorte, na Coruña as persoas LGTBIQ+ atoparon un oasis no que poder ser elas mesmas sen temor a discriminación, xuízos ou acoso. Trátase do ximnasio Artabros Crossfit, situado no número 287 da Avenida de Fisterra, que ten un forte vínculo con Alas Coruña.

Integrantes de Alas Coruña en el box amigo de Artabros CrossFit / Artrabos CrossFit
Integrantes de Alas Coruña en el box amigo de Artabros CrossFit / Artrabos CrossFit

Telmo Celeiro, coordinador e adestrador de Artabros Crossfit, aínda lembra orgulloso como o seu ximnasio se tornou nun espazo seguro para a comunidade LGTBIQ+. “A colaboración con Alas xurdiu de xeito orgánico, xa que tiñamos xente do colectivo dentro do noso centro. En 2019, con motivo do Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte, sacamos unha camisola xunto con Orgullo Coruña e os beneficios obtidos foron doados a esta asociación”, comenta Celeiro.

A iniciativa tivo tal éxito que a partir de entón dende Artabros decidiron manter a iniciativa “e comezar a colaborar cada ano con Alas”, como explica o seu coordinador, para que os cartos que recadasen con cada peza servisen “para apoiar ao Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia”.

O compromiso deste box coa comunidade LGTBIQ+ esténdese os 365 días do ano e, para mostra, as clases que imparten cada sábado co fin de que “as persoas do colectivo se sintan coidadas e seguras”, apunta Telmo.

Ademais, dende Artabros, con motivo do Orgullo 2024, presentarán unha nova camiseta. “Este ano sacaremos unha camisola que terá o lema Amosa as túas cores”, avanza o preparador.

Camiseta que presentará Artabros polo mes do Orgullo / Artabros CrossFit
Camiseta que presentará Artabros polo mes do Orgullo / Artabros CrossFit

O Roller Derby, un deporte inclusivo

A pesar de ser pouco coñecido, o Roller Derby non é un deporte novo. Como calquera outra disciplina ten a súa historia. Nacido en Estados Unidos na década dos 40, este curioso deporte inspirouse nas carreiras con patíns tradicionais realizadas nos anos 20. Ideado por Damon Runyon e Leo Seltzer, esta modalidade acabou converténdose nun estandarte do movemento feminista e da cultura popular norteamericana. Sábeo ben, Ana G. Fernández, presidenta de Alas e fiel seguidora dun deporte, ao seu xuízo, “político e cunha clara vocación irreverente”. Pero se por algo lle chama a atención é por “ser unha disciplina deportiva que se basea na igualdade e na sororidade”.

O xogo, divídese en dous períodos de 30 minutos, tempo no que os dous equipos, compostos por 5 integrantes, tratan de dar unha volta enteira á pista de patinaxe esquivando as férreas defensas do equipo contrario. Cada vez que o logran, vaise sumando un punto ao marcador ata que conclúe o tempo.

Lidia, bench do equipo coruñés Irmandiñas, coñecida deportivamente como Demolisión, lembra con graza os seus inicios no Roller Derby: “Metinme no Roller

Derby despois da pandemia. Naquel momento buscaba unha actividade grupal para ampliar ou meu círculo de amizades, xa que viña de Cangas do Morrazo. Entón un amigo faloume deste deporte. Eu xa o coñecía de velo en filmes, pero o problema era que, co paso dos anos, esquecérame de patinar”.

Aínda así, Lidia marcouse como meta poder practicalo. “Púxenme a buscar un clube e atopei a Irmandiñas. Ofrecen unha escola de patinaxe de iniciación durante todo o ano e iso animoume moito”, lembra.

Coruña Roller Derby Irmandiñas é un clube deportivo sen ánimo de lucro fundado no 2016, que compite a nivel autonómico dende 2017. Como resaltan na súa páxina web, defínense como “persoas apaixonadas da patinaxe co obxectivo de non só competir en Roller Derby, senón achegar a patinaxe a todo o mundo”.

Pero se algo cativou a Lidia a unirse a este conxunto foi sentirse integrada nel dende o primeiro momento. “Encontreime cun espazo totalmente seguro para a comunidade LGTBIQ+. A min non me costa recoñecer que son bisexual e dentro do equipo está totalmente normalizado. Ninguén che vai cuestionar sobre a túa orientación afectivo-sexual, iso é o de menos”, conta orgullosa.

O equipo Irmandiñas durante a Copa Galicia / Alberto Fernández
O equipo Irmandiñas durante a Copa Galicia / Alberto Fernández

A mirada inclusiva respecto á diversidade afectivo sexual e atopar un espazo seguro libre de críticas aos corpos non normativos, tan frecuentes no deporte, remataron de convencer á bench deste equipo. “No meu caso, non percibín LGTBIfobia no Roller Derby. O normal é atopar a persoas de calquera orientación e identidade e iso é algo moi gratificante. Ademais, tamén é un espazo seguro para calquera persoa que queira practicar deporte, sen importar a idade, a relixión e no que tampouco existe o body shaming”.

