Máis de 1.200 estudantes do grao de Enxeñaría Civil e do Máster en Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos participan desde mañá na Coruña no encontro estatal Intercaminos 2026. Trátase de alumnado procedente da propia cidade herculina e tamén de Barcelona, Granada, Santander, Madrid, Cidade Real, Alacante, Valencia e Cartaxena.
O evento, que está organizado polo Club Deportivo Camiños, conta coa colaboración do Concello da Coruña coa comunidade universitaria mediante a cesión de instalacións deportivas municipais. Nestes espazos públicos terán lugar as distintas competicións programadas ao longo das xornadas que dura este encontro de carácter nacional.

