A Audiencia Provincial da Coruña celebrará o vindeiro día 4 un xuízo no que se sentará no banco dos acusados unha doutora denunciada por acceder, “sen coñecemento nin consentimento”, ao historial clínico dunha compañeira de profesión. Malia a gravidade da denuncia presentada pola acusación particular, a Fiscalía pide o sobresemento do caso ao entender que non existen probas suficientes de que se cometese un delito contra a intimidade.
Segundo recolle o escrito fiscal, os accesos producíronse en dúas ocasións, nos anos 2015 e 2016, utilizando as credenciais de usuario e o contrasinal da doutora acusada. Con todo, o Ministerio Público argumenta que durante a fase de instrución non se puido acreditar a que contido específico se accedeu nin o tempo de permanencia no programa informático. Así mesmo, a defensa mantén unha tese alternativa na que sostén que un terceiro puido entrar no sistema utilizando as claves da denunciada sen que ela o soubese.
O Ministerio Público fundamenta a súa petición de arquivo en que o Código Penal non sanciona o simple acceso non autorizado ao ficheiro, senón o acceso ao dato que cause un prexuízo real á vítima. Neste caso, a Fiscalía subliña que non se divulgou nin se comunicou a terceiros o contido da información e que a denunciante non logrou acreditar ningún dano derivado de ditos accesos. Por este motivo, conclúen que non se cumpre o requisito típico esixido pola xurisprudencia para considerar que se vulnerou o artigo 197.2 do Código Penal.
A postura da Fiscalía mantense firme tras terse oposto anteriormente aos recursos da acusación particular e dar o visto ao auto de sobresemento inicial. Con esta situación de discrepancia entre as partes, o tribunal deberá decidir a próxima semana se os feitos son constitutivos de delito ou se, pola contra, prevalece o criterio do Ministerio Público e se absolve á facultativa.

