InicioCULTURABelén Regueira polo Día Mundial do Teatro: "Somos axentes fiscalizadores críticos do...

Belén Regueira polo Día Mundial do Teatro: “Somos axentes fiscalizadores críticos do poder”

Publicada o

Por editor

Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lerá o Manifesto polo Día Mundial do Teatro na gala dos María Casares, que se celebra o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía da Coruña.

O seu texto reflexiona ao redor dos paralelismos entre o teatro e o xornalismo, dúas ferramentas que actúan “nas súas mellores versións” como “fiscalizadores críticos do poder” ao tempo que axudan a construír a “esfera pública” imprescindible en toda sociedade democrática.

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2025

Que pinta o xornalismo no Día do Teatro? É sabido que a escena e o periodismo non teñen nada en común. Se acaso, comparten a condición de profesións en crise, hai quen di incluso que en extinción. Porque, quen necesita intermediarios fiables da realidade, habendo algoritmos opacos sen código deontolóxico? A quen lle cómpren historias de ficción representadas ao vivo, cando podemos pagarlles ás plataformas para que nos impidan saír da casa?

Pero nada hai máis oposto que o xornalismo e o teatro. Aínda que, ben mirado, as dúas son profesións precarizadas, con horarios ás veces incompatibles coa vida, e nas que a vocación se usa como coartada para facer apandar con malas condicións laborais. A vocación e os aplausos, que tanto prestan nos dous gremios, pero non son un complemento salarial.

Teatro e periodismo están moi lonxe, abofé. Salvo se cadra no feito de que ningún dos dous ten sentido sen o público. En que estamos obrigadas a preguntarnos por que moitas persoas esquivan as noticias e non poucas evitan os teatros. En que non podemos resignarnos a que a xente moza prescinda de nós nin a ser pasatempo para privilexiados. 

Definitivamente, o teatro e o xornalismo non se parecen en nada. Agás talvez en que os dous axudan a construír a esfera pública sen a que non é posible a democracia; en que nos seus días máis afortunados son espello da nosa vida e fiestra para entender outras vidas; en que nas súas mellores versións actúan como fiscalizadores críticos do poder; en que cando son quen de representar o mundo, permiten que o comprendamos e que matinemos sobre como melloralo. 

Periodismo e teatro non poden ser máis diferentes, xaora, pero ningún dos dous pode prosperar onde non hai liberdade. A liberdade para informar de maneira veraz, a liberdade para crear sen máis límites que os da imaxinación. 

Longa vida ao teatro e ao xornalismo, estes íntimos descoñecidos que poñen as persoas e as súas historias no centro do palco, que nos vacinan contra a submisión e a indiferenza, que ao reunirnos para pensar e conmovernos xuntos nos converten en cidadáns e cidadás. 

  • Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Outras novas

Os Premios María Casares rexistran a maior participación da súa historia con 48 espectáculos inscritos

ÚLTIMAS

Os pais do coruñés Diego Bello xa están en Filipinas para declarar no xuízo pola súa morte

Os pais de Diego Bello chegaron xa á Manila (Filipinas) para declarar no xuízo...

Colapso nas urxencias do Chuac: 240 pacientes nos corredores, con 68 á espera dunha cama de hospitalización

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) denunciou un "colapso...

O comercio téxtil da Coruña paraliza o inicio das rebaixas cunha folga contra o convenio estatal

As traballadoras e traballadores do comercio téxtil na provincia da Coruña secundaron este mércores...

Dous policías locais feridos leves nunha intervención en Matogrande

Dous axentes da Policía Local da Coruña resultaron feridos de carácter leve tras participar...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here