InicioCULTURAA salsa de Marc Anthony conquista A Coruña nunha noite para a...

A salsa de Marc Anthony conquista A Coruña nunha noite para a lembranza

Publicada o

Por Ángela Precedo

Foron moitas as persoas que se agolparon dende ben cedo ás portas do Peirao da Batería da Coruña dende primeira hora da mañá do domingo para coller o mellor sitio para ver ao seu ídolo. O portorriqueño Marc Anthony trascende xeracións cunha música que sae do corazón, de aí a clave do seu incomparable éxito. Algo máis dunha hora dende a previsión de comezo do concerto tiveron que agardar os seus fans, que resistiron de pé para ver á lenda da salsa aparecer sobre o escenario coa súa pose sobria, lentes escuras e un sorriso contido que espertou os berros dun público entregado. Acompañado da súa banda habitual –unha maquinaria musical perfectamente engrasada– o artista non tardou nin un minuto en meterse no peto á cidade herculina. Galicia recibía por fin, despois de varios anos e por todo o alto, a un dos maiores embaixadores da música latina mundial.

Despois dunha introdución audiovisual que fixo un repaso por toda a súa traxectoria, varios dos seus temas máis famosos e imaxes dos seus fans durante os concertos, a actuación de Marc Anthony comezou co ritmo frenético de ‘Pa’allá voy’, o tema que dá nome ao seu último disco, marcando xa o ton do que sería a noite: festa, conexión e unha enerxía que foi en crecemento constante durante as case dúas horas que durou o concerto. Dende entón, un desfile de éxitos imparables puxo a bailar a todo o porto: ‘Valió la pena’‘Y hubo alguien’‘Flor Pálida’, ‘Que precio tiene el cielo’‘Te conozco bien’‘Mala’, ‘Parecen Viernes’, ‘Tu amor me hace bien’… Unha secuencia de temas clásicos e modernos que fixeron do directo un auténtico festín para fans veteranos e novos públicos.

BÁGOAS NOS OLLOS DO PÚBLICO COA INTERPRETACIÓN DE ‘Y CÓMO ES ÉL’

“Esto sigueee!”, repetía emocionado o artista, mentres ía deixando atrás a súa habitual posta en escena para deixarse levar pola calor do público. Ás veces ría, ás veces só miraba ao horizonte e asentía, coma se intentase lembrar cada instante desta máxica noite. A escenografía, cunha pantalla xigante de fondo e unha iluminación vibrante que alternaba tons vermellos, azuis e dourados, convertía o peirao nun escenario de grandes dimensións, sen renunciar ao encanto urbano e atlántico da cidade herculina. O Peirao da Batería, que nos últimos anos se ten reivindicado como espazo cultural alternativo, viviu este domingo a súa gran noite de consagración.

Un dos intres máis intensos e emocionantes da noite chegou cando o artista interpretou ‘Y cómo es él’, a súa versión do clásico de José Luis Perales. As luces baixaron, o público acendeu móbiles e o porto enteiro quedou envolto nunha atmosfera de balada íntima, cun silencio que impresionaba para a magnitude do recinto. Xente de todas as idades repetía emocionada a letra deste icónico tema e mesmo os máis maiores tiñan bágoas nos ollos. Do mesmo xeito que os máis novos cando chegou o final do concerto e, con el, o intre de cantar ‘Vivir mi vida’, unha canción que é xa de por si unha explosión de ritmo, canto máis en directo. O tema converteuse nun himno colectivo, coreado por milleiros de persoas coa emoción a flor pel.

A CORUÑA FOI TESTEMUÑA DUN CONCERTO DE EMOCIÓNS COMPARTIDA

O público, entusiasta e diverso, non parou de bailar nin cando o vento mariño comezou a deixar notar a súa presenza entrada a noite. Había quen acudira en familia, quen viaxara dende outras partes de Galicia e mesmo dende comunidades veciñas e Portugal; quen estreaba concerto con Marc Anthony e quen o levaba seguindo dende os 90 e mesmo antes. Algúns levaban bandeiras de Porto Rico, outros camisetas personalizadas co nome do artista. Todos compartían unha mesma certeza: estaban vivindo algo único. E é que Marc Anthony non só cantou: comunicou. A súa voz, rota e poderosa, ten esa capacidade de transmitir emoción crúa sen artificios.

Dentro do ciclo de concertos do Xacobeo, que buscar atraer grandes nomes da escena internacional a espazos singulares de Galicia, o de Marc Anthony foi o prato forte deste verán. show desta lenda da salsa, cunha banda entregada ata o último timbalazo, fixo da deste domingo unha noite que quedará gravada na memoria colectiva da cidade. Ao rematar, Marc Anthony saudou un por un aos músicos, tirou bicos ao aire e desapareceu entre os aplausos como chegou: elegante e eterno. A Coruña despediuse cun sorriso canso de tanto mover os pés e feliz, co corpo quente malia o aire da ría. Pola rúa Real, pola praza de María Pita, polas terrazas do Orzán, o eco das súas cancións seguía resoando horas despois. A cidade, coma o público, sabía que fora testemuña dun deses concertos que pasan á historia non só pola música, senón pola emoción compartida.

ÚLTIMAS

O Seprona intercepta unha furgoneta con 429 quilos de lagostinos sen documentación

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil interceptou unha furgoneta procedente...

A bordo da memoria: o Elcano rende tributo á travesía esquecida de 1525 desde A Coruña ás illas Molucas

A saída de Ferrol do buque escola Juan Sebastián de Elcano, prevista para este...

Incendio nunha vivenda na rúa das Camelias da Coruña

Un total de tres persoas foron trasladadas en ambulancia ao CHUAC tras rexistrarse un...

Inés Rey sobre Feijóo: “non ten nada que achegar á cidadanía”

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, sinalou que o líder do Partido...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here