InicioPOLÍTICAEntrevista a Xulio Ferreiro: "O enfrontamento político das esquerdas é un desastre"

Entrevista a Xulio Ferreiro: “O enfrontamento político das esquerdas é un desastre”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Xulio Ferreiro, o que foi alcalde da Coruña entre 2015 e 2019 coa Marea Atlántica, exerce o seu posto como decano e docente na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña. Faino tras un curso de experiencia profesional en California, na Universidade de UCAL, onde pasou un ano de aprendizaxe coa familia.

Falabamos con el nas pasadas eleccións de 2023, nas que pechou unha lista da Marea Atlántica que finalmente acabou sendo intrascendente nesta lexislatura. Naquela conversa non descartaba a volta á vida política, polo pulsamos agora a súa vontade de volver á primeira liña política. Falamos con el de política, de proxectos estratéxicos da cidade, e tamén un pouco de deporte.

  • Bueno, antes de nada, que tal? Como estás?

Moi ben, a verdade. Tanto no persoal como no profesional, todo moi ben. Teño docencia, se ben algo menos polo decanato, e sigo coas tarefas de investigación, agora mesmo con cousas sobre intelixencia artificial. Ando ocupado, vaia.

  • Que tal ese ano de experiencia en California? 

Pois estiven nunha universidade moi boa, en UCLA, desconectado as obrigas máis inmediatas, así que con tempo para ler moito, escribir, e gozar da experiencia enriquecedora de pasar un ano fóra coa familia.

  • Aprendendo moito?

Si, claro. Aprendendo dereito, aprendendo inglés, a manexarse no mundo…

  • Como se ve a Coruña dende lonxe?

Víase lonxe (risas). Serviu tamén para desconectar un pouco de todo, a verdade. Si que mantiven contacto con amigos, familia… pero si que ves as cousas con máis distancia.

  • Xa entrando en materia? Segues a actualidade municipal?

Seguía e sigo colaborando coa Marea Atlántica, da que sigo formando parte, pero si é certo que nun plano diferente, non no día a día. E tampouco sigo o día a día do Concello, porque basicamente teño outras cousas que facer. Polo tanto si que da primeira liña xa hai tempo que non estou atento.

  • Pero seguro atento ás novas máis politiqueiras?

Non creas que moito. Voume enteirando de cousas, pero non estou moi pendente da vida municipal. Teño as miñas opinións sobre as cousas, pero non me apetece nin creo que debo ter un papel de exalcalde rabioso, non é un papel que me guste, polo que non o vou exercer, aínda que como todo o mundo que cada un non pode ter a súa opinión.

  • Pero tampouco che interesa dar a túa opinión de certas cousas?

En público? se ninguén mo pregunta non. Pero se alguén mo pregunta, depende do tema, da importancia do tema e se teño unha opinión moi clara sobre iso.

  • Como notas o clima político?

Pois eu creo que o clima político estaba máis tranquilo que cando estabamos nós no concello. Supoño porque non é só o clima entre grupos, que creo que tamén, pero a virulencia coa que se nos trataba a nós, non foi igual para o novo goberno, aínda que seguro que tamén a sinten en ocasións. Porque responde tamén a un clima que na prensa local é diferente agora. Se non hai ninguén que azuze ese clima político, as cousas van por un camiño máis normal.

É certo que tamén nun contexto no que a situación política en xeral non era a mellor, refírome a que a tensión que nós vivíamos durante o noso mandato extendeuse a moitos lugares, como por exemplo ao PSOE da nosa época que era un dos que provocaba esa tensión, en cousas como a alfombra do Rosario foron especialmente virulentos con nós sabendo que non había caso, pero que había que crealo. E agora vén que o sofren doutros lados.

  • Cres que un grupo como a Marea Atlántica tería que ter pasado polo rego deses medios turbadores e poñer enriba da mesa o imposto revolucionario?

