Levan apenas un ano e medio como formación e xa están copando titulares das voces que máis seguen a música galega contemporánea como @rodrimiguez97 ou @noelturbulencias.
Apolo18 (@__apolo18__) son Rafa, Iago, Antón, Noel e Hugo. Con entre 18 e 20 anos, unen varios barrios da cidade para romper barreiras co seu rock alternativo a base de ruído, un son pouco habitual nos días que corren.
Veñen de tocar na Filomátic ou no Clavicémbalo de Lugo, xa teñen un par de temas nas plataformas e as vindeiras semanas presentan “Incidente”, gravado coa axuda de Estudios Mans. Falamos con esta banda que de seguro vai revolucionar o verán galaico.
- De que barrios sodes e onde estudiastes/estudiades?
Hugo e Antón son dos Rosales, os dous estudan tamén en Coruña. Hugo Iluminación na Escola de Imaxe e Son, e Antón na Universidade a carreira de Cultura Audiovisual. Rafa é de Oleiros. Agora mesmo estudia en Santiago a carreira de Bioloxía. Noel de Matogrande, estuda actualmente en Vigo a carreira de Inxeniería Industrial. E Iago é de Cabana de Bergantiños, na Costa da Morte, pero agora mesmo reside no barrio de Os Castros e estuda un ciclo superior de Deseño e Amoblamento co CIFP Someso.
- Como vos coñecestes?
Antón e Hugo xa se coñecían do colexio, e tiveron a idea de facer un grupo. Buscando un batería encontraron a Noel, que comezou a ensaiar con eles. Máis adiante, Noel propúxolle a Rafa a idea de unirse tamén ao grupo, cousa que Rafa non dudou en aceptar. Finalmente, buscando un cantante, Hugo e Rafa pensaron en Iago, xa que o coñecían do conservatorio, xa que os tres estudaban guitarra aí.
- De onde vén o nome da banda?
Dende que empezamos a ensaiar xuntos non nos preocupamos moito polo nome, pero chegou un punto no que, tras varios meses nos que xa compoñíamos cancións e nolo tomábamos un pouco mais en serio, comezamos a buscar nomes, pero non dábamos con ningún que nos encantara a todos. Nun destes ensaios, estábamos con Miguel, o pai de Rafa. Este último pensara nunha temática espacial, polo que Miguel dixo: “se houbo 17 apolos, pois vós sodes o 18” e simplemente aceptamos a súa proposta sin comernos máis a cabeza.
- Xa vimos por aí que tendes referencia como Radiohead, Smashing Pumpkis, Nirvana, Los Planetas… a nivel galego, que bandas vos gustan?
Triángulo de amor bizarro, Lorahacepam, Grande Amore, Musgo981, Jade4, Boyanka Kostova e Amaramar.
- Letras en Galego? Por que? Sodes galegofalantes ou neofalantes?
No noso caso foi unha decisión completamente natural. Aínda que os músicos do grupo non falen galego habitualmente, eu, Iago (o cantante) sempre falei en galego, polo que á hora de escribir fáiseme moito máis cómodo escribir e expresarme no meu propio idioma que cambiar ao castelán.
- Estudios Mans… vaia luxo na cidade, non? Que tal foi a experiencia de gravar alí?
Para nós foi un soño poder estar aí e compartir sitio con unha persoa tan talentosa e cercana como é David, o produtor que nos axudou a sacas estas cancións adiante. Pasamos un día enteiro aí e todas as grabacións foron en directo. Tamén grazas a estar aí se nos abriron moitas oportunidades que de outra maneira serían imposibles, así que estamos moi agradecidos co equipo de estudios Mans.
- Xa tocastes na Disfrutona, na Filomatic, no mítico Clavicémbalo de Lugo, e pronto volvedes á Filo, e a Mardi. Sodes usuarios das salas??
Sendo 5 persoas ás que nos gusta a música en directo, sempre que temos a oportunidade de ver a algunha banda que nos gusta en Coruña, tanto locais ou de fóra, intentamos estar aí para apoialas.
- Como foi o concerto de San Antón do pasado verán? Que significou para vós?
Foi un evento no que o pasamos moi ben a verdade. Grazas aos locais de ensaio tivemos a oportunidade de tocar nun lugar como ese e compartir espacio cos nosos compañeiro dos locais. Foi unha tarde chea de música con moi bo ambiente.
Máis novas musiqueiras
Sara Merso, a herculina de Cariño estrea hoxe no Garufa o seu primeiro disco en solitario
Félix Arias lanza un novo disco “feito na casa”: “Entre as urxencias, fixen o importante”
Pepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega contemporánea, “Ábrete de Orellas”
Estudios Mans ou a gravación de máxima calidade accesible para toda clase de proxectos

