O Concello da Coruña nega eliminar o permiso parental retribuído de oito semanas, feito que denunciou este luns a CIG, que os acusaba de facelo de forma “unilateral”. Nun comunicado difundido aos medios de comunicación, o Goberno local lembra que foi “pioneiro” en España en aplicar esta medida, “que implantou por decisión propia e que, por tanto, non ten intención ningunha de reverter”.
Remarcan ademais que con esta medida, son a primeira cidade de España en dar cumprimento á directiva europea que establece medidas para favorecer a corresponsabilidade.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, destacou o impacto positivo desta medida. “Levamos concedidos máis de 200 permisos retribuídos desde xullo de 2024 ata hoxe. O noso concello é un exemplo, xa que temos unha norma propia pola que implantamos o permiso parental retribuído durante 8 semanas”, sinalou.
CIG DENUNCIABA A SÚA ELIMINACIÓN “UNILATERAL”
O sector de Administración Local da federación de Administracións Públicas da CIG da Coruña solicitaba esta mañá ao Goberno local da cidade aclaracións respecto diso da eliminación, “de forma unilateral e sen negociación previa coa representación legal das persoas traballadoras”, do permiso para o persoal público.
Desde a central sindical lembraban que a Directiva europea (UE) 2019/1158 recoñece ata oito semanas de permiso parental retribuído, pero o Goberno, a través da súa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, “fai unha transposición tramposa, unha vez máis, da normativa”, sacando adiante un decreto polo que se amplían os permisos de nacemento e coidado, “obviando, novamente, o carácter retribuído do permiso parental de oito semanas para o coidado de fillo, filla ou menor acollido”.
Apuntan tamén que o Estado xa foi multado con contías que superan os 10 millóns de euros por “negarse a regular o carácter retribuído deste permiso”. No caso do municipio coruñés, “conseguiuse, pola vía da negociación colectiva, que o Goberno municipal de Inés Rey aprobase, de maneira pioneira, a remuneración deste permiso desde o pasado agosto de 2024″.
Agora denunciaban a decisión de eliminar, “pola vía dos feitos e sen negociación nin comunicación previa á representación legal das persoas traballadores”, o carácter retribuído deste permiso, e que ante as peticións actuais do seu persoal estáselle instando a que, no caso de que desexen gozar igualmente do permiso pero sen o carácter retribuído, renuncien voluntariamente ao carácter retribuído mediante un correo electrónico.