Eu creo que nós non entramos en política en 2015 para facer o mesmo que se estaba facendo. Creíamos que tiñar que facer as cousas dun xeito democrático, honesto… Entón, chegar xa a certos compromisos, dende o primeiro día con grupos de poder, que en principio fosen a limitar a túa capacidade de transformación e capacidade de facer as cousas doutro xeito, creo que non era o correcto. Entón, ofrecerlle aos medios de comunicación un trato igual, un trato xusto, un trato sen preferencias, e un trato onde o diñeiro público se repartise de xeito equitativo en campañas que fixesen falta e en promocionar a cidade e non para maior gloria do goberno municipal nin para comprar vontades, cremos que era a forma de facer as cousas. Se esa maneira de facer as cousas xenera un problema para alguén haberá que campear eses problemas. Pero para utilizar diñeiro público no teu propio beneficio como gobernante, para iso non estabamos.

  • É unha decisión complexa. Non cres que foi un erro estratéxico politicamente?

Creo que non, creo que o faría igual agora mesmo. Estratexia para que? para perpetuarse no poder? Seguramente. Se o noso obxectivo era manternos no poder o maior tempo posible, sen máis, ao mellor. Pero se o teu obxectivo é alcanzar un poder insitucional para modificar as cousas, e conseguir un cambio no funcionamento da propia institución e da cidade, pois entón si que é a estratexia correcta, que é facer as cousas doutro xeito: tratar aos medios de comunicación sen favoritismos. Creo que a todo o mundo lle parece un principio válido. Agora se a quen sinte a igualdade de trato é unha agresión contra el, é o seu problema, e despois do que sufrimos a reaccións, evidentemente. Pero eu non o vexo como un erro táctico, porque ao final, este tipo de alianzas nos medios pero con poderes doutro tipo tamén, non fan que gañes a vontade de ninguén, senón máis ben te convirten en “refén de”. E iso puidémolo ver en tempos anteriores, no bipartito da Xunta de Galicia, que quixo facer unha estratexia máis parecida ao que ti me dis, e tampouco creo que lle fose moito mellor, a pesar de que a maquinaria de diñeiro público seguiu enviando cartos aos mesmos de antes. Para esa viaxe non facían tantas alforxas.

  • Que proxectos che gustaría ter continuado?

A ordenación de terreos portuarios, que era a longo prazo, si que me gustaría ter seguido ligado a ese proceso. Por outro lado tamén está a satisfacción de ver que o noso mandato foi un punto de inflexión nisto, e o camiño que están levando os responsables políticos actuais é moi semellante ao que comezamos entre 2015 e 2019. Polo tanto gústame ver que algunhas cousas que nós puxemos en marcha, como o cambio de mobilidade, a inclusión da bicicleta da cidade, iso segue.
Outras cousas non seguen con tanta forza, como todos os elementos de participación cidadá, ou a aposta por certos modelos culturais máis pegados á cidade, pero cada goberno ten as súas opcións.

  • Nese sentido, cres que son reais os procesos participativos que están realizando co gallo do transporte urbano ou o Foro Coruña Marítima?

Bueno, a particiación non é un acto illado, é crear unha cultura de participación. Nós xa fixemos un foro participativo do da modificación do bordo litoral, do transporte urbano, pero tamén estaban os orzamentos participaticos, o escano cidadán, o Dillo Ti… A participación vaise logrando pouco a pouco como unha cultura da participación, e por tanto, calquera tipo de evento que se impulse para consultar coa cidadanía cal é o seu pensamento sobre unha política municipal ou unha infraestrutura é positivo.

  • Sobre o proxecto Coruña Marítima. Que che parece que os documentos estratéxicos de base para o master plan deixen aberta a venda de terreos para a construción inmobiliaria para pagar a debeda da Autoridade Portuaria polo porto exterior?

