InicioCULTURAQue problemas ten o galego para ser útil en Internet?

Que problemas ten o galego para ser útil en Internet?

Publicada o

Por Anxo Sánchez

O estado do galego e Internet

Co paso dos anos Internet volveuse omnipresente nas nosas vidas, tanto no ámbito persoal como profesional. No ámbito persoal, as redes sociais, como Facebook e Instagram, axudan a conectármonos con amigos e familiares, mentres que plataformas como YouTube, Tiktok e Netflix proporcionan horas de entretemento. No ámbito profesional, a influencia de Internet tamén se fai sentir de forma significativa nos negocios.

Empresas de todas as dimensións están a aproveitar as oportunidades que ofrece a rede. Desde o tendeiro local que anuncia os seus produtos nunha páxina web ata a multinacional que utiliza a Internet para expandir o seu alcance global, a presenza en liña é crucial. E dar as costas a esta realidade só prexudica o mercado galego.

A presenza do galego na rede

O éxito de Internet nas nosas vidas non supuxo un pulo decisivo para a nosa lingua. A presenza do galego en Internet e nas redes sociais é baixo e se non diminúe máis, é porque o activismo lingüístico en galego é teimudo e traballa arreo para mellorar a situación.

Neste punto atopámonos con dous grandes factores que inflúen decisivamente á hora de analizar o desenvolvemento do noso idioma no mundo dixital:

  1. O uso do galego na rede e os contidos que existen.
  2. Os xigantes de Internet que utilizamos día a día.

O uso do galego na rede e os contidos que existen

Radiografar a realidade do idioma en Internet é moi complexo. Como se pode comprobar cunha busca de información, existe moita controversia neste punto [1] [2]  e non temos á man datos definitivos que nos permitan decantarnos por unha situación ou outra.

Pódense facer estimacións máis ou menos realistas, mais non é posible asegurar que eses cálculos sexan correctos. Por exemplo, W3Techs mantén actualizados unha serie de rankings de uso de Internet, entre eles a do idioma [3]. Na súa comparativa anual pódese observar unha teórica pequena mellora no uso do galego, estando presente no 0,009% das páxinas web do mundo.

Neste punto cómpre indicar que estes datos son estimacións baseadas nun modelo de análise automático dunha mostra de varios millóns de sitios web [4], non unha mostra completa de Internet. Para iso depéndese por enteiro de buscadores como Google ou Bing, os cales non revelan cantos sitios web almacenan as súas bases de datos nin o seu idioma.

Algo similar pasa coas redes sociais, plataformas propietarias pechadas en que é imposible obter ningún dato de uso agás as escasas estatísticas propias de cada perfil ou os reportes de uso xenérico que elas mesmas achegan.

O que si é posible afirmar é que Internet non é alleo á perda de falantes no mundo real [5].

De xeito progresivo, a xente non usa a lingua no día a día, dá igual que sexa en Internet ou no supermercado.

Cómpre destacar que se chegamos até hoxe nesta situación, e non peor, é por iniciativas en moitos casos particulares ou asociativas.

Convídoche a pensar cantos proxectos en galego en Internet coñeces. Se cadra es quen de nomear 100. De memoria son moitos, mais no océano que é Internet, non representan nin unha pinga de auga.

Sendo conscientes de que nalgúns eidos si existen contidos escritos e audiovisuais completos e multicorais (por exemplo, divulgación cultural e histórica, lingüística ou de lecer/variedades [6] [7] [8] [9]), na maioría de temas a presenza do idioma é anecdótica, residual ou inexistente, nomeadamente se analizamos os contidos vinculados ao eido profesional ou empresarial.

E, máis polo miúdo, a meirande parte da creación céntrase no vídeocurto/efémero vertical para as plataformas Tiktok e Reels, deixando nun segundo plano o vídeo longo, o podcast, os blogs, boletíns/newsletters ou en xeral as páxinas web e o eCommerce.

Para mostra disto último, analicemos a situación do noso dominio propio, o .GAL. Existen nestes intres algo máis de 7.000 dominios .GAL rexistrados [10] desde o 2014, momento no cal comezou a ser posible mercalos.

Nun intervalo temporal semellante, o dominio .EUS suma o dobre [11] e o dominio .CAT, activo desde hai xa 18 anos, chega a máis dos 111.500 rexistros [12].

