Fartáronse as familias do abandono extremo da escola pública, e do ridículo espantoso que protagonizan unha e outra vez representantes do Concello e da Xunta coas súas declaracións. Esa maneira de lanzarse a pelota de tellado a tellado, esa falta de concreción entre o mantemento (dependente do Concello) e as reformas (das que a Xunta é responsable) provoca que os nosos centros de ensino estean que se caen.
Un abandono das infraestruturas e unha carencia de respostas das administracións que se suman á falta de apoios cos que conta o profesorado para atender os casos de NEE (Necesidades Educativas Especiais) e NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo), que xa está a mobilizar aos mestres en todo o país arredor da iniciativa #EnsinoenLoita.
Neste marco, milleiros de familias saíron á rúa este sábado para secundar manifestación convocada pola Federación de ANPAs e AFAs de centros educativos públicos da provincia da Coruña. Unha cita para denunciar o que califican como “abandono estrutural” da escola pública e reclamar unha planificación real e recursos suficientes que garantan un ensino público de calidade.
A mobilización, que partiu ás 11:00 horas da Praza de Ourense e rematou no Parrote, reuniu familias, alumnado e profesorado chegados de distintos puntos da provincia nunha xornada reivindicativa marcada pola defensa dun ensino público inclusivo, seguro e equitativo.

Durante o acto final procedeuse á lectura do “Manifesto en defensa da escola pública”, un texto elaborado a partir do traballo das ANPAs e AFAs da provincia. Nel, as familias lembraron que “a educación pública non se defende soa” e advertiron de que a situación actual xa non pode sosterse co voluntarismo das comunidades educativas.
O manifesto subliñou que os centros públicos —urbanos, periurbanos e rurais— comparten problemas estruturais: falta de persoal docente e non docente, insuficiente atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, deficiencias en mantemento e accesibilidade, así como problemas de limpeza e seguridade.
“As crianzas non poden seguir esperando. Os centros non poden seguir sosténdose só co voluntarismo das familias”, proclamaron durante a lectura, reclamando “medidas reais, recursos suficientes e compromisos firmes”.
A Federación insiste en que non se trata de casos illados, senón de “realidades repetidas e sostidas no tempo” que afectan directamente ao dereito das nenas e nenos a recibir unha educación pública de calidade. “Defender a escola pública é defender a igualdade de oportunidades, o futuro e a xustiza social”, recolle tamén o texto.

A convocatoria contou co respaldo de arredor de 200 ANPAs federadas, que representan aproximadamente o 50% das asociacións da provincia e a comunidades educativas de preto de 200 centros públicos (CEIP, IES, EEI, CRA, CPI e CEE), que abranguen entre 62.000 e 65.000 alumnas e alumnos.
A entidade convocante sinala que continuará traballando e esixindo respostas á administración educativa: “Seguiremos organizadas. Seguiremos esixindo. Seguiremos defendendo o que é de todas e todos”.


Máis novas
A Xunta nega recortes en Educación e acusa a Inés Rey de desatender o mantemento dos colexios
Máis novas sobre o Ensino Público
Outras novas das ANPAS