Precisamente os aspectos destacados por esta deportista coinciden cos promovidos por ADI, que insiste na ineludible necesidade de construír unha contorna deportiva verdadeiramente inclusiva, onde se respecten todas as identidades e orientacións sexuais tal e como o establece o Comité Olímpico Internacional.

Unha tarefa hercúlea

Erradicar a discriminación sexual no deporte require un gran esforzo, xa que esta se pode relacionar coa psicoloxía social, como indica o psicólogo conductual Jose Rivero Caruncho: “O individuo compórtase de maneira diferente cando forma parte dun grupo debido á asociación a unha nova identidade máis forte e protexida, na que a responsabilidade se dilúe entre os membros do grupo”, manifesta.

Ao ser preguntado acerca dos posibles motivos polos cales aos deportistas lles custa tanto recoñecer a súa orientación afectivo sexual, o psicólogo teno claro: “Asumindo que por estatística debería haber menos heterosexualidade no deporte,
poucos deportistas deron o paso aínda, porque os patrocinadores e clubes seguramente non llo permitan”, expresa.

Caruncho tampouco vacila ao sinalar que existe medo “a que as afeccións rivais o usen contra a persoa ou a entidade deportiva”.

A estes factores, o psicólogo coruñés suma un ingrediente que no deporte contemporáneo antóllase capital: a globalización. “Estas persoas son vistas por outras miles de persoas e todo se magnifica nesas esferas. Se saen do armario, automaticamente sábeo todo o mundo, algo que non sucedería cunha persoa anónima”, remarca.

As grandes esquecidas

Outro aspecto sobre o que se incorre no Informe Observatorio 2023 producido pola Agrupación Deportiva Ibérica LGTBIQ+ é o da escasa presenza feminina no deporte, sobre todo en cargos directivos.

A nivel nacional, de 66 federacións apenas tres están encabezadas por mulleres: Elisa Aguilar (Baloncesto), Asunción Loriente (Remo) e Isabel García (Salvamento e Socorrismo).

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Baloncesto España (@baloncestoesp)

Aguilar foi base e capitá, durante máis dunha década, da Selección Española de Baloncesto. Pero tamén pode presumir de ser a sexta xogadora con máis internacionalidades absolutas da historia do combinado nacional feminino (222). O 2 de outubro de 2023, a Federación Española de Baloncesto, o máximo organismo do baloncesto español, por primeira vez nos seus 100 anos de traxectoria deu a benvida á súa presidencia a unha muller. Xusto no ano de celebración do seu centenario,

Por outra banda, Asunción Loriente asumiu o cargo da Federación Española de Remo en febreiro de 2018. Foi reelixida en xuño de 2021 e superou unha sorprendente moción de censura en febreiro de 2022, nun dos capítulos máis convulsos do deporte español. Nunha entrevista concedida ao medio deportivo Relevo, afirmou que “se me chamase Manolo quizais non me fixesen unha moción de censura”.

Falar de Isabel García tamén son palabras maiores. A presidenta de Real, afirmou que “se me chamase Manolo quizais non me fixesen unha moción Federación Española de Salvamento e Socorrismo anunciou, o pasado mes de marzo, a súa intención de presentarse á reelección no proceso electoral que debe celebrarse este ano. A palentina é a muller con máis ampla traxectoria ao fronte dunha federación deportiva na historia do deporte español. Leva no cargo dende 2004 e ocupa postos de responsabilidade tamén no ámbito internacional.

As tres mulleres mencionadas comparten os atrancos que sofren polo seu xénero nun mundo no que predominan os homes. “Grazas a Jenni Hermoso púidose ver a nivel mundial o poder que ten unha sociedade patriarcal sobre os dereitos das mulleres. Parte das enquisadas pola Agrupación Deportiva Ibérica recoñece sufrir maior discriminación polo feito de ser muller que pola súa orientación sexual”, manifestan no Informe Observatorio 2023.

ÚLTIMAS

O Concello invita a retomar a relación co Deportivo trala “rectificación” do seu presidente

Publicaba esta pasada noite o Real Club Deportivo da Coruña, despois do agrio cruce...

“Queremos ir creando unha rede da escena rur-urbana galega”

Emerxe o “tradi” máis electrónico, e tamén emerxe no país a música urbana. Os...

As concentracións de apoio á causa palestina chegan aos barrios

"Contra a Nakba 1948-2024" e "Palestina libre do río ao mar" serán algunhas das...

PP e BNG urxen ao goberno local e ao Deportivo diálogo tras as discrepancias sobre o convenio do estadio

Os grupos municipais de PP e BNG no Concello da Coruña demandaron ao goberno...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here