Pleno completo o vivido esta mañá no Pazo de María Pita, que comezaba cunha condena común ao xenocidio sionista na mañá previa ás manifestacións desta tarde en todo o estado, e tamén na Delegación do Goberno ante a detención da Flotilla da Liberdade.
O pleno tamén acordou instar á Xunta a fixar un novo calendario de prazos sobre o Novo CHUAC.
Pero o protagonista foi o Mundial 2030. BNG e PP levaron varias preguntas ao pleno pedindo información sobre como vai o proxecto tras moitos meses de “apagón informativo”. Neste caso foi voceiro municipal José Manuel Lage Tuñas (adoitaba ser o edil de turismo Gonzalo Castro o que respondía sobre este asunto) limitouse a dicir, como xa avanzaba a alcaldesa ao longo da semana que “cando haia novidades xa daremos conta delas”. Foi máis alá o voceiro do grupo socialista e aproveitou as preguntas para acusar á oposición de estar remando en contra de que a cidade sexa sede do Mundial.
O Mundial
A realidade é que nada se sabe da situación do proxecto, nin da reforma do estadio, dende comezos de ano, máis alá dalgunha concesión dalgún concelleiro na que deixaba caer que “había que cambiar o proxecto”.
Á pregunta do edil do BNG David Soto sobre as novidades do proxecto así como sobre o financiamento do mesmo, Lage Tuñas limitouse a dicir que “aínda non estamos nesa fase”, referíndose unicamente ao proxecto presentado hai 2 anos e que conseguir ser escollido polas administracións internacionais como sede. Lage chegou mesmo a acusar ao BNG se realmente está a favor do Mundial, pedínlle que “reme na mesma dirección”.
Utilizou a mesma repregunta o voceiro socilista á pregunta, semellante á do BNG, do concelleiro do PP, sobre os prazos (lembrou que o anuncio inicial sinalaba a licitación en 2023 e a posta en marcha das obras de reforma do estadio en 2024), e sobre novo aforo do estado, e sobre o financiamento. Neste caso, Tuñas volveu esquivar as preguntas co “cando se entre nesa fase, darase conta da mesma”, pero ademais usou os seus minutos de intervención co argumento ademais do “e ti máis”, lembrando retrasos do goberno municipal do PP como as falsas promesas do CHUAC no 2000 ou de Alfonso Molina no 2013.
”Están todos pola labor de que este proxecto vaia adiante?”, preguntou Lage Tuñas antes de rematar a súa intervención apelando a que “o Deportivo é un sentimento”, apelando polo entendemento ente todas as partes, incluídas o Real Club Deportivo.
Taxas para arriba e para abaixo
No mesmo pleno no que PSOE e BNG aprobaron definitivamente a nova ordenanza do servizo de recollida de lixo, que inclúe unha subida da taxa do lixo de cara 2026, os dous grupos acordaban tamén “non incrementar as cargas fiscais” para o vindeiro ano.
Escolas deportivas municipais
Presentaba o BNG unha pregunta sobre a situación de mantemento das instalacións deportivas municipais, e a situación do persoal da empresa Serviplús, concesionaria do servizo, que comezan esta semana mobilizacións pola súa precariedade.
O edil Manuel Vázquez asegurou estar en contacto directo cos traballadores, e limitouse a dicir que as “EDM son un éxito, con máis de 4.000 persoas”. “Todo é mellorable, pero o resultado moi positivo e nada máis que obxectar”.
Engadiu que o plego das novas Escolas Deportivas Municipais se atopa na fase final de redacción e a intención do goberno municipal é rematalo antes de fin de ano, asegurando que van incluír medidas sociais que permitan “ofrecer un mellor servizo público garantizando unhas condicións laborais dignas”.<7p>
Máis novas
O pleno da Coruña insta á Xunta un novo calendario sobre os prazos para o ‘Novo Chuac’
Condena contra o “xenocidio” en Gaza no pleno do Concello da Coruña