A Casa Museo Casares Quiroga acollía este xoves 16 de outubro a presentación do libro que recolle a conmemoración do 50 aniversario do asasinato do sindicalista Moncho Reboiras. O destacado dirixente político nacionalista galego e opositor á ditadura franquista (nado en Dodro e veciño de San Pedro de Visma), foi asasinado pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975, aos 25 anos de idade, apenas uns días antes da fin da ditadura, o que o converteu nun símbolo e referente para o nacionalismo galego e a esquerda independentista.
O acto de presentación do libro ’50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras. Moncho Reboiras: Símbolo da Galiza que Loita (1950-1975)’, contou coa presenza de Xesús Seixo Fernández, presidente da Fundación Moncho Reboiras, e Uxío-Breogán Diéguez Cequel, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, ademais do Concelleiro de Cultura Gonzalo Castro.
A xornada de presentación incluíu unha visita guiada pola mostra ‘A semente de vencer’, que continuará aberta ata o vindeiro 31 de outubro, e que conta con obras de 14 artistas nas que se homenaxea e se recrea a figura de Moncho Reboiras. Os e as artistas que participan na mostra son Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) e Estudo Aldea.
Máis novas
Sendas lembranzas ás vítimas da represión da Folga Xeral de 1901 e a Moncho Reboiras
San Amaro recibiu os restos de Francisco Miguel, outra vítima do franquismo