Mentres a cidade celebra os 25 anos do título de Liga, a mocidade estudantil coruñesa continúa mostrando músculo e ilusión cun novo vídeo secundado por ducias de referentes culturais galegos no maco da campaña “O Dépor é DA Coruña”.
A exitosa iniciativa cultural “Aquí tamén se fala” do IES Rafael Dieste segue evidenciando a vontade social para que o Dépor cambie o topónimo deturpado do seu escudo para o da forma oficial da cidade. Desta volta, faino cun novo vídeo no que suman novas voces do panorama cultural galego.
View this post on Instagram
Desta volta foi a quenda dos actores Manuel Burque, Xosé A. Touriñán, Isabel Blanco e Rocío Barrio; os músicos Nuno de Grande Amore, Xanma dos Rapants, Bieito Romero de Luar na Lubre, Cibrán e Chicho de Boyanka Kostova, Charlie de Los Suaves, Violeta de Bala e Mercedes Peón; os xornalistas deportivos Arturo Lezcano, Javi Torres de Galicia en Goles, Alfonso Hermida da TVG e Jorge Lema do Deporté e Diario As e Moncho Viña, autor do libro sobre o Dépor “Moito que contar”; os divulgadores científicos Iria Veiga e Jorge Mira; a escritora María Solar; os humoristas Roi da Costa, Carla Núñez e Marcos López de Todo Mal e o escritor e humorista Carlos Meixide; o ilustrador Manel Cráneo; a instagramer Nuska Chousa ou os autores de músicas sobre o Dépor Jesús Suárez e Habló Pablo, que evidencian abertamente o seu apoio manifestando, usando o lema da campaña dinamizadora, que “O Dépor é da Coruña”.
Estas novas voces súmanse ás xa presentadas, entre as que se encontran representantes das institucións públicas (Xunta, Concello e Deputación da Coruña) das áreas de educación e lingua, das institucións culturais (Real Academia, Consello da Cultura, Universidade da Coruña), así como federación de peñas e excapitáns do equipo herculino ou os representantes do 100% dos institutos públicos da cidade.
Aínda, os apoios continúan mesmo por fóra da plataforma con comunicados realizados pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, peñas como Old Faces, Riazor Blues ou a propia federación, e un longo número de voces que etiquetan o club nas redes sociais solicitando o cambio.
Máis accións para este sábado:
Se xa no mes de abril, durante o xogo que enfrontou o Dépor e o Cádiz, os estudantes do IES Rafael Dieste repartiron 15.000 adhesivos co slogan da campaña e o escudo correxido, novamente repetirán a acción. Desta volta, e novamente na porta 4 do estadio de Riazor, estarán na previa do xogo Deportivo vs Granada, desde as 15h00, repartindo gratuítamente outros 15.000 novos adhesivos entre os seareiros que se acheguen.
Referentes nacionais pídenlle ao Dépor que por fin sexa “da Coruña”
“O Dépor é da Coruña”, o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala