Abanca dispón dunha nova sede na Coruña, Espazo Avenida, situado no edificio do antigo cinema do mesmo nome e que albergará o seu novo centro corporativo na cidade. Foi tras a rehabilitación integral do inmoble, cun investimento de 25 millóns de euros.
Así se expuxo na presentación aos medios de comunicación por parte de representantes da entidade, antes da inauguración oficial pola tarde — con presenza do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e o CEO da entidade Francisco Botas — e de cara á posta en marcha xa o luns de parte das oficinas situadas no inmoble.
Na presentación, Gerardo Fortes, director executivo de Territorios e Redes de Abanca, incidiu no traballo realizado para manter materiais orixinais pero tamén para crear un “espazo moderno” destinado a un contido “financeiro e empresarial” ao que se sumarán outras iniciativas.
“Un centro de creación de iniciativas, que permita o desenvolvemento da cidade e que todos os clientes sentan orgullosos”, algo que fixo extensivo aos e as coruñesas.
Pola súa banda, Óscar Salgado, director territorial Coruña de Abanca, remarcou que se trata dun espazo baseado nos dous principios da entidade: “proximidade e situar ao cliente como centro das decisións”.
Expúxoo en relación a un edificio con oficina comercial e espazos abertos na planta baixa e na que traballarán dez persoas para atender a colectivos como pemes e emprendedores, pero tamén cunha distribución de salas para distintos traballos vinculados coa actividade financeira no resto de plantas do inmoble, ata oito.
Así, haberá unha planta con persoal dedicado ao ámbito da xestión de empresas a outras para celebración de reunións. Todo iso con salas con nomes de creadores galegos e con cadros que forman parte da colección da entidade.
OBRAS
Respecto da actuación realizada, Pilar Ceide, xerente de Proxectos da área de Inmobles de Abanca, explicou que o proxecto comezou en 2018 con inicio das obras en 2022.
“Dous anos e medio de intensa obra”, sinalou para remarcar o traballo que implicou o “reforzo estrutural” dun edificio que era residencial na parte superior e que albergou o Cinema Avenida ata o posterior peche do inmoble na década do noventa, cun incendio en 1998.
Ademais, afirmou que o obxectivo é que o espazo albergue espazos de traballo, sen esquecer a sustentabilidade, e destacou a incorporación de bidueiros e helechos. A iso, sumou a “innovación”, empezando por un avatar que recibe aos clientes e interactúa tamén.
CARACTERÍSTICAS
O emblemático inmoble deseñado polo arquitecto Rafael González Villar foi inaugurado en 1941 e atopábase en desuso desde 1998. En 2018 encargouse o deseño do proxecto inicial a Elsa Urquijo Arquitectos e en 2022 comezaron as obras, que se prolongaron ata decembro de 2024. Nelas participaron unha trintena de empresas, baixo a dirección de obra de Carmen Bermúdez de Castro e a dirección de execución material de Francisco Lopez Mouzo.
As novas instalacións contan cunha superficie útil de 3.228 metros cadrados e estarán dedicadas á actividade financeira e comercial. Albergarán unha oficina retallista, unha oficina de empresas, a sede da Dirección Territorial Coruña e acollerán tamén os diferentes equipos que dan soporte ás áreas de negocio do banco.
Ademais, será un espazo aberto á sociedade que poderá servir de punto de encontro para empresas ou particulares, clientes ou non clientes de Abanca que organicen eventos, reunións, charlas ou presentacións. Con iso, a entidade remarca que quere contribuír “a promover a dinamización do tecido empresarial, a innovación, a creatividade e o crecemento económico desde unha das zonas privilexiadas da cidade”.
Por outra banda, o novo centro incorpora a tecnoloxía máis avanzada para pór ao servizo da clientela, os equipos de traballo e toda a cidadanía espazos confortables á vez que útiles e funcionais.
Desde o exterior pódese apreciar un dos elementos máis diferenciais: o escaparate experiencial. Esta pantalla permite unha visualización de gran impacto e utilizarase para emitir contidos interactivos que permitan ao espectador unha inmersión na experiencia de marca.
A continuación, na entrada á oficina, atópase Agustín, un avatar de Intelixencia Artificial en formato acomodador que ofrecerá información sobre os produtos e servizos de Abanca. Incorpora tamén as funcionalidades de xestor de citas, establecendo unha nova forma de relación do banco coa súa clientela.