O baixo número de rexistros en comparación ten moitas explicacións sociais, económicas, políticas e tamén técnicas, das que falaremos un pouco máis abaixo. Mais tamén demostra que hai un gran campo de actuación por diante e a oportunidade de posicionarse para moitos proxectos e marcas.

Os xigantes de Internet que utilizamos día a día

Neste punto é preciso partir dunha premisa. Cando navegamos en Internet, cando consumimos contidos, cando os creamos ou cando os buscamos, facémolo case na súa totalidade a través de produtos ou servizos creados e xestionados por corporacións multinacionais privadas.

Tamén a propia tecnoloxía que nos permite o acceso a Internet, como as computadoras, os móbiles e os sistemas operativos instalados neles, están na súa maior parte vinculados directa ou indirectamente a estas mesmas corporacións.

Naturalmente estes xigantes tecnolóxicos teñen a súa propia axenda e intereses económicos e sociais, e en moitos casos non casan coas necesidades da comunidade en galego.

Para buscar contidos, a cota de mercado de Google supera o 95% no noso entorno xeográfico [13]. Quen teña un proxecto que non saia en Google, terao moi difícil para a difusión, comercialización e escalabilidade. Tradución disto? O seu monopolio, as súas normas.

Para navegar, Chrome apoderouse do mundo e os seus competidores inmediatos tampouco son mellores: Safari e Edge [14]. Só Firefox intenta romper coa tendencia monopólica.

En redes sociais, ningunha das principais está fóra destas lóxicas [15]. Facebook e Instagram son propiedade de Meta. YouTube é propiedade de Alphabet (do mesmo xeito que Google). X é propiedade de Elon Musk. Twitch de Amazon. Tiktok de ByteDance. A alternativa aberta a todas elas que máis tirón tivo foi Mastodon, cuxo uso é residual.

A única excepción parcial a este dominio corporativo atopámola na creación de páxinas web, con WordPress liderando este ranking. Desta volta si, ferramenta de Software Libre con interfaz traducido 100% ao galego [16] e que permite crear páxinas web no que figure o código idiomático do galego (gl_ES).

A onde quero chegar con isto? Esta realidade é imposible de obviar á hora de analizar a presenza, uso e utilidade do galego a través destas plataformas.

Google

Comecemos co que é, con toda probabilidade, o maior dos impedimentos para a medra do galego en Internet: a busca de Google. Google non ten en conta as buscas en galego e, por defecto, mostra resultados en castelán.

Isto é unha traba maiúscula. Google rexistra miles de millóns de buscas diarias no mundo [17], de todos os temas e de todas as disciplinas. O seu uso é esmagador por todas as xeracións independentemente da idade (nota: a xeración Z tamén usa Tiktok como buscador) para procurar infinidade de cousas: novas, titoriais, dúbidas, receitas, lecer…

Pensa entón un intre no que isto significa. Se unha páxina web en galego, se un blog en galego, se un eCommerce en galego é invisible para o posicionamento web en Google, cal é o incentivo que pode ter calquera persoa cun proxecto ou negocio en crear un sitio en galego? Só o activismo lingüístico? O compromiso? Iso lévanos a un punto de residualidade máxima.

É certo que Google se pode configurar para que mostre o interface en galego. Iso mellora algo a busca, pero non arranxa o problema. Segue mostrando os resultados en castelán porque non ten implementado a nivel técnico o chamado filtro de idioma para os resultados [18].

É dicir, non existe a posibilidade de ver resultados en galego ante unha busca en galego, cousa que si é posible no catalán ou no castelán.

Malia que non existe ningún estudo recente a día de hoxe que demostre que impacto real ten isto (a última referencia data de 2008 [19]) podemos presumir que é un impacto brutal.

O que si podemos facer é establecer un paralelismo entre o galego e o catalán, onde si existen datos recentes que demostran como un pequeno cambio nos resultados de busca en Google poden provocar un aumento na visiblidade ou na invisibilidade do contido [20] cando si existe filtro de idioma nos resultados.