Si, ábrese aí a porta á vivenda, e a moito máis, que tampouco é o plan que tiñamos nós. A cuestión non é tanto se vivenda si ou non; a cuestión é se usas a vivenda é como parte dunha estratexia dunha operación especulativa, ou se forma parte do xeito de entender a cidade e da necesidade habitacional da cidade. A cuestión sería pensar se esa vivenda é necesaria para a cidade, pero vaia, que tampouco teño moi estudiado o documento e non quero opinar moi forte sobre el.

  • E ligando un pouco, como ves a política urbanística municipal, con todos eses proxectos urbanísticos, algúns case dos anos 90…? Visma, Percebeiras, Xuxán, Xubias, Castrillón, Monte Mero, o propio peirao de San Diego… Son necesarias 18.000 novas vivendas nunha cidade que non medra en poboación? Vale o argumento do encarecimento da vivenda?

Non sei. Tradicionalmente, o aumento da construción non sempre vai ligado a un descenso do prezo da vivenda. Non sempre é así. Hai que ver tamén se as densidades son razonables, se teñen que ver coas necesidades da poboación… Si que son desenvolvementos que están no Plan Xeral, e supoño que o goberno municipal pensarán que van ser positivos para a cidade. A min persoalmente, míroos e penso que me gustaría que a densidade de edificación fose diferentes, e as zonas verdes e a mobilidade se tratasen de xeito diferente.

  • Volvendo ao tema, como ves o estado de saúde actual da Marea Atlántica? 

Tras quedarse fóra do pleno, a verdade que foi un golpe do que nos imos recuperando. Acabamos de pasar o proceso de Marea Viva no cal se planifica a estratexia política para os próximos anos. Hai un grupo de xente comprometida co mesmo espírito fundacional da Marea Atlántica. E sigo pensando que nunha cidade como a Coruña, a Marea Atlántica segue sendo necesaria.

  • Cres que se vai volver presentar unha candidatura crible?

Aí está o documento político que a Marea quere estar presenten as vindeiras eleccións.

  • Houbo algo de autocrítica sobre a perda da esencia da Marea na pasada lexislatura?

Non era fácil, cun goberno socialista onde a Marea fixo unha oposición construtiva, e moitas cousas das que fixo o goberno municipal foi porque se viu obrigado pola presión e polas iniciativas políticas da Marea Atlántica. Creo que marcamos bastante máis a axenda no mandato anterior que a oposición está marcando no mandato actual. Non sei, sempre é difícil pasar de gobernar a non gobernar, e sobre todo non poder facer oposición frontal porque a fin de contas hai unha responsabilidade e tamén hai unha responsabilidade en non ter actuado co goberno municipal como se actou con nós, no bloqueo e na búsqueda constante do fracaso do goberno por parte dos outros grupos.
Creo que se fixo unha política responsable, pero non é fácil cando non estás no goberno pero tampouco queres facer unha oposición destrutiva.

  • Como valoras o enfrontamento continuo entre os grupos da esquerda tanto a nivel estatal como municipal, que provocou que na cidade quedasen 3 partidos da esquerda coruñesa quedasen fóra do pleno e 15.000 votos tirados ao lixo?

É un desastre…. Penso que en moitos casos non houbo suficiente sentido da responsabilidade, que era estar á fronte, poñendo cara a un momevemento cidadán tremendo que vivimos en toda España en 2015 e 2016. E moita xente que foi protagonista e que serviu para que moita parte da cidadanía se ilusionase, e quixese un cambio.. despois houbo comportamentos e actitudes que non estiveron a altura de toda a ilusión depositada. Cada un que mire cales foron as actitudes mellores ou peores pero iso non vai de se un tiña máis razón que o outro ou o outro ca min, porque ao final a desazón alcanza a todo o mundo. Coma min, outra moita xente está apartada da primeira liña porque tampouco hai un ecosistema ou un ambiente no que guste participar. Ese é o resultado desas pelexas. A parte da perda electoral, é máis importante aínda a desazón, a perda da esperanza que moita xente tivo, e que incluso, permitiu que agora movementos políticos bastante pouco esperanzadores, por así dicilo, estean tomando cada vez máis importancia.

