Este sábado 25 de xaneiro levouse a cabo a presentación no local da AC Alexandre Bóveda, da Marcha Republicana Galiza, que confluirá xunto con outras marchas de diversos territorios do país na Marcha do 15J (15 de xuño), que se celebrará en Madrid.
O evento contou coa presenza de diversas asociacións, sindicatos e plataformas, que ademais asinaron o manifesto da Marcha, adheríndose a ela.

A presentación foi realizada por María Mosteiro e contou coa participación do xornalista e escritor Pablo Elorduy, quen falou sobre o seu último libro “O Estado Feroz”, onde expón a monarquía como vértice do sistema actual.
Elorduy tamén resaltou a figura do actual Felipe VI, quen, lonxe de ser un rei que ía desligarse de todo, como prometeu a Casa Real en sucesivas declaracións, está a ter negocios con persoas achegadas ao franquismo, sendo amizades herdadas do seu pai. A raíña Letizia tamén está presente nestes negocios.
A presentación deixou claro que, “para un sistema democrático san, débense romper totalmente os lazos cun estado monárquico que veu da man dunha ditadura e que, a día de hoxe, aínda ten moito peso na xefatura do estado”.
Os colectivos avogan por “unha república que permita á xente a capacidade de decidir o sistema de goberno que consideren máis representativo da súa realidade”.