Tras a inauguración da exposición, terá lugar a gala do festival, coas actuacións de Belém Tajes, Feral Booty, Misuria Blues e Planète Sauvage, nunha celebración aberta ao público que une creación artística e activismo.
A exposición contará con obras de Roke Armas, Chelo Facal, Alberto Franco, Begoña Pastoriza, Roiayer, Lola Saavedra, Bego Tojo, M. Touzón, Gosia Trebacz, Nena Ventura e Xulia Weinberg. Todos e todas elas son artistas recoñecidos en Galicia non só polo seu talento e creatividade, senón tamén polo seu constante compromiso coa arte, coa cultura e coa difusión da noviolencia.
A presentación da mostra realizarase ás 17:30 horas, de man de M. Touzón e Chelo Facal, nunha visita guiada que permitirá coñecer de primeira man o espírito do festival e as intencións das obras. O montaxe e deseño da exposición corren a cargo de Gosia Trebacz, e a mostra poderá visitarse durante unha semana no Centro Social Ágora, ofrecendo a oportunidade de achegarse á creación artística comprometida coa noviolencia.
A exposición do Nonviolencia Activa Fest non só amosa o talento individual de cada artista, senón tamén o poder da colaboración e do encontro. É unha invitación a reflexionar sobre outras formas de relación, de creación e de convivencia, onde a arte se converte nunha ferramenta de transformación social e emocional.

