Entre 40 e 50 estudantes do IES Plurilingüe de Elviña, na Coruña, están afectados por un brote dun virus gastrointestinal que, segundo apunta a Consellería de Sanidade —que investiga o caso—, pode deberse a unha intoxicación alimentaria. Ningún dos mozos afectados, atendidos en puntos PAC e consultas telefónicas con síntomas como vómitos, diarrea e febre, tivo que ser hospitalizado.
A Consellería de Sanidade tivo constancia do suceso este luns e explica que afecta a alumnos de todos os cursos. Investiga o ocorrido e afirma que a intoxicación se debe a algún produto inxerido entre o 8 e o 9 de xaneiro durante o recreo, cando os alumnos teñen acceso á cafetaría do centro, xa que o instituto non conta con servizo de comedor.