YouTube

Continuamos con YouTube, o buscador por excelencia para contido en vídeo. Non só arrastra o mesmo problema da busca que Google, onde ante procuras en galego os resultados que mostra son en castelán. Se non que ademais diso, non ten implementada a “burbulla” de contidos para o galego [21].

A burbulla de contidos é un funcionamento propio das redes sociais onde os contidos que se mostran a continuación teñen relación cos que viches anteriormente. Pensa por exemplo na suxestión de vídeos que se mostran na barra lateral de YouTube ou cando rematas de ver algo.

Pois co galego non existe esa burbulla. Non hai recomendacións de contidos no noso idioma. Logo de ver un vídeo en galego, por norma xeral, as suxestións serán de vídeos en castelán e non doutros vídeos en galego. Este funcionamento de burbulla, que nos permite coñecer novos creadores e novos contidos, non aplica para o galego o cal significa na práctica unha invisibilización dos creadores que non se coñecen previamente.

Os casos de Google e YouTube son especialmente graves, e non só polo número de usuarios que os utilizan, se non porque tanto no código de programación das páxinas web como nos vídeos que se suben, está perfectamente indicado o idioma. É unha cuestión de vontade!

Para finalizar co nefasto ecosistema de Alphabet a respecto das buscas, coñecida foi a súa histórica deturpación toponímica no Google Maps [22], corrixida de xeito parcial moi recentemente (setembro 2024)  [22.1] ou a inexistencia dun dominio propio .GAL para o buscador. Cousa que non sucede co .CAT.

Proba a acceder a google.cat e a google.gal e verás a diferenza.

Publicidade online

Se nos referimos á publicidade online, a cousa non mellora. Isto aplica principalmente a proxectos de divulgación, autónomos ou empresas que teñan como obxectivo acadar máis impacto ou conseguir novos clientes. Mais, con todo, afecta ao conxunto do uso do galego en Internet.

As principais plataformas de anuncios online como son Google Ads, Meta Ads (Facebook e Instagram) e Tiktok Ads non ofrecen a posibilidade de que o idioma do anuncio sexa o galego e, no mellor dos casos non funcionan ben eses anuncios, e no peor elimínanse [23] [24].

Nestes intres a publicidade en Internet é tan ou máis importante que a que se realiza de xeito tradicional. Imaxina que non existise a posibilidade de colocar un panel en galego, un anuncio nun xornal ou unha cuña de radio. Iso mesmo é o que se impide en Internet. Tanto por acción (eliminación de anuncios) [24.1], como por omisión (mal funcionamento).

Por exemplificar a problemática na plataforma posiblemente máis grande de todas, Google Ads, o galego está ausente da súa lista de idiomas permitidos [24.2].

É máis, a súa política di: “No se aprobará ningún anuncio creado en un idioma no disponible. Los idiomas disponibles en la segmentación por idioma se pueden utilizar en anuncios y destinos”.

Nesta última frase están dicindo en positivo que os idiomas que non están dispoñibles na segmentación por idioma, non se poden empregar nin en anuncios nin en páxinas de destino.

E se nos referimos a gañar diñeiro coa publicidade, a cousa non mellora. Para entendérmonos, as vías de ingreso publicitario máis importantes en Internet son: colocar banners a través dos principais servizos de inserción de publicidade nunha páxina web (o que se coñecía como Google Adworks) ou incluír pausas publicitarias en vídeos subidos a YouTube ou Facebook.

Pois tampouco funcionan en páxinas web cuxo contido está escrito en galego ou en vídeos cuxo principal idioma é o galego. Neste caso son bots automáticos quen o detectan, polo que a única opción é intentar enganalos. Cousa que está difícil.

En Internet existen moitos proxectos que gañan diñeiro mediante a inserción de publicidade automática, algo que para nós está pechado.

Redes sociais

En canto ás redes sociais o panorama é diverso. Por defecto, ningunha delas impide a subida de contidos en galego nin, a priori, o algoritmo penaliza o seu uso. Se cadra, o problema será máis ben que ese algoritmo entenda a quen deben mostrar os vídeos.

Isto está a debate [25], pois non hai datos que o avalen.

No que si presentan problemas algunhas delas é no idioma do interface, o cal non está traducido, a tradución está incompleta ou presenta moitos erros.

