- Xornada 23 – Burgos CF 0 – Deportivo – 1
- O Depor amosa a súa versión mais letal de novo lonxe de Riazor.
- Décimo encontro de Oscar Gilsanz como adestrador do Depor (5V 3E 2D).
— — —
Unha das cousas que máis lles gusta aos afeccionados ao fútbol son as fichaxes, os rumores e as elucubracións de operacións imposibles que moitas veces saen dos propios medios de comunicación ou dos propios representantes con intereses económicos en colocar aos seus representados. Cobran especial forza en dous momentos do ano, un deles en verán e o outro en inverno. Se a todo isto lle engadimos que as redes sociais son un altofalante perfecto para a distorsión e as loiadas, poucas cousas poden chamar a atención do afeccionado nestes dous intres do ano.
Pois dende este curruncho de opinión e análise, queremos darlle a importancia que ten o papel do adestrador Óscar Gilsanz dende que colleu os mandos da galera branquiazul. Precisamente, onte en Burgos cumpríronse os dez primeiros encontros do míster coma adestrador do primeiro equipo cun froito de cinco vitorias, tres empates e dúas derrotas; dezaoito puntos de trinta posibles grazas o balance goleador do equipo, vinte a favor e trece en contra (+7 na diferenza do global). Ata aquí todo son boas novas para o adestrador no desenvolvemento do equipo.
Dándolle unha volta máis a esta análise, con Gilsanz mantense a tónica dun Depor que gaña máis e mellor fóra da casa (3V 1E 1D) que en Riazor (2V 2E 1D), tendencia que, unida a da etapa de Idiakez, nos deixan a un Depor en postos de playoff nunha clasificación de mellores visitantes (6º), fronte a un equipo en descenso nunha clasificación dos mellores locais (posto 19º). Aquí ai marxe de mellora, pois os éxitos na 2ª División pasan por número bos como local.
Ata o de aquí, todo estatística e xogo de números. Pero, hai mellores novas no futbolístico, pois o Depor xa compite a tódolos niveis contra calquera rival e amosa máis oficio e efectividade que no principio da tempada, pois isto non era así. O tanto de onte en Burgos define ben o que quere o adestrador: moveuse o balón de banda a banda ata en catro ocasións, máis dun minuto de posesión, con entrada pola banda e remate dun mediocentro que iniciara a xogada segundos antes. Bo movemento harmónico do equipo e moitos mecanismos interiorizados polos xogadores. Moito traballo do adestrador o do equipo técnico.
Se algo se pode poñer en dúbida dos adestradores desta tempada do Depor é a pouca aportación dende o banco de suplentes, e que non souberan atinar coa tecla para elevar o rendemento duns suplentes que ben sona que poidan saír neste mercado de inverno. Aínda que este tampouco e un problema do míster, mais ben doutros que tamén dan para un análise desta sección.
- Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.