Fermosa a iniciativa de recuperar a historia da revolta obreira das Cigarreiras ás portas da Fábrica de Tabacos da Palloza o 7 de decembro de 1857. E fermosa a posta en escea que van protagonizar, este domingo 24 de agosto na praza de María Pita, a Banda Municipal da Coruña e o Coro Galego Cántigas da Terra.
Máis de cen artistas, cun elenco coruñés de excepción, subirán ao escenario para recrear -a través da música e do teatro- a pioneira revolta obreira protagonizada polas cigarreiras coruñesas .
Un espectáculo que conxuga música e teatro cun contexto habitualmente costumista, mais para esta ocasión búscase reivindicar este xénero e reinventalo a través dunha vertente contemporánea.
A orixe de ‘As cigarreiras’ radica no convite que a Banda Municipal lle trasladou a Cántigas da Terra para crear un espectáculo conxunto. Dende esta agrupación, fundada na cidade en 1916, agradeceuse a invitación e propúxose recrear a xa amentada revolta das cigarreiras a través da recuperación do xénero tradicional da estampa galega.
O espectáculo
O espectáculo estrutúrase en tres actos. Acompañando as cigarreiras, o primeiro acto presenta o traballo na fábrica, con alusións á masa coral da fábrica e a súa importancia no contexto industrial. O punto de inflexión chega ao final do segundo acto, cando estoupa a revolta e a ‘Foliada da Cruña’ é interpretada polas traballadoras a modo de himno.
Finalmente, a última sección do espectáculo elabora o argumentario a favor dunhas condicións de traballo digno, sempre enmarcadas no repertorio musical propio da cidade herculina.
Un equipo de nivel
O espectáculo conta dun equipo tremendo. Ademais da participación do Grupo de Baile Santaia e Cántigas da Terra, formación que inclúe o coro, o grupo de gaitas e o cadro de teatro, segmento este último dirixido por Isabel Risco, quen será a encargada de encarnar a cigarreira protagonista da peza: María Pena Barreiro. Xunto a Risco actuarán outros nomes coñecidos da escena profesional coruñesa: Victoria Pérez, Manuel Fernández, Jose Losada e Alberte Bello.
O equipo deste espectáculo inclúe, ademais, o guionista Carlos Ares, quen asina o texto orixinal da peza, mentres que Estefanía Gómez e Iván Villar asumen a dirección de movemento. A escenografía corre a cargo de Suso Montero e a coordinación xeral recae na produtora Marta Horjales. A parte técnica complétase con Rubén Montes (responsable de son), Héctor Naveira (Iluminación) e José Luis Vázquez, quen -xunto ao xa citados Montero e Isa Risco se encargan do vestiario.