InicioA CORUÑAO Concello da Coruña pecha parques e xardíns e mantén a costa...

O Concello da Coruña pecha parques e xardíns e mantén a costa precintada polo temporal en alerta vermella

Publicada o

Por europapress

O Concello da Coruña decidiu pechar parques e xardíns municipais e manter precintada toda a franxa costeira como medida preventiva ante o temporal que afecta á cidade, no marco dunha alerta vermella vixente até a tarde do sábado. Así o trasladaron fontes municipais, que confirmaron tamén a presenza de vixilancia nas praias para evitar o acceso da cidadanía ás zonas de risco.

Segundo explicou o consistorio, a zona da costa permanece completamente pechada e os areais están sometidos a control continuo. No caso de Riazor, detallaron que a duna artificial instalada durante o inverno quedou “bastante afectada” polo forte mar da pasada noite. Desde o goberno local avanzaron que será reposta unha vez melloren as condicións meteorolóxicas.

INCIDENCIAS PUNTUAIS XA RESOLTAS

En canto ás incidencias rexistradas, desde o Concello indicaron que non houbo danos de especial gravidade. A principal afectación produciuse durante a madrugada, cando se rexistrou un apagamento eléctrico provocado polas tormentas, que chegou a afectar o funcionamento dos semáforos. Con todo, segundo precisaron, o subministro quedou restablecido pola mañá e todos os semáforos funcionan con normalidade.

Pero tamén na cidade a saraibada das 8:30h da mañá foi dura, provocando que zonas do centro quedasen sen luz pública ata o mencer.

CHAMAMENTO Á PRUDENCIA

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apelou publicamente á prudencia da cidadanía ante a evolución do temporal. “Estamos en alerta vermella até mañá sábado pola tarde, pedimos precaución e extremar todas a seguridade”, sinalou, insistindo en que non se debe acceder ás zonas costeiras.

A rexedora advertiu de que se prevén ondas de até nove metros e lembrou que a pleamar se producirá entre as 18.00 e as 20.00 horas. Ademais, explicou que a duna de protección de Riazor foi arrastrada polo mar durante a noite, o que incrementa a exposición da zona ao impacto das ondas.

“Se o vento decide acompañar ao mar, poderiamos mesmo ter auga e ondas até a praza de Pontevedra, co risco que supón para viandantes e vehículos”, alertou Rey. A alcaldesa recoñeceu que, polo momento, as poucas incidencias rexistradas xa foron liquidadas, aínda que non descartou que poidan producirse novas ao longo do día.

Neste contexto, fixo un chamamento expreso á responsabilidade cidadá: “Pido que sexamos extremadamente coidadosos”, afirmou, para evitar poñer en risco “a vida de quen están a traballar para garantir a nosa seguridade” durante o episodio meteorolóxico adverso.

ÚLTIMAS

Xunta e Concello da Coruña pechan os itinerarios dos autobuses para a futura estación intermodal

A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña avanzan na reorganización dos servizos...

Inés Rey reclama á Xunta un plan integral para rehabilitar os colexios públicos da Coruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reclamou este martes á Xunta de Galicia a...

Transportes cortará o acceso á AC-11 desde a rúa Lamelas polas obras de Alfonso Molina

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable iniciará este mércores unha nova fase das...