InicioOPINIÓNGrazas Pepe, un dos derradeiros grandes soñadores

Grazas Pepe, un dos derradeiros grandes soñadores

Publicada o

Por Rubén Pérez

Donde estea, estarei por ti, estarei contigo, porque é a forma superior de estar coa vida”.

 

Este pequeno texto non é coma os que adoito escribir, algo máis persoal e menos sociolóxico. Facía moito tempo que non choraba, mais a mañá do mércores sentín un vacío propio de quen sente que un dos derradeiros loitadores idealistas se foi. Sensible de min, caíanme as bágoas vendo e escoitando todos os recordos de Pepe Mujica, e a verdade é que chorei como un meniño que se sente orfo e sen atopar amparo. Pepe foi e será un raio de luz entre tanta escuridade que, como a tanta outra xente ó longo de tantas xeracións ó redor do mundo, me atravesou e deixou en min unha pegada que dirixe o meu camiño e non vai ser borrada xamais.

En primeiro lugar, porque sempre fun un neno cunha serie de ideas que non encaixaban co que eu vía e experimentaba. Parecía que a vida iba por un lado e as miñas ideas por outro, que a pesar de ser un neno cheo de ledicia, amizades e de recibir moito amor, non encaixaba en ningures. Semellaba que a miña maneira de entender a vida e vivila estaba errada, porque tiña conflitos dentro de min que os demais do meu redor parecían non ter, xa que sempre estaba (e estou) en desacordo con ideas xeneralizadas de cousas que todo o mundo compartía. Neste senso, a socioloxía salvoume a vida. O coñecemento de como funciona a vida social doume as ferramentas para chegar ás respostas que levaba toda a vida buscando, coma si todo por fin encaixase e o que levaba pensando toda a vida agora sí tiña nome e apelidos, tiña razóns e tiña unha historia de grandes autores detrás que profundizaban nas ideas que eu sempre tivera vagas. Atopei o meu lugar. O lugar do coñecemento e as ideas, coma di Pepe: “Todo o mundo debería chegar á universidade, mais iso require de máis xustiza social, inda que ser universitario non é sentarse nas cadeiras da universidade, senón enamorarse do coñecemento”. Sempre con conciencia de clase, claro: “Se es universitario, non te creas superior por ter un título ou unha calificación. Esa é a oportunidade para ter máis ferramentas para axudar ó teu pobo, porque despois de todo, unha parte do que aprendes pagárono os analfabetos, os que sudan, os que loitan”.

Mais para chegar a este sitio, tiven que transitar por un proceso no que figuras como Mujica (entre outros e outras, tamén artistas musicais como bo adolescente confuso que sigo a ser) despertaron en min a paixón precisa para perseguir este camiño das ideas, da investigación e a mellora da vida social. Mujica representa a razón de que non estudase ningunha desas carreiras capitalistas e superfluas que só serven para ser funcional para a perpetuación do propio sistema. Sociólogo, sen cartos mais cunha concepción da vida máis profunda. Sen aspirar a casas, coches, restaurantes e viaxes. Mais quen carallo quere iso tendo ideas? A carteira estará baleira mais o corazón ben cheo. Sen persoas coma el, a miña vida estaría vacía ou carente de senso, non atoparía o camiño a seguir e remataría, como di el, pasando toda a vida sen darlle un rumbo deliberado, deixando que a manexe o mercado, pagando cotas a final de mes, e soñando que progreso comprando cousas ata ser un vello inútil; mirándome ó espello, preguntándome se traizoei ó neno que levo dentro e dándome conta que xa é tarde. Por sorte, ademais da posibilidade e a gratitude de poder elexir o meu camiño, teño unha capacidade nostálxica que ás veces é virtude e outras tantas é a peor das condenas, que é a capacidade de verme a min mesmo dende fóra no pasado e no presente. Sair do meu corpo e vivir os recordos formando parte deles, poder apoiarme no marco da porta no presente e ver a ese neno do pasado cometer acertos, erros e sentilos xuntos. Isto, ademais de favorecer a ser unha persoa nun exercicio de retrospección e instrospección continuo, tamén axuda a escoitar sempre ó neno que levo dentro e non desviarse moi lonxe do camiño, pois ese meniño é o que son. Son un neno apaixoado que busca aprender e crecer ata o fin e compartir ese coñecemento para transcender dunha vida superficial e estética.

Estética non só no senso literal, a meirande parte do que vivimos nesta posmodernidade líquida é estético e noxento, todas as mensaxes que recibimos de todo o contido cultural e político, que forman a nosa cosmovisión, son mensaxes vacías. Só teñen a intención de influir na opinión pública cun interese partidista e mercantil, ou sexa, estético. Un deterioro excesivo da moralidade, da creatividade, da calidade, da bondade e, en definitiva, de todo o que é e representa un cativo ou cativa pequena. E nisto tamén formamos parte as persoas, a meirande parte somos estéticas, produtos e vítimas da sociedade que nos produce, estamos baleiras, non cremos en nada e non loitamos por nada que non sexa individualista, egoísta e hedonista. Traballamos coma servos máis horas das que ten un reloxo nun traballo de merda que non poidemos elexir, para, como menciona Pepe, comprar cousas; non con diñeiro, senón co tempo que dedicamos traballando para conseguir ese diñeiro. E con iso, intentar satisfacer unhas necesidades que son infinitas. Dicía Zygmunt Bauman que a eterna non satisfacción das necesidades e desexos é o motor da sociedade de consumo. E para combatir este tipo de sociedade que nos machuca existen este tipo de referentes culturais e políticos, fóra da cultura pop, que é necesario e urxente poñelos ó alcance da xente. Nun mundo de Trumps, Netanyahus, Mileis (precisamente veciño do Pepe) e demais escoura fascista que hai por aí, a xente precisamos escoitar as palabras críticas e cheas de esperanza revolucionaria de figuras como Mujica, para silenciar o odio e facer que a ignorancia volva a dar vergoña.

