InicioOPINIÓNSomos as traballadoras do SAF: esenciais pero esquecidas

Somos as traballadoras do SAF: esenciais pero esquecidas

Publicada o

Por Trinidad Palacios

Chámome Trinidad, son coruñesa e traballo no Servizo de Atención á Dependencia no Fogar. Escribo estas liñas conmocionada pola morte dunha compañeira, Teresa, nun servizo que debía ser de coidado, non de risco. Ela non traballaba aquí, pero podía ser calquera de nós. Podería ser eu.

En Coruña tamén entramos soas en casas onde sentimos medo. Tamén sufrimos violencia verbal, acoso ou trato vexatorio por parte dalgunhas persoas usuarias. E cando pedimos apoio, a resposta adoita ser: “se non queres ir, renuncia”. Como se iso non supuxese perder ingresos, horas e estabilidade.

Esta realidade non é nova. Levamos anos denunciando precariedade, falta de protección e silencio institucional. As empresas concesionarias priorizan o beneficio económico fronte á seguridade das traballadoras. O Concello non fiscaliza como debería. A Xunta non actúa nin nos casos máis graves. E as traballadoras, mentres tanto, asumimos soas situacións de risco cada día.

O Real Decreto 893/2024, aprobado polo Ministerio de Traballo, recoñece a necesidade de mellorar a prevención nos domicilios. Pero no caso de Coruña, onde o servizo está externalizado a unha empresa privada, seguimos sen ver cambios reais. A aplicación destas medidas depende da vontade da empresa, e iso tradúcese en inacción.

As administracións teñen ferramentas para mellorar esta situación, pero faltan vontade e compromiso. Desde o Concello da Coruña poderían incluírse cláusulas sociais máis estritas nas licitacións. Podería crearse unha mesa de seguimento coa participación das traballadoras. Podería impulsarse a xestión directa do servizo, apostando por un modelo público e de calidade.

Non pedimos privilexios. Pedimos dignidade e seguridade. Queremos que se nos escoite cando sinalamos un caso perigoso. Que haxa coordinación eficaz. Que se nos forme e se nos acompañe. Que se valore o noso traballo e se garanta a nosa integridade física e emocional.

Somos mulleres. A inmensa maioría. Invisibles, esgotadas e sen voz. Pero tamén somos esenciais. Somos quen coida dos teus pais, das túas nais, das túas avoas. E si: moitas persoas usuarias recoñéceno. Queréndonos, agradecéndonos, tratando connosco con afecto e respecto. Nós tamén as queremos. Porque este traballo non é só asistencia: é acompañamento, humanidade, vínculo.

Hoxe morreu Teresa. Non é un feito illado. É consecuencia dun sistema que leva anos precarizando os coidados. E se non se actúa con decisión, volverá pasar. Por iso non queremos minutos de silencio. Queremos medidas reais. Queremos que a súa morte non sexa unha estadística máis, senón un punto de inflexión. Porque mañá, pode ser calquera de nós.

  • Trinidad Palacios. Traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

ÚLTIMAS

A nova licitación do Master Plan da Fachada Marítima: un golpe ou unha oportunidade

Anunciábase onte que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais vén de obrigar a...

Catro novas estacións de BiciCoruña para celebrar a apertura da Semana Europea da Mobilidade

Arrincou na praza de Pontevedra a Semana Europea da Mobilidade, baixo o lema 'Mobilidade...

A Consellería négase a desdobrar dúas aulas masificadas nos CEIP María Barbeito e Cerviño e CEIP Alborada

A CIG denuncia ratios “disparatadas” en diferentes centros de ensino da comarca da...

Máis de 35.000 cartas sen repartir: A “insostible” situación de Correos na Coruña

Non calma a situación nas oficinas de Correos da cidade. Despois de meses de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here