A médica forense experta en psiquiatría que elaborou, xunto a outros dous facultativos, o informe psicolóxico do home acusado de asasinar á súa parella no barrio coruñés do Birloque, en setembro de 2021 tras querer ela romper a relación, cunha convivencia previa desde xullo, ratificou que “non presenta ningún tipo de patoloxía nin grave nin moderada”. Fíxoo este xoves no xuízo que se celebra, con Tribunal de Xurado, na Audiencia Provincial da Coruña, onde a vista continuará o vindeiro luns, día 28, coa exposición das conclusións das partes.
Nesta xornada, fronte á hipótese exposta pola defensa do procesado (que apuntou que no momento dos feitos tiña as súas capacidades volitivas e cognitivas afectadas, algo que rexeitan as outras partes) o perito manifestou que o home si presenta “síntomas menos graves” como ansiedade, nerviosismo e susceptibilidade xeneralizada. Non entanto, asegurou que estas alteracións “non afectan as funcións psíquicas superiores, intelixencia e vontade”.
CONSUMO DE ALCOL E DROGAS
Cuestionada pola declaración do acusado na primeira sesión do xuízo na que alegou consumo de drogas e alcol o día dos feitos, a facultativa explicou que “non hai probas clínicas” que indiquen que estaba baixo estes efectos. “Non podemos afirmar nin negar que xusto no momento dos feitos consumise algo”, insistiu. Tamén sobre a intervención do procesado na que afirmou que colleu o coitelo co que presuntamente matou á muller porque quería quitarse “do medio”, o perito apuntou que “a ameaza de suicidio por un parella home supón un alto risco de homicidio”. “É un modo de chantaxe”, apostilou.
Entre outras testemuñas, nesta xornada tamén testificaron, entre outros, os médicos forenses que elaboraron o infome do caso. Cuestionados pola fiscal sobre o número de puñaladas asestadas á vítima, un deles explicou que non poden “pór unha cifra” e apuntou que “como mínimo cinco”. “Non sabería dicirlle, poderían ser cinco ou 25”, dixo. En calquera caso, asegurou que a morte se produce “en segundos ou minutos mesmo”.
PETICIÓNS DE CONDENA
O Ministerio Público e acusación particular solicitan para o acusado dunha pena de 25 anos de cárcere por un delito de asasinato. A fiscal sinala que, como agravantes, hai “como mínimo” aleivosía, parentesco e de xénero e incide en ausencia de “colaboración”, algo que remarca tamén a acusación particular, quen aludiu a falta de arrepentimento. A defensa, pola súa banda, reclama a cualificación de homicidio para o procesado. En relación aos feitos, as acusacións sosteñen que cun coitelo asestoulle varias puñaladas, algunha por detrás, “de forma sorpresiva e repentina” cando ela lle comunicou que quería romper a relación e que abandonase o piso. Para fuxir, o home, sosteñen, apoderouse de diñeiro da vítima.
O acusado, de 51 anos no momento dos feitos, e a muller, de 55 anos, convivían como parella desde xullo de 2021 nun piso propiedade dela. Fiscalía sostén que entre a tarde do 14 de setembro e a madrugada do día seguinte mantiveron unha discusión, motivada pola decisión da vítima de acabar a relación sentimental e na que lle pediu que se marchase de casa. Tamén argumenta que, tras iso, “de forma sorpresiva e repentina e por detrás”, o procesado (detido en Madrid o día 16) “asestoulle un número non determinado de puñaladas” que lle ocasionaron a morte á muller, apoderándose de diñeiro dela para fuxir. Para Fiscalía, o home non aceptou a ruptura, “desprezando a vontade da muller de pór fin á relación, e decidiu acabar coa vida” dela cun coitelo co que lle deu “mínimo dúas” puñaladas nas costas, ademais de recibir noutra zona do corpo “un mínimo de cinco”.