InicioMOV. SOCIAISLevan á Valedora do Pobo o “retroceso histórico” que supón a supresión...

Levan á Valedora do Pobo o “retroceso histórico” que supón a supresión do subsidio de excarceración

Publicada o

Por Redacción

O subsidio de excarceración foi creado en 1995 co obxectivo de facilitar a transición á vida en liberdade das persoas excarceradas, ofrecendo un apoio económico temporal orientado a evitar a exclusión e reducir o risco de reincidencia. Esta prestación recoñecía expresamente as dificultades específicas deste colectivo para acceder ao emprego e aos recursos básicos tras cumprir a condena, actuando como ponte entre a prisión e a inserción social e laboral. Durante 3 décadas foi un alicerce principal para que as persoas contasen cun ingreso básico nada máis rematar a súa condena que lles permitise unha lixeira independencia ata conseguir un emprego.

Porén, a entrada en vigor do Real Decreto-lei 2/2024, o 1 de novembro de 2024, supuxo a eliminación desta axuda e a súa integración no réxime do Ingreso Mínimo Vital (INV) unha prestación de carácter xeral dirixida a previr situacións de pobreza e exclusión social, pero que non ten en conta a especificidade do proceso de excarceración. Trátase dunha modificación de alcance estatal que, segundo o informe presentado, xera un baleiro de protección nas primeiras semanas en liberdade, un período especialmente crítico no que se incrementa o risco de exclusión social e de reincidencia.

“Esta medida é retroceso social histórico no ámbito da reinserción penitenciaria”, entenden dende a Fundación Érguete-Integración, que presentou esta mañá, ante a Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela, o informe “Consecuencias da supresión do subsidio de excarceración e impacto social en Galicia”.

No acto interviñeron María Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo Galego; Teresa Jiménez-Becerril Barrio, adxunta primeira ao Defensor del Pueblo de España; Andrés Jiménez Rodríguez, Director da área de Seguridade e Xustiza do Defensor del Pueblo de España; Rubén Cagiao Avendaño, Presidente da Fundación Érguete-Integración; Antía Cisneros Galovart, avogada e membro do Padroado da entidade, e María Rodríguez Lago, educadora social e técnica en medio penitenciario na Fundación.

Así mesmo, estiveron presentes representantes dos centros penitenciarios de Galicia e de entidades sociais que desenvolven parte do seu traballo no ámbito penitenciario.

Incremento da exclusión social, a desprotección e o risco de reincidencia

A Fundación, que desenvolve o seu traballo en distintos centros penais de Galicia dende hai máis de 20 anos, alerta de que a supresión da prestación está a ter consecuencias directas sobre a situación de vulnerabilidade das persoas que saen de prisión.

Entre os principais impactos detectados, a entidade sinala que o novo marco penaliza especialmente ás persoas que carecen de apoio familiar, vivenda estable ou documentación en regra; burocratiza o acceso á protección social e traslada ás unidades de convivencia a responsabilidade económica e material da persoa excarcerada.

Así mesmo, desaparece o compoñente restaurativo que, en determinados delitos graves, incorporaba mecanismos de protección do interese das vítimas orientados ao resarcimento do dano ou á petición expresa de perdón.

A consecuencia inmediata é un incremento da exclusión social e da desprotección -que afecta tanto ás persoas excarceradas como, indirectamente, a determinadas vítimas-, así como un aumento do risco de reincidencia.

Un impacto agravado en Galicia

Galicia resulta especialmente prexudicada pola limitada rede de recursos residenciais e de inserción laboral dispoñible. A isto súmase que a poboación excarcerada no territorio galego presenta elevados niveis de desemprego, desestruturación familiar e escaseza de recursos sociais de acompañamento, sen que existan mecanismos autonómicos suficientes para compensar estas carencias. Ademais, os servizos sociais municipais non dispoñen dos medios necesarios para ofrecer respostas inmediatas a este colectivo.

Propostas á Valedora do Pobo

Ante esta situación, a Fundación Érguete-Integración solicitou á Valedora do Pobo de Galicia que analice de oficio o impacto da supresión do subsidio de excarceración sobre o dereito á reinserción social das persoas excarceradas en Galicia. Así mesmo, insta á adopción de medidas correctoras, tanto a nivel autonómico como estatal, que garantan unha cobertura económica inmediata tras a saída de prisión, respectando a finalidade resocializadora das políticas penais.

Entre as propostas concretas recollidas no informe, figura a solicitude, aos organismos competentes, dunha avaliación exhaustiva do impacto da medida, especialmente en termos de pobreza, reincidencia e exclusión social. O documento sinala tamén a necesidade de revisar o marco normativo vixente, valorando opcións como a modificación da Lei 19/2021 do IMV para recoñecer expresamente a excarceración como situación específica de vulnerabilidade, a creación dunha prestación transitoria automática desde Institucións Penitenciarias ou a posibilidade de iniciar a solicitude do IMV antes da saída de prisión. Así mesmo, a entidade insta a facilitar o empadroamento e a actualización documental das persoas excarceradas, así como a reducir os trámites burocráticos necesarios para solicitar a prestación.

Outras novas relacionadas

Redes recicladas e feitas polos internos do CIS para os goles do CEE Aspronaga

Sísifo abre as portas da sociedade a base de calor

Fundación Érguete: “Ata que o sistema penintenciario non saia á rúa, non haberá unha reinserción real”

Chisco co Culuca no podcast de Texeiro: “A min o que me gusta é o estrés do momento do servizo”

ÚLTIMAS

Os traballadores do transporte rexeitan o preacordo do convenio e poñen de prazo ata o luns

Traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña acordaron,...

Os traballadores de Losán saen á rúa para esixir salarios pendentes e un plan que salve o emprego

Traballadores e traballadoras de Industrias Losán concentráronse este xoves, ante a Delegación do Goberno...

A RAG presentou na Coruña as ‘Rimas populares de Galicia’ de Manuel Murguía

A Casa Museo Casares Quiroga acolleu este mércores 4 de febreiro, a presentación do libro...

Condenado a máis de 4 anos de cárcere o condutor que causou a morte dun matrimonio na Noiteboa de 2020

A Audiencia Provincial da Coruña condena a catro anos e dous meses de cárcere...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here