  • Seguro che terán dito máis dunha vez que fuches mellor alcalde polo menos dos últimos 40 anos da cidade, e seguro que hai moita xente que che está pedindo que volvas, non?

Algunha vez si que mo teñen dito (risas), pero bueno, hai opinións para todos.

  • Que faría falta para que escoitaras as plegarias de tanta xente que che pide que volvas presentarte?

Creo que a xente que me quere non me van pedir que volva a vida política… (risas)

  • Si… pero a xente que non participa da túa vida persoal pero lle gustaría?

A verdade é que agora estou centrado na Facultade de Dereito da UDC, na miña carreira profesional como profesor. Non está no meu plan, e ademais, eu entre en política nun contexto moi concreto, no ano 2015, no que merecía a pena estar pola ilusión que había, que ao mellor agora non está ígual. Agora tería que sentir algo parecido para poder volver a política.
Nunca sabes o que vai pasar no futuro, pero tería que darse un contexto adecuado, no que pensase que podería ser útil, pero tamén a estas alturas tería que valorar as cousas que perdería na vida persoal, que foi algo do que non era moi consciente.

  • Non o desbotas en calquera caso?

Agora teño 50, non son novo pero tampouco son tan maior. Non o desboto, pero a mmiña cabeza agora mesmo está aquí. Acabo de presentar a miña candidatura para o decanato para outros 6 anos. Evidentemente nunnca sabes o que te trae o futuro pero a miña cabeza está aquí.

  • Bueno, agora xa, en rollo máis tranquilo. Que vida che presta máis na cidade? Que barrio frecuentas máis? Que bares, que recunchos?

Nós facemos moita vida de barrio, pola Gaiteira. Baixamos a cear ás parrilladas da zona, ou a tomar algo nos bares… Cos amigos si que baixamos algunha vez ao centro, pero a verdade que non baixo moito, somos máis de facer vida de barrio, ou tamén saír da cidade. Esta semana estivemos nos Ancares, somos moito de monte.
Antes, cando os nenos tiñan menos idade, usábamos o Parque de San Diego, Parque Europa ou Parque de Oza, pero agora para unhas canastas, ou ir en bici.

  • Usas moito Bicicoruña?

Si que uso bicicoruña bastante, para baixar ao centro, para ir ao baloncesto… Pero á Universidade non veño habitualmente en bici, porque o camiño non é tan doado, porque quero chegar aseado, e porque aquí no campus non hai estación…

  • Viuseche moito este ano polo Coliseum. Que mágoa a curta viaxe do Basquet Coruña pola ACB, non?

Foi unha pena. Non sei que fallou, Co que costou chegar a ACB, é unha mágoa que se nos vaia tan rápido. Pero foi un ano chulo, cun ambiente moi bonito, nun Coliseum espectacular. Gustoume moito este ano de baloncesto, se ben non me gustou tanto os resultados e non poder acompañar ao equipo na permanencia. Empezamos moi ben con aquel primeiro partido ante o Madrid, que foi o mellor do ano.

Máis novas

Xulio Ferreiro: “Non me importa volver á política e dar un mítin se é para apoiar a Xan Xove”

ÚLTIMAS

E a Casa Cornide segue sen abrir

A Xunta xustifica a existencia dun litixio coa familia Franco que impide maior afluencia...

Unha persoa excarcelada tras caer no seu vehículo por un terraplén en Arteixo

Dúas persoas resultaron feridas esta mañá de xoves nun accidente acontecido ás 8:35 en...

As “maquis” Filomena e Dolores, as coruñesas combatentes da Resistencia Francesa

Estes días toda Europa celebrou o fin da II Guerra Mundial, pero aínda hai...

A suba do aluguer social a cooperativistas de Xuxán irá ao Senado da man do PP

O PP rexistrará no Senado unha pregunta e unha moción sobre a situación de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here