Outro dos problemas é o etiquetado de idioma. En plataformas como Twitch non permiten indicar que a transmisión de contidos está feita en galego, polo que o filtrado por idioma é imposible no noso caso. Noutras redes, as usuarias e usuarios crearon cancelos propios para agrupar o contido no noso idioma e así facilitar as buscas [26].

Por último, no tocante á irrupción da Intelixencia Artificial, os resultados son diversos. Centrándonos na aplicación máis famosa de IA xenerativa que é ChatGPT baseado no modelo GPT 3.5, GPT 4 e GPT 4o o uso do galego é posible mais presenta diferentes erros na resposta. Dado o potencial que presenta a Intelixencia Artificial nos próximos anos, existen diferentes proxectos para que o galego non fique atrás tamén neste eido [27] [28] [29].

Conclusións

A tenor do indicado e do conxunto das fontes consultadas, extraemos 6 ideas a modo de conclusións a respecto do galego en Internet:

a. O uso do galego en Internet é reflexo do uso social.

Non se pode separar a rúa de Internet, e a situación social do galego tamén se reflicte no mundo dixital. Con todo, e malia as dificultades e a escasa presenza, si se detecta unha onda favorable por parte dos usuarios que atopan no galego unha ferramenta comunicativa e libre dalgúns prexuízos que aínda leva asociado noutros entornos sociais.

b. Contidos en galego.

O número de contidos en galego en Internet continúa a ser cativo e, en moitos casos, inexistente. Do mesmo xeito que é preciso que existan series e películas en galego nas plataformas máis populares, tamén se precisan máis medios de comunicación en galego, máis podcasts, máis vídeos, máis artigos de blogs, máis usuarios nas redes… e máis negocios cos seus sitios web e comercios electrónicos no noso idioma aproveitando as súas potencialidades.

Contidos de todo tipo e condición: desde o coidado da horta, ata a cociña, a mecánica, a moda, o fogar, a cultura, o márketing, as finanzas, a política…

c. Alcance e mercado.

Contra o prexuízo establecido de que o galego limita, afirmamos que en xeral é precisamente o contrario. Alén de que non hai ningunha razón máis poderosa para utilizar o galego que ser a nosa propia lingua, en moitos casos o rexeitamento vén dado pola errónea conclusión de que en galego se chega a menos xente.

Por unha banda, nunca nos diriximos a todo o mundo. Os nosos contidos están pensados para un público concreto. Isto chámase segmentar a audiencia.

Chegar a ese público será moito máis sinxelo nun entorno con menos competidores, onde destacar non é algo que dependa dos cartos que poidas investir. Polo xeral será máis sinxelo ser o peixe que destaque nunha pequena lagoa, que intentar facelo na inmensidade do mar.

Un exemplo moi claro disto é a cantidade de dominios de Internet .GAL que están libres. Algúns dunha soa palabra, de poucas letras. Algo que noutras extensións como a .COM ou a .ES é imposible de atopar.

Imaxinas as posibilidades que tería o teu negocio local se foses quen de rexistrar pizza.es, coches.com ou bodas.es. Pois co .GAL podes. As oportunidades están aí!

d. Acción individual.

Malia que a acción individual en moitas ocasións é pouco menos que inútil, hai certas cousas que podemos facer para axudar a incrementar a presenza do galego no día a día. E non todas implican divulgar ou crear.

Unha delas é configurar o sistema operativo, os navegadores, os buscadores e o propio móbil en galego para que quede rexistrado que navegamos nesa lingua e que somos galegos.

A isto súmase utilizar e apoiar proxectos de software libre, onde o galego ten moito máis peso grazas á comunidade de tradutores voluntarios.

Se cadra, se comezamos a aparecer nas estatísticas algo se mova. Aquí tes unhas guías creadas por .GAL que che poden axudar.

e. Acción colectiva.

Desde hai polo menos dúas décadas a comunidade galega en Internet articulouse para que a lingua tivese ferramentas e presenza. Desde os primeiros medios de comunicación e redes de blogs, ata as actuais comunidades de creadores, pasando por moitas iniciativas de galeguización actuais e pretéritas.

Asociarse, colaborar e crear deben ser unha das ferramentas útiles neste punto.

f. Acción institucional.

