Novas concentracións ás portas dos Centros de Saúde e PACs do país protagonizaron este martes numerosos traballadores e traballadoras da Atención Primaria, no marco das mobilizacións dos profesionais da sanidade pública para esixir medidas que garantan as calidade asistencial e unhas condicións laborais dignas.
Unhas concentracións para visibilizar “a situación límite” que vive a Atención Primaria e reclamar accións urxentes que deben pasar pola redución da sobrecarga asistencial e a limitación das axendas, o reforzo do persoal, a mellora das condicións laborais e retributivas, a planificación efectiva e negociada da organización dos centros de saúde e dos PAC, e a posta en marcha de medidas estruturais que garantan a sustentabilidade do sistema público.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, advertiu que “a Atención Primaria está nun proceso de deterioro continuado porque non se adoptan medidas estruturais e pola inacción da Consellaría ante as demandas do persoal e as necesidades da cidadanía”. A responsábel sindical debuxou un sistema marcado pola “sobrecarga asistencial, a carencia de profesionais, a burocratización do traballo e a precariedade organizativa”.
Nova folga
Nas protestas, convocadas pola CIG-Saúde, anunciouse tamén a convocatoria de folga neste ámbito para o vindeiro 12 de marzo ante a falta de respostas efectivas por parte da Consellaría de Sanidade.
“Dende o ámbito sindical levamos meses reclamando actuacións urxentes e concretas, pero a resposta da Consellería é crear novos grupos de traballo sen medidas reais nin prazos de aplicacións. Isto evidencia que non hai vontade para resolver os problemas estruturais da Atención Primaria e garantir un servizo público de calidade”, denunciou.
Lestón lembrou que durante anos o Consello técnico de Atención Primaria xa fixo ese labor contando coa participación de profesionais deste ámbito, xa se definiran as carteiras de servizos das distintas categorías e se aprobaran conclusións de mellora do sistema “que agora quedan no caixón para volver abrir novos grupos, que non fan máis que atrasar a aplicación das medidas que se precisan”.

Peticións
Lestón reivindicou limitar as axendas asistenciais, incorporar máis persoal en todas as categorías profesionais, eliminar a burocracia innecesaria e definir ratios adecuadas nas áreas administrativas e asistenciais. Así mesmo solucionar os problemas cos cómputos das xornadas, a carga asistencial e a falta de planificación funcional na atención continuada e nos PAC.
Máis novas
Os médicos da Atención Primaria renovan a folga da sanidade pública ante a falta de diálogo da Xunta
Os médicos convocan folga indefinida dunha semana cada mes, para reclamar un estatuto propio

