InicioOPINIÓNSomos as traballadoras do SAF: esenciais pero esquecidas

Somos as traballadoras do SAF: esenciais pero esquecidas

Publicada o

Por Trinidad Palacios

Chámome Trinidad, son coruñesa e traballo no Servizo de Atención á Dependencia no Fogar. Escribo estas liñas conmocionada pola morte dunha compañeira, Teresa, nun servizo que debía ser de coidado, non de risco. Ela non traballaba aquí, pero podía ser calquera de nós. Podería ser eu.

En Coruña tamén entramos soas en casas onde sentimos medo. Tamén sufrimos violencia verbal, acoso ou trato vexatorio por parte dalgunhas persoas usuarias. E cando pedimos apoio, a resposta adoita ser: “se non queres ir, renuncia”. Como se iso non supuxese perder ingresos, horas e estabilidade.

Esta realidade non é nova. Levamos anos denunciando precariedade, falta de protección e silencio institucional. As empresas concesionarias priorizan o beneficio económico fronte á seguridade das traballadoras. O Concello non fiscaliza como debería. A Xunta non actúa nin nos casos máis graves. E as traballadoras, mentres tanto, asumimos soas situacións de risco cada día.

O Real Decreto 893/2024, aprobado polo Ministerio de Traballo, recoñece a necesidade de mellorar a prevención nos domicilios. Pero no caso de Coruña, onde o servizo está externalizado a unha empresa privada, seguimos sen ver cambios reais. A aplicación destas medidas depende da vontade da empresa, e iso tradúcese en inacción.

As administracións teñen ferramentas para mellorar esta situación, pero faltan vontade e compromiso. Desde o Concello da Coruña poderían incluírse cláusulas sociais máis estritas nas licitacións. Podería crearse unha mesa de seguimento coa participación das traballadoras. Podería impulsarse a xestión directa do servizo, apostando por un modelo público e de calidade.

Non pedimos privilexios. Pedimos dignidade e seguridade. Queremos que se nos escoite cando sinalamos un caso perigoso. Que haxa coordinación eficaz. Que se nos forme e se nos acompañe. Que se valore o noso traballo e se garanta a nosa integridade física e emocional.

Somos mulleres. A inmensa maioría. Invisibles, esgotadas e sen voz. Pero tamén somos esenciais. Somos quen coida dos teus pais, das túas nais, das túas avoas. E si: moitas persoas usuarias recoñéceno. Queréndonos, agradecéndonos, tratando connosco con afecto e respecto. Nós tamén as queremos. Porque este traballo non é só asistencia: é acompañamento, humanidade, vínculo.

Hoxe morreu Teresa. Non é un feito illado. É consecuencia dun sistema que leva anos precarizando os coidados. E se non se actúa con decisión, volverá pasar. Por iso non queremos minutos de silencio. Queremos medidas reais. Queremos que a súa morte non sexa unha estadística máis, senón un punto de inflexión. Porque mañá, pode ser calquera de nós.

  • Trinidad Palacios. Traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

ÚLTIMAS

María Pita acolle esta tarde a recepción e celebración do ascenso

Esta tarde de luns, Coruña celebrará na praza de María Pita cos afeccionados e...

O Concello da Coruña convoca, tres anos despois, unha nova edición dos Orzamentos Participativos

Importante anuncio que ofreceu esta mañá o Concello da Coruña. Levan sen convocar dende...

Mónica Naranjo elixe o Coliseum da Coruña para a súa única actuación en Galicia polo seu 30 aniversario

A artista Mónica Naranjo actuará o próximo 20 de novembro no Coliseum da Coruña...

O proxecto ‘Talentos Inclusivos’ do CITIC recibe o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento

O proxecto 'Talentos Inclusivos', impulsado desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here