Denunciabamos a semana pasada a preocupación dos usuarios da viaxe cultural internacional de fin de curso paralelo ao programa lecer do Fórum e o Ágora, ante a súa posible anulación. As persoas usuarias están recollendo sinaturas, e xa dirixiron a Inés Rey, alcaldesa e presidenta do IMCE, para que reconsiderase a decisión “unilateral” de suprimir esa viaxe asamblearia, pagada polos propios usuarios, e para a que o Concello apenas exercía de mediador entre as persoas que participaban nos cursos e as axencias de viaxes da cidade.
Ante esta situación, o BNG é o primeiro o que levará o asunto ao pleno, ao non entender a decisión de suprimri esta viaxe que leva realizándose xa 18 anos, “sen ningún tipo de explicación nin de consulta previa ás persoas usuarias”. Esta circunstancia leva a concelleira do BNG Mercedes Queixas a rexistrar un feixe de preguntas por escrito e un rogo oral para a súa lectura no Pleno de decembro, tras escoitar as demandas da veciñanza. .
”Estas viaxes culturais veñen celebrándose desde hai uns 18 anos con grande éxito de participación (máis de 150 persoas adoitan participar nelas), sen teren ningún tipo de custo para o Concello, sendo que as usuarias son as que se fan cargo dos custos e a súa avaliación sempre foi moi positiva”. “Que razón argumenta o Goberno Local para impedir que se siga organizando? Con quen valorou o Goberno Local esta decisión?”, preguntará no pleno o BNG. “Vai reconsiderar esta decisión o Goberno Local á vista do escrito das persoas usuarias e das sinaturas recollidas e dirixidas á alcaldesa e presidenta do IMCE?”, lanza.