Se tivera dúas vidas, non o dubides, gastariaas enteiras para axudar nas túas loitas”.

El Viejo tamén semellaba ser unha persoa moi nostálxica, que retrocedía continuamente á xuventude e lle falaba ós máis novos e novas, sabedor da súa capacidade inspiradora. Para calquera neno apaixoado ó que inda non lle arrincaron a capacidade de soñar ó ir medrando, Mujica representa un refuxio ó que agarrarse e é obriga dos adultos transmitir a mensaxe deste tipo de personalidades á rapazada. E é que non todo está perdido, sempre hai esperanza, o individuo morre pero as súas ideas e, sobre todo, o seu xeito de compartilas, perdurará. E calará nos máis novos. Como nesa moza uruguaia que non paraba de chorar escoitandoo falar nunha das súas últimas intervencións: “Son feliz porque estades vós, porque cando os meus brazos se marchen, haberá miles de brazos substituíndo a loita. E toda a miña vida dixen que os mellores dirixentes son os que deixan unha barda que os supera con vantaxe”. Mujica é un ancla que cando o sistema capitalista te quere levar con él, che recorda quen eres, cal é o teu propósito e te mantén no teu lugar. Ás veces pérdeste mais Pepe axúdache a vivir fiel e digno e coller forzas para loitar, sexa cal sexa a túa situación, porque: “Pobres son os que nunca nada lles alcanza” e “A mensaxe máis importante da vida é que sempre vale a pena volver a comezar, caer e volver a levantarse mentres un estea vivo, derrotados son os que deixan de loitar, e deixar de loitar é deixar de soñar”. Así é que, a maxia do Pepe reside en facer e dicir as cousas máis simples, que dende a persoa máis ilustrada ata a máis analfabeta as entenda e, especialmente, as sinta; e a súa vez ser as cousas máis profundas xamais ditas.

Tendo unha parella uruguaia, unha compañeira de vida, o meu amor por este home e este país acrecéntase e faime estar máis unido a esta cultura. Mujica soñou un Uruguai mellor, unha sociedade uruguaia mellor e unha América do Sur mellor. E loitou por elas. Pepe é guerrilleiro pola liberdade, incorruptible, soñador, un crítico inconformista, rebelde e revolucionario. Ingobernable, idealista. Unha inspiración, unha forza. É amor, tenrura e agarimo. Ese vello tolo que se ri ó falar dunha copa dun bo viño. Estoico. Fiel ás súas ideas toda unha vida, encarceado por elas, nunca baixou os brazos no empeño de loitar por un mundo mellor. Pepe é un estímulo, a búsqueda da intensidade, da emoción e o sentimento, a bolboreta no estómago. O refuxio dun neno apaixoado. É o compañeiro de vida de Lucía Topolansky. Amigo de Manuela. Fillo de Uruguai. Pai da liberdade.

Vénseme á mente a letra de Hasta Siempre Comandante que Carlos Puebla lle cantaba ó Che, e para min ten moito senso agora: “Aquí, se queda la clara, la entrañable transparencia, de tu querida presencia…”. Algún día cando sexa vello, mirareime no espello e saberei que valeu a pena ser quen son, coa carteira baleira mais o corazón ben cheo, grazas a influencia de persoas coma esta que se relatou hoxe. Algún día sentareime na mesa con todos estes ánxeles e pantasmas que admiro e me inspiran e sentireime en paz por unha vida digna, recordando con esa capacidade nostálxica os momentos, os acertos e os erros, e sentireinos de novo conxuntamente no pasado e no presente, que hoxe é o futuro. O último que querería o Pepe é que ficásemos chorando por el, mais é inevitable sentir amargura cando alguén así se vai. O home vaise, mais a promesa dun futuro mellor cunha derradeira idea permanece: “Non me vou, estou chegando”.

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor a profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

ÚLTIMAS

Alberto Pombo e Manolo Rivas recolleron en Boborás os Premio Antón Losada Diéguez

Día emocionante o vivido o sábado en Borobás. Tiña lugar a entrega dos premios...

Posible novo caso de asasinato machista en Galicia: un home é detido acusado de matar á súa muller no barrio da Sagrada Familia

A Policía Nacional da Coruña detivo a un home como presunto autor de matar a unha...

O #Aquítaménsefala segue revertendo o rumbo lingüístico da cidade

Normalizar o uso da lingua entre a mocidade da cidade a través da música....

Piden 13 anos a un home que instaurou un “ambiente de temor” contra a súa muller durante 15 anos de malos tratos

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulga este martes, 17 de xuño, a un...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here