Continúa desenvolvéndose a folga dos sanitarios en todo o estado, con ampla incidencia en Galicia e na Coruña. Unhas mobilizacións para reclamar do Ministerio de Sanidade negociación dun estatuto propio para a profesión.
En Galicia, as mobilizacións están lideradas por O’Mega, o sindicato médico máis representativo en Galicia e a única organización sindical galega que forma parte do comité de folga estatal. O sindicato, ademais da batalla co goberno central, considera contraditoria a postura do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, que esixe á ministra de Sanidade que negocie cos médicos para evitar a continuación da folga estatal mentres que el mesmo négase a negociar cos médicos galegos para evitar outra folga en Galicia.
Amplo seguemento

Mentres, o seguimento da folga de médicos e facultativos convocada alcanza esta mañá de xoves 19 de febreiro un 86,2 % nos hospitais e o 25% nos centros de saúde dependentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Na Coruña, por exemplo houbo un 83,5 % de seguemento na Atención Hospitalaria (AH) no CHUAC, onde tamén se celebrou unha concentración con centenares de profesionais, e un 24,8 % na Atención Primaria, nos centros de saúde.
Esta folga renovarase o 16 de marzo e continuará cada mes durante unha semana ata xuño se o Ministerio de Sanidade continúa sen negociar cos sindicatos médicos.
Folga indefinida dende o 2 de marzo
Ademais, O ‘ Mega, o sindicato médico máis representativo en Galicia e a única organización sindical galega que forma parte do comité de folga estatal, convocou tamén para o 2 de marzo unha folga indefinida para esixir da Xunta un plan de choque que permita desconxestionar a Atención Primaria e reducir as listas de espera en Galicia.



