Presentou esta mañá o Concello da Coruña o proxecto definitivo de remodelación da contorna dos Cantóns, entre Juana de Vega e a Autoridade Portuaria. Unha actuación en clave de humanización, que aproveita o proceso de peonización aberto na pandemia, e que aportará 9.500 metros cadrados de uso peonil, entre a rúa Real e a praza de Lugo.
O proxecto permitirá abrir unha de porta de entrada aos espazos portuarios de Batería e Calvo Sotelo a través da penización da rúa Entrexardíns, trasladando a parada do transporte metropolitano á rúa Alcalde Manuel Casás, xunto ao Teatro Colón. Así mesmo, o Obelisco gañará protagonismo, “recuperando a imaxe clásica dos Cantóns”.
Si que terán que cambiar a ubicación do metrosidero do Obelisco polas previsións de crecemento.
Foron os seus redactores Xosé Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud Romero, os encargados de debullar as claves dun proxecto que conta cun orzamento de 8 millóns e un prazo de execución de 24 meses.
Cambios de tráfico
A zona quedará cun carril por sentido, beirarrúas máis amplas e un novo carril bici bidireccional que transcorrerá en paralelo cos xardíns de Méndez Núñez.
Ademas de Entrexardíns, tamén se peonalizará o treito de Santa Catalina entre Durán Loriga e os Cantóns, cambiando o sentido do resto da rúa en dirección a San Andrés. Como alternativa a ese cambio habilitarase un xiro á esqueda na praza de Mina para os vehículos que veñen da rúa Juana de Vega.
Esta situación suporá modificacións no percorrido das liñas 3 e 7 do transporte urbano, que pasarán a empregar ese xiro á esqueda.
A praza de Mina reordenarase para simplificar e mellorar a seguridade, cun novo paso de peóns no entronque da praza coa rúa Sanchez Bregua. Establecerase tamén un anel arredor do edificio de Correos e manterase a saída cara a avenida do Porto.
A nova bancada, solución á rampla do aparcadoiro
Outro dos elementos que destacan dentro do proxecto será a nova bancada, que se levantará como solución para a eliminación do acceso rodado ao aparcadoiro subterráneo, que quedará adaptado como acceso peonil, cunha parte de escaleiras e outra de rampla, e se complementará coa instalación dun ascensor que dará acceso aos dous sotos do aparcadoiro.
Máis novas
Parque Ciudad “Monte Martelo”, un parque que cambia unha cidade
Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma