InicioDEPORTESUn cento de ultras do Málaga C.F. provocan altercados nas inmediacións de...

Un cento de ultras do Málaga C.F. provocan altercados nas inmediacións de Riazor

Publicada o

Por europapress

Un cento de ultras do Málaga provocaron altercados durante a noite deste sábado nas inmediacións de Riazor, na Coruña, onde este domingo se disputou o encontro entre o RC Deportivo e o Málaga Cf, declarado de alto risco pola Comisión Antiviolencia. . Os feitos producíronse sobre as 23.00 horas, cando un grupo de ao redor dun cento de ultras do equipo andaluz comezaron a provocar desfeitas pola contorna da rúa Manuel Murguía.

En concreto, esnaquizaron a cristaleira dun bar e diferentes obxectos tanto do establecemento como do mobiliario urbano. En imaxes difundidas por redes sociais tamén se pode observar a este grupo tirando obxectos cara ao estadio de Riazor, ademais de a varios coches que circulaban nese momento pola zona. Neste contexto, durante a mañá do sábado víronse imaxes de numerosos grupos de persoas vestidas de negro con paus e barras por diferentes zonas da cidade, como o barrio do Orzán ou o Paseo de Riazor.

Os ultras do Málaga, despois de provocar os altercados marcharon en furgonetas cara Ordes, onde estaban aloxados.  Pola mañá volveron armala e estiveron un tempo armando caos pola cidade sen escolta policial.


DOUS DETIDOS DA AFECCIÓN DO DÉPOR POR ENFRONTAMENTOS COA POLICÍA

En total, dúas persoas foron detidas este domingo por enfrontamentos coa Policía. Fontes policiais confirmaron a Europa Press que as persoas detidas, tras enfrontamentos coas unidades de intervención policial na zona da Praza de Pontevedra, están relacionadas coa afección do Dépor. Así mesmo, estas mesmas fontes sinalaron que non se tratou dun enfrontamento entre afeccións.

REPULSA DOS CLUBES

Nun comunicado, o RC Deportivo mostrou a súa “máis firme repulsa” e a súa “condena” aos actos vandálicos producidos na cidade herculina. Así mesmo, expuxo que fará “todo o posible para perseguir” aos responsables. “O fútbol é un deporte que promove a irmandade das afeccións; e a cidade da Coruña e os afeccionados do Dépor merecen respecto”, afirmou.

Nesta liña, manifestou que o clube vai salvagardar á súa afección, que foi “un exemplo de deportividade por todas as cidades ás que se desprazou”. Pola súa banda, o Málaga CF colgou unha mensaxe nas súas redes sociais no que expresa o seu “rexeitamento aos episodios violentos vividos onte á noite na Coruña”. “Este tipo de situacións non representan ao malaguismo”, resolveu.
O adestrador malacitano dixo que “isto ten que acabar no fútbol”, pero os xogadores ao remate do partido foron agradecerlles aos ultras o seu apoio.

Do mesmo xeito, LaLiga condenou tamén os incidentes, que considera que “prexudican gravemente” a imaxe do fútbol español. “LaLiga condena enerxicamente os incidentes violentos ocorridos na noite de onte por parte de afeccionados radicais do Málaga CF. Estes actos non teñen cabida no deporte nin na sociedade, e prexudican gravemente a imaxe do fútbol español”, apuntou. “Como parte do noso firme compromiso coa erradicación da violencia no deporte, LaLiga personarase como acusación nos procedementos xudiciais que se deriven destes feitos, colaborando coas autoridades para identificar e sancionar aos responsables”, finalizou.

Mentres, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, condenou os “intolerables actos protagonizados por seguidores do Málaga” na cidade e a súa “solidariedade cos negocios afectados”. Tamén apuntou que a Policía traballa para identificar os responsables do ocorrido e “responderán ante a Xustiza”. “Pido responsabilidade para o partido de hoxe (domingo) en Riazor”, conclúe.

ÚLTIMAS

O Pleno tamén aproba a Ordenanza para regular as Vivendas de Uso Turístico

Ademais do rexeitamento da proposta dos Orzamentos 2025 e a convocatoria por parte do...

O colectivo sanitario sae á rúa para esixir “un traballo seguro”

Continúa mobilizándose o colectivo sanitario da Coruña en apoio ao enfermeiro e garda agredidos...

Finalizada a instrución polo crime de Cabanas e decreta a apertura de xuízo oral

O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol finalizou a instrución polo crime de...

Denuncian unha marea de pingueiras que asolagan o Hospital Marítimo de Oza “dende hai anos”

Persoal do Hospital Marítimo de Oza, dependente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC),...