O secretario comarcal de CIG-Industria en Ferrol, Sergio Martínez, cualificou de “totalmente ridícula” a nova oferta da patronal do metal na provincia da Coruña e anuncia que os paros convocados para este martes e mércores, 16 e 17 de xuño, mantéñense tras unha reunión que, na súa opinión, supuxo “cinco horas perdendo tempo”.
Martínez explicou que a reunión, celebrada este luns desde as 10,00 ata pasadas as 15,00 horas, na que participaron representantes de CIG, CCOO e UXT, apenas rexistrou un movemento por parte da representación empresarial: “Subir un 0,25% a partir do 2027 respecto da plataforma que nos presentaron o venres”. Unha proposta que tachou de “ridícula” e que evidencia que ambas as partes están “nas antípodas”.
“Non hai avance ningún, nin en materia salarial, nin en vixencia, nin en fixos descontinuos, nin en nada. Nada de nada”, sentencia o sindicalista, quen engade que os sindicatos fixeron “rebaixas nas súas pretensións” que non foron tomadas en consideración.
“Isto é unha tomadura de pelo”, denuncia. Tras o fracaso da negociación, os traballadores celebraron asembleas esta pasada tarde en todas as comarcas, para preparar as mobilizacións. “O martes seguimos coa convocatoria de folga”, confirma Martínez, quen lamenta que a patronal non fixase “nin data para unha nova reunión”. “Así quedamos, un desastre”, conclúe.
Nova xornada de folga no metal da Coruña mentres a patronal propón retomar o diálogo
CIG, UGT e CCOO condenan o ataque á xornalista durante a folga do metal

