A Garda Civil e a Policía Nacional desenvolveron un operativo conxunto, bautizado como ‘Albatros-Samba’, no marco do cal detiveron a 5 persoas e investigan a outras 7 en distintos puntos da provincia da Coruña como presuntos autores do delito de estafa mediante o método ‘carding’, de replicación de cartóns bancarios virtuais.
O grupo criminal, de orixe brasileira, estaba asentado na provincia e a investigación foi levada a cabo por membros do Equipo contra a Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña (Equipo @Coruña) e o Grupo de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional da Coruña (G.I.T). As detencións e a investigación dos sospeitosos levouse a cabo nas localidades da Coruña, Cambre, Oleiros e Culleredo, segundo informaron fontes policiais.
O ‘modus operandi’ deste grupo consistía en adquirir datos bancarios (cartóns de crédito/débito) de clientes de entidades bancarias, obtidos a través de técnicas de enxeñaría social como ‘phishing’, ‘smishing’, ‘vishing’ ou por filtracións de datos.
Unha vez en posesión desta información, replicaban os datos en cartóns virtuais para realizar compras por internet, esgotando o diñeiro das contas ou o límite dos cartóns. As estafas dividíanse en dúas vertentes principais: por unha banda, utilizaban os datos bancarios para autoconsumo, cubrindo necesidades persoais dos integrantes do grupo como lecer, restaurantes, vestimenta e dispositivos tecnolóxicos, tanto para uso propio como para a súa posterior venda.
COMPRA DE ENTRADAS
Doutra banda, un método máis sofisticado implicaba a compra masiva de entradas para espectáculos públicos na provincia da Coruña. Posteriormente, estas entradas eran revendidas a terceiras persoas a través de redes sociais, blanqueando así o capital defraudado, que adoitaban recibir mediante BIZUM.
As investigacións iniciáronse en marzo do 2024, ao detectarse numerosos cargos sospeitosos vinculados á compra de entradas para espectáculos na Coruña e puidéronse esclarecer máis de 60 denuncias por fraude bancaria en todo o territorio estatl, así como 117 fraudes denunciadas directamente por entidades bancarias.
En total, o valor do estafado asciente a máis de 30.000 euros, co uso de máis de 200 cartóns bancarios e 177 clientes afectados. Así, localizáronse prexudicados nas provincias da Coruña, Navarra, Gran Canaria, Madrid, Zamora, Barcelona, Bizkaia, Guipuzkoa, Pontevedra, Málaga, Huelva, Valencia, Cáceres, Toledo, Córdoba, e Asturias, entre outras.
As forzas policiais confirmaron que os xefes do grupo criminal teñen antecedentes policiais por feitos similares, aínda que esta investigación revelou unha maior tecnificación na fraude.