InicioCULTURASabías que Pablo Picasso se estreou como retratista na Coruña?

Sabías que Pablo Picasso se estreou como retratista na Coruña?

Publicada o

Por editor

Pablo Ruiz Picasso era un neno de 9 anos cando chegou á Coruña, aló polo ano 1891. Aínda que só pasaría na cidade tres anos e uns meses, menos de catro anos, foi un período decisivo na súa vida. O seu pai, José Ruiz Blasco (1838-1913) acababa de obter unha praza de profesor na recén aberta Escola de Belas Artes da Coruña e trasladouse alí xunto coa súa muller, María, e os seus fillos Pablo, Lola e Conchita. Pablo, que era o máis maior dos tres, amosaba certa habilidade para o debuxo e a pintura.

Nesa época, Ruiz Blasco era xa un home maduro. Pasaban os anos e o éxito resistíaselle: levaba tempo exercendo como profesor e conservador en Málaga, en posto mal pagados e non gozaba de demasiado recoñecemento como pintor, aínda que lograba vender algúns cadros. Dende facía algún tempo aspiraba a un traslado que lle permitise mellorar a súa posición e por fin o conseguira. A familia instalouse nun piso no número 14 da rúa Payo Gómez. A casa estaba nunha zona nova onde aínda había poucos edificios construídos.

Fronte á vivenda dos Ruiz Picasso estaba o chalé do doutor Pérez Costales, un amigo da familia. Pérez Costales fóra ministro na Primeira República e era unha persoa moi coñecida na cidade. Para Pablo, o traslado á Coruña supuxo en certo senso unha liberación. Lonxe da tutela da súa avoa e as súas tías, que en Málaga convivían coa familia, e vixilado de lonxe só pola súa nai, divertíase xogando cos seus amigos na praza de Pontevedra, Riazor ou o monte de Santa Margarita. Algunhas das súas diversións favoritas eran saltar ondas na praia, perseguir gatos, pelexarse a pedradas ou xogar a tourear.

O ano da súa chegada matriculouse no Instituto Provincial de Segunda Ensinanza. Non foi un bo estudante: en clase entretíñase garabateando nos libros de texto e mirando as ondas pola ventá e as súas notas foron mediocres. Con frecuencia castigábano encerrándoo no seu cuarto, tempo que el aproveitaba para debuxar. Ao ano seguinte matriculouse tamén na Escola de Belas Artes, que compartía edificio con instituto. Alí tivo como mestres, ademais de ao seu pai, a artistas destacados, como Isidoro Brocos ou Román Navarro. En Belas Artes as súas calificacións foron moito mellores que no instituto.

Consérvanse numerosas pezas académicas realizadas por Picasso, varias delas copiadas de láminas e outras realizadas a partir de modelos de xeso que había na escola, algúns dos cales aínda se conservan. Os pais de Picasso apoiaron en todo momento a súa vocación artística. Regaláronlle álbumes de debuxo, matriculárono en Belas Artes e pagaron a unha nena para que fose a sua modelo en ‘La muchacha de los pies descalzos’. Ruiz Blanco, consciente do talento do seu fillo, adoitaba requirir a súa colaboración para rematar os seus propios cadros, pedíndolle que lle axudase con detalles como as patas das palomas, animais que pintaba con frecuencia.

Na Coruña, Picasso aficionouse a saír á rúa a pintar do natural. Xa entón era un artista prolífico, que deixaba constancia de todo o que lle rodeaba. Pintou a Torre de Hércules, o mar do Orzán, o monte de Santa Margarita e unha estampa rural de San Roque de Afuera, entre outros lugares da cidade. Tamén creou unhas revistiñas tituladas ‘Azul y Blanco’ e ‘La Coruña’, nas que se refería a anécdotas e sucesos locais. Na Coruña estreouse como retratista: pintou aos membros da súa familia e mesmo ao seu can Clíper. Retratou tamén a Pérez Costales e ao seu fillo Modesto Castilla. Tamén se debuxou a si mesmo: os seus primeiros autoretratos coñecidos fíxoos na Coruña.

Impulsada por Pérez Costales, na Coruña tivo lugar, en febreiro de 1895, a primeira exposición de Picasso, que recibiu eloxiosas críticas. Foi no número 20 da rúa Real, un establecemento de venda de mobles. Descoñécense exactamente os cadros que exhibiu, pero poderían ser tres estudos de cabeza dun mismo modelo, un mendigo barbudo. Tamén aquí realizou a súa segunda exposición, esta vez no número 54 da rúa Real, nunha parauguería. Nesta ocasión exhibiu o óleo ‘El hombre de la gorra’. Picasso conservou esta obra no seu poder durante toda a súa vida.

Durante este tempo firmaba habitualmente as súas obras como ‘P. Ruiz’. Ata comezos do século XX non usaría o apelido materno, Picasso. A irmá pequena de Picasso, Conchita, enfermou de difteria e faleceu ao pouco tempo, en xaneiro de 1895. O doutor Pérez Costales atendeuna, pero non puido salvar a súa vida. Foi un golpe moi duro para a familia. Poucos meses despois do suceso, os Ruiz Picasso abandonaron A Coruña. Pode supoñerse que entre os motivos que impulsaron a Ruiz Blasco a tomar esta decisión están o falecemento da súa filla, as desputas internas na Escola de Belas Artes e as malas críticas que recibían as súas obras, a diferenza das de Pablo, que xa apuntaban a un futuro prometedor.

A familia abandonou A Coruña en abril de 1895. Ruiz Blanco conseguira unha praza na Llotja en Barcelona, permutando a súa co coruñés Román Navarro, que entón era profesor alí, pero desexaba volver á Coruña. O único testemuño gráfico que se conserva da estancia dos Ruiz Picasso na Coruña é unha fotografía de Lola feita entre 1891 e 1892 por José Sellier (por outra parte pioneiro do cine español). Picasso non volvería á Coruña, pero a cidade permanecería sempre no seu recordo. Moitos anos despois, gardaba postais con vistas da cidade e sempre conservou algunhas das pinturas infantís que fixera, como unha vista do monte de Santa Margarita, ‘La muchacha de los pies descalzos’ ou ‘El hombre de la gorra’.

ÚLTIMAS

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

Moito se ten falado das Xubias dende que en xullo o Concello lle entregaba...

O avogado do presunto agresor de Samuel Luiz: “podía ocorrerlle a calquera que estivese alí”

A defensa de D.M.M., o mozo que presuntamente iniciou a agresión a Samuel Luiz...

Así foi a alerta nos móbiles da veciñanza da Coruña e Arteixo por un simulacro de accidente na refinaría

Eran as 10:41h deste martes 15 de outubro (soou outa vez ás 10:56h) cando...

Fillas de Breogán viaxan a Lyon para disputar o torneo de clubs máis importante a nivel europeo do fútbol gaélico

O equipo feminino de fútbol gaélico da Coruña, Fillas de Breogán, vai participar no...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here