Mentres celebramos o Día dos Océanos cunha limpeza en Riazor, a Coruña xa pensa en dúas novas actividades medioambientais. Por un lado, a Sagrada Familia acollerá as actividades municipais co gallo do Día do Medio Ambiente; e polo outro a cidade xa pensa no Día da Bici, que recuperamos despois de 15 anos.
Día do Medio Ambiente na Sagrada Familia
As actividades de educación ambiental na rúa coas que o Concello celebra tradicionalmente o Día do Medio Ambiente celebraranse este ano no barrio da Sagrada Familia. As actividades están programadas para o sábado día 7, desde as 11.00 horas, na praza de San Rosendo e na pista polideportiva do barrio.
I é que a xornada forma parte do proxecto Urbact COPE, un programa europeo que ten como obxectivo potenciar a participación da cidadanía no desenvolvemento das políticas verdes a través dun enfoque local.
Ademais, este barrio vai experimentar unha importante transformación grazas ao proxecto de humanización da rúa Sagrada Familia, xa iniciado, coa ampliación da rolda peonil.
As actividades desenvolveranse entre as 11.00 horas e as 13:00. Comezará coa apertura do mercado veciñal de economía circular que estará situado na praza de San Rosendo.
Ao tempo, na pista polideportiva haberá actividades lúdicas de sensibilización ambiental para todas as idades, paneis expositivos con información medioambiental e o valo do polideportivo converterase nun mar con mensaxes para concienciar sobre a protección do litoral e a redución dos plásticos, lema desta edición do Día Mundial do Medio Ambiente.
Día da Bici
Despois de tres lustros, Coruña recupera o Día da Bicicleta, unha iniciativa que organiza xunto a Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) con obxectivo de promover o uso de este medio de transporte entre a cidadanía e inculcar nas persoas participantes nocións sobre seguridade viaria. Ademais, tamén se busca con esta iniciativa asociar a imaxe da cidade como destino turístico sostible.
Desde o 16 ao 22 deste mes, desenvolverase na cidade esta iniciativa municipal, que ten como actividades máis destacadas unha exposición sobre a historia do ciclismo coruñés (prolongarase ata o día 29) no paseo do Parrote, con fotografías desde finais do século XIX, e o propio Día da Bici, que terá lugar o domingo 22, con saída e chegada no paseo do Parrote a partir das 10.30 horas.
As persoas participantes realizarán un percorrido de 12 quilómetros a través do paseo marítimo, un dos espazos máis icónicos e atractivos da cidade. Pasarán por diante da Torre de Hércules e circularán ata a contorna da cidade deportiva de Riazor.
As inscricións (que se poden completar nesta ligazón), abríronse o pasado venres 30 de maio e xa hai máis de 200 persoas que confirmaron a súa participación. As primeiras 600 inscricións terán un agasallo.
A recollida de credenciais e mochilas para as persoas inscritas levarase a cabo no Centro Comercial Cuatro Caminos o venres 20 de xuño, de 17.00 a 20.00 horas, e o sábado 21 de xuño, de 10.00 a 20.00 horas.
Por outra banda, o luns 16 celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora unha
charla sobre educación viaria e uso da bicicleta e do resto de VMP nas cidades. Esta actividade estará dirixida a centros educativos e comezará ás 11.00 horas.