Non podemos levarnos a engano. Para que as corporacións multinacionais movan ficha é necesaria a acción institucional, algo que moitos botamos en falta. É preciso que a institucións galegas tomen medidas para que se comecen a mover as pezas.

Se se conseguiron noutras linguas, por que non sería posible na nosa?

Notas:

  • [1] Internet é o lugar “onde máis medra o galego” e un “mar de oportunidades” (Diario de Pontevedra, 2018).
  • [2] A lingua galega perde peso en Internet e segue moi por debaixo do catalán e éuscaro (Galicia Confidencial, 2020).
  • [3] Usage statistics of Galician for websites (W3techs, 2024).
  • [4] Methodology (W3techs, 2024).
  • [5] O cativo uso do galego en Internet e nas redes sociais, un freo para a normalización da lingua. (Praza, 2019).
  • [6] Comeza a cuarta década da rede en galego, que nos vai traer? (Vinte, 2021).
  • [7] Streamers. Máis de 60 xogadores comparten as súas partidas en directo e en galego (Vinte, 2021).
  • [8] Os mellores momentos da internet galega en 2021. (Vinte, 2021).
  • [9] TikTok, a plataforma dos novos creadores de contido en galego. (O salto, 2023).
  • [10] Dominios .GAL.
  • [11] Dominios culturais e territoriais reúnense con rexistradores na Coruña. (Asociación.gal, 2024).
  • [12] Domini .CAT.
  • [13] Cuota de mercado de los principales motores de búsqueda online en 2023 (Statista, 2023).
  • [14] Google Chrome se ha apoderado del mundo. (Statista, 2023).
  • [15] IAB Spain presenta la XI Edición del Observatorio de Marcas en Redes Sociales (iabspain, 2023).
  • [16] Comunidade de tradutores a galego de WordPress.
  • [17] 50 estadísticas sobre las búsquedas de Google. (Semrush, 2023).
  • [18] Gravación propia.
  • [19] Google podería estar a crear unha fenda lingüística. (Código Cero, 2008).
  • [20] Google millora els resultats de cerca en català. (Fundaciò .CAT, 2024).
  • [21] Denuncian a discriminación do galego por parte de Google Ads. (Código Cero, 2018).
  • [22] Os mapas dixitais polo seu nome. (A Mesa, 2022).
  • [22.1] Google Maps comeza a respectar a toponimia oficial galega. (G24.gal).
  • [23] Denuncian a discriminación do galego por parte de Google Ads. (Código Cero, 2018).
  • [24] Unha campaña exixe a Tik Tok que acepte o galego como lingua oficial. (Nós Diario, 2021).
  • [24.1] Rei Zentolo, contra o algoritmo de Google: “as principais ferramentas publicitarias toman o galego como unha errata”. (Praza Pública).
  • [24.2] Sobre idiomas dispoñibles na interfaz de Google Ads. (Google).
  • [25] Cal é o futuro da lingua galega na Internet…? Vale para as redes sociais ou as buscas en Google? (Galicia Confidencial, 2023).
  • [26] Exemplo #tiktokengalego que agrupa todo o contido en galego no Tiktok. Fonte. Ou #engalego no Instagram.
  • [27] Como evitar que o galego morra na rede: o Chat GPT e o Proxecto Nós. (Galicia Confidencial, 2023).
  • [28] Proxecto Nos.
  • [29] “Ola, Cabuxa”: así é o Chat GPT galego que deseñan na Coruña. (GCiencia, 2023).

 

Novas relacionadas

O castelán supera ao galego por primeira vez como lingua maioritaria en Galicia

ÚLTIMAS

Estas son as imaxes escollidas para o Calendario da Coruña 2025

O Concello da Coruña seleccionou as 13 imaxes que formarán parte do calendario municipal...

O movemento pola Paz pediu o cese do xenocidio en Palestina e Líbano

Este pasado sábado celebrouse no Obelisco, como en máis de 50 cidades e capitais...

A Asemblea Nacional do BNG sae co obxectivo de “Gobernar Galicia en 2028”

David Soto, Avia Veira e Mercedes Queixas pasan a formar parte da executiva nacional.  

Demandan un acordo institucional para instar ao Estado a que non apele a sentenza sobre a cesión do antigo cárcere

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña demandou un acordo entre administracións, institucións e...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here