O sector do taxi mobilizouse este xoves, día 13, na Coruña para denunciar a “lentitude” da Xunta e o Goberno local para tomar medidas ante o “intrusismo” dos vehículos de transporte con condutor (VTC) na cidade. “Teñen unha licenza exclusivamente interurbana e están a facer o 80% dos seus servizos no centro urbano”, explicou o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambad, en declaracións a Europa Press. Fíxoo tras apuntar que “Cabify e Uber levan desde 2018 operando na cidade e parece coma se aparecesen agora de súpeto”.
Para protestar ante esta situación, un centenar de taxis, a título particular, saíron en caravana do barrio de Palavea ao redor das 11.00 horas para percorrer A Pasaxe, avenida do Exército, Primo de Rivera, Linares Rivas, Juana de Veiga e finalizar no Parrote. “O obxectivo desta marcha lenta é dar visibilidade a este problema“, expuxo Sambad ante unha circunstancia que afecta aos “522 taxis que hai na Coruña”.
RESPONSABLES
“Somos un grupo de traballadores descontentos con como se está levando todo”, recalcou. Neste sentido, sinalou que as reclamacións do sector van dirixidas a “as dúas administracións”. “Non entramos en quen é máis ou menos responsable”, indicou en alusión ao Executivo autonómico e ao consistorio.
No entanto, Sambad incidiu en que “no centro urbano da cidade da Coruña quen ten a obrigación de facer cumprir a lei é o Concello e a Policía local”. “Parece ser que non o están facendo”, apostilou. Respecto da caravana de protesta, desde a Policía local precisaron que a súa incidencia no tráfico foi “escasa” e “sen maior repercusión”. “Unha circulación máis densa e lenta pero que non interferiu moito na vida cotiá”, concretaron.
Apoio de PP e BNG
“Sentémonos todos a regular todo o sector da mobilidade. Porque é bo regulalo, respectando o gran labor que sempre fixeron os taxistas na cidade”, sinalou o voceiro do PP Miguel Lorenzo, que quixo acompañar aos taxistas nesta mobilización: “Temos que coidar, protexer e recoñecer o gran labor que fai o sector do taxi na nosa cidade”, sinalou ademais de apuntar que “mentres non haxa normativa municipal, hai unha autonómica pola que se impuxeron sancións aos VTC que a incumpriron, pero se o Concello non as tramita, de que serve?”.

Tamén a concelleira do BNG Avia Veira, acompañou esta mañá a mobilización do sector do taxi para facer valer os seus dereitos fronte á competencia desleal dos VTC (vehículos de transporte con condutor).
Veira lembrou que o pasado xoves 13N o Pleno do Concello aprobou, por unanimidade, unha moción do BNG por medio da cal se instaba o Goberno Local a que fixese cumprir a Ordenanza de Mobilidade, recentemente aprobada após negociación coa formación nacionalista, e a que formase a Policía Local para aplicar un réxime sancionador aos VTC.
A Xunta pode retirar esas licenzas se non se utilizan para o que foron concedidas”, afirma Avia Veira, ao tempo que salienta: “Defendemos o sector do taxi fronte á competencia desleal dos VTC. Por iso presentamos esa moción, aprobada por unanimidade, e por iso acompañamos hoxe esta mobilización”.
Máis novas sobre as VTC
A conxelación de taxas e os VTC protagonizan o pleno de novembro na Coruña
A Xunta interpuxo 112 multas a vehículos VTC por servizos urbanos na Coruña

