O Movemento Sumar Galicia organizou este sábado na Coruña a primeira dunha serie de mesas de debate sobre vivenda coas que esperan percorrer o País. Esta primeira xornada, que se desenvolveu na Sala Gurugú da Coruña, contou ca participación da portavoz de Sumar no Congreso, Verónica M. Barbero e co secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López López.
A mesa de debate, presentada por Trinidad Palacios como secretaria Comarcal de Movemento Sumar Coruña, contou tamén con Gloria Alonso, secretaria de Organización, e Juan Villoslada, secretario de Política Institucional.
Tamén participaron na conversa convidados expertos na materia como Plácido Lizancos, arquitecto e profesor na Escola de arquitectura da UDC (da que foi director) e Josep María Montaner, Catedrático na Escola de arquitectura de Barcelona e Concelleiro de Vivenda no primeiro mandato de Ada Colau.
“En Sumar defendemos a necesidade e a urxencia de que os poderes públicos interveñan a favor do dereito da vivenda” e, segundo as palabras da Portavoz “facémolo desde a constatación dunha falacia: a día de hoxe, en realidade, o sector da vivenda xa está intervido, pero non a favor das maiorías sociais, senón dos especuladores e rentistas.” Prometeron lanzar propostas lexislativas no Congreso que permitan “acabar coa especulación e o rentismo que arruina á clase obreira”.
Barbero tamén insistiu en que os datos son claros, “non hai política de vivenda do Partido Popular en Galicia” e engadiu que a promoción de vivenda pública en Galicia foi residual nos últimos 10 anos “en 2007, co bipartito, rexístráronse un máximo de 3.700 unidades terminadas, baixando a cero entre 2015 e 2019, a 103 en 2022 e a catorce en 2023”.
Pola súa parte, o secretario xeral, Paulo Carlos López, esixiu á Xunta de Galicia “construír vivenda pública de alugueiro e non enaxenable” co obxectivo de “xerar competencia e baixar os prezos de forma permanente”.
Vivendas baleiras
López insistiu tamén na necesidade de sacar “todas as vivendas baleiras ao mercado” xa que en 2021, Galicia contaba con 506.370 vivendas baleiras (20.000 na cidade da Coruña), o que representaba “o 28,8% do total de inmobles residenciais na comunidade, a proporción máis alta de España”.
Para López a política da Xunta é “moi deficiente” e fixo especial fincapé na situación da mocidade galega, que ten unha taxa de emancipación de 15,9%, (a metade que na UE, que é do 31,9%) e que con estas políticas e a inacción do Goberno de Rueda, “soamente lles queda compartir piso ata os 35”.
Máis novas sobre vivenda
As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas
As “luces e sombras” do Master Plan da reforma da fachada marítima que explican a abstención do BNG
A Coruña cumple cos requisitos para a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado