Volveu a maxia dos Reis Magos percorrer as rúas da cidade. A tradicional Cabalgata de Reis, foi recibida polas arredor de 125.000 persoas que saíron ás rúas de toda a cidade, para gozar desta experiencia máis diversa, máis circense e máis máxica que noutras cidades. Este ano ademais, a temática estivo vinculada ao eclipse solar que terá lugar en agosto, e os elementos astronómicos estiveron moi presentes.
Coma non podía ser doutro xeito, volveu haber retraso (arredor de 45 minutos na saída), e a pesar de estar programada para saír ás 17:30h do parque de Vioño, non o fixo ata ás 18:15, aproximadamente. De aí, avanzou, entre chuvasco e chuvasco, pola rúa Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, avenida Santiago Rey Fernández-Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, Primo de Rivera, Linares Rivas, Cantón Grande, a Marina, Montoto, Porta Real e María Barbeito, ata a súa chegada á praza de María Pita.

En María Pita, menos mal que estaba Pulpiño Viascón para amenizar a espera dunha comitiva da que, coma sempre, a máis esperada era a carroza dos Bombeiros. A ritmo de “Quiero ser Bombero” versionando a Chayanne, o “Los Bomberos que tiren caramelos” é algo xa mundial.
View this post on Instagram
En datos

O desfile estivo amenizado pola participación de 16 compañías artísticas, con 170 persoas, que repartiron 7,5 toneladas de caramelos brandos e sen glute. En total, máis de 1.200 persoas participaron na cabalgata, entre figurantes, persoal de organización, auxiliares de acompañamento e integrantes da comitiva real.
A comitiva, estivo formada por 13 vehículos, incluíndo as tres carrozas dos Reis Magos, outras 3 municipais e 7 de entidades colaboradoras, acompañadas por 6 trens, un deles solidario. Por primeira vez, a Cabalgata contou cun tren da Policía Local, que se incorporou ao desfile como novidade desta edición.
Noutro dos trens participaron nenos e nenas do CEIP San Francisco Xabier, da clase 5ºA, como parte dun dos premios obtidos por Darío Martín Sarmiento, gañador do concurso de postais de Nadal deste ano.
O Concello despregou un amplo dispositivo de seguridade e organización, integrado por máis de 200 profesionais.


