InicioCULTURA(Vídeo) A outra Luísa Villalta: poesía, música e sensibilidade da man de...

(Vídeo) A outra Luísa Villalta: poesía, música e sensibilidade da man de Estíbaliz Espinosa

Publicada o

Por editor
“Sempre é desandado o camiño”. O camiño que Luísa Villalta fixo e refixo, andivo e desandou foi novamente redescuberto. E non foi unha redescuberta calquera, senón un percurso cheo de poesía, de música, de amor e sensibilidade. Un amor e sensibilidade que gozaron preto de medio cento de persoas da man doutra muller que percorre e fai camiños, conta galaxias e namora coa voz; Estíbaliz Espinosa.
A poeta, ensaísta, tradutora, cantante e comunicadora de ciencia galega foi a estrela, e non fugaz, precisamente, da andaina organizada este pasado sábado polo proxecto Rutas de Historia e Historia de Galicia e que contou co apoio de Xornal da Coruña e Galicia Confidencial. Un percurso literario e místico polo máis fondo da obra da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Estíbaliz percorreu os espazos vitais de Luísa, os lugares míticos da poeta comezando pola Rosa dos Ventos da Torre, o Papagaio, o Concello da Coruña, o Obelisco, o Pazo da Ópera e a Falperra, na casa onde viviu.
“O Guerreiro venceu e trouxo o Norte
Desde entón o vento acumula na Cidade moreas deste nome
para manter acesa a lumieira do Faro
Vento que vén de vez e pasa marmexando (norte, norte)
nos ouvidos (norte)
e move a luz do Faro en catavento (arredor do norte)
a alumear o instante que se vai sempre sen mirarnos”
Roteiro de Luísa Villalta, con Estíbaliz Espionsa, na Torre de Hércules / Alez Pazó – Rutas de Historia
E alí, ao pé da Torre de Hércules e ante a caveira de Xerión, onde todo naceu os participantes souberon dos montes, os illotes, as praias, os lugares esquecidos, os nomes dos mortos e os nomes dos vivos, as rúas, as casas, a xente da Coruña, do mundo íntimo de Luísa Villalta. E a xente da andaina de Rutas de Historia marchou pola cidade ata outro dos lugares sementado en tinta de carraxe na obra de Villalta; o antigo barrio do Papagaio. Uns deses barrios que a xente “de ben” evitaba e que e a xente de mal facía que, curiosamente, fose un lugar de ben, ou depende de quen o mirara. Alí, soubemos da historia de Margarida,  a quen “todos os homes lle cheiraban a vaca”.
“Éramos poucas a aquela hora.
Margarida levaba tempo pechada no baño.
Podía ir dura de ventre ou estar cortándose as veas,
como cada vez que entraba no retrete da memoria”
E a xente tamén entrou no retrete da memoria camiñando cara o centro ou o que semella ser o centro. E alí, onde disque María Pita fixo fuxir ao terrible pirata Francis Drake, Estíbaliz lembrou que no edificio, corazón da urbe “cabeza, llave y guarda, fuerza y antemural del Reino de Galicia”, todo é como parece ser, ousexa que é como parece; nenos xogando, rebuldaina, rebumbio e homes que nunha sala grande tenta manexar os dominios de Xerión.
“Cando o reloxo dé as últimas doce e levante o pleno do día
os acordos ficarán como sempre
pendentes de tramitación”
E, precisamente, co reloxo dando as e cuarto, o medio cento de persoas marchou cara o oblisco e ese pulmón verde da cidade que son os xardíns de Méndez Núñez. Alí falouse da Villalta políedrica, ou dos poliedros e xogos de palabras que a poeta coruñesa imprimía a boa parte da súa obra. O “sator arepo tenet opera rotas”, o enigmatico Cadrado Sator romano que se pode ler de atrás para adiante e de arriba para abaixo.
“Marchemos cara a cara até nós mesmos
e enfrontar o sorriso de puñal
que nos mostre o final dos siloxismos”
Estíbaliz Espinosa no roteiro sobre Luísa Villalta diante da poeta / Inés – Rutas de Historia
E marchamos novamente na procura o principio do principio, no lugar onde todo comezou, a casa natal de Luísa, no barrio de Falperra.
” Esa son eu
rubindo unha e outra vez as escadas
dun mundo posíbel
separado sempre pola idade, a teima
e a vontade íntima de voar
No alto da miña casa alta
e por cima un país nas nubes
lidando co sol difícil do Norte
que sempre se rende ás gadoupas do mar
e esquece ficar para quecerme”
Alí, onde a voz da poeta comezou a dar formas e o son do seu violín tinguiu de sabores e sinsabores a realidade cotiá da Coruña de tinta e mar, rematou un roteiro cheo de maxia e de poesía, de risos e algunha bágoa, de amor e sensibilidade e, como non, de música. A música coa que Estíbaliz quixo honrar á poeta e creadora de palabras Luísa Villalta.
“Cando penso que te fuches
Negra sombra que me asombras
Ó pé dos meus cabezales
Tornas facéndome mofa
Cando maxino que es ida
No mesmo sol te me amostras
I eres a estrela que brila
I eres o vento que zoa
Si cantan, es ti que cantas
Si choran, es ti que choras
I es o marmurio do río
I es a noite I es a aurora
En todo estás e ti es todo
Pra min I en min mesma moras
Nin me dexarás nunca
Sombra que sempre me asombras”

ÚLTIMAS

O centro da Coruña, totalmente limpo, mentres que Os Rosales-Labañou a recollida é do 5%

O lixo acumulado nas rúas da Coruña diminúe nunha nova xornada con colectores incendiados en...

Xa temos cartel do Festival Noroeste 2024

Este venres preséntase o programa completo da 37ª edición do Festival Noroeste. Como sempre,...

Así está a porcentaxe de limpeza do teu barrio

A Comisión de Seguimiento da emerxencia sanitaria composta fixo onte balance estado actual da...

A empresa Valoriza xa comeza a realizar a recollida do lixo

O Concello contrataba na tarde de onte á empresa Valoriza a recollida de lixo...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here