A CIG estuda impugnar o acordo entre UXT e a patronal sobre o convenio de eficacia limitada ao que poderán adherirse os traballadores e traballadoras que así o consideren despois de que a negociación coa patronal finalizase sen acordo entre as partes.
Nun comunicado, tras a reunión de mediación deste venres no Consello Galego de Relacións Laborais, no que se puxo fin á negociación — ao non subscribir a CIG nin CCOO ningún acordo –, a central nacionalista afirma que o encontro desta xornada serviu “para confirmar o atentado á liberdade sindical perpetrado pola patronal e UXT”.
“Co proceso de negociación aínda activo, UXT asinou un convenio de eficacia limitada para o sector”. “Desta maneira UXT xa comezou a distribuír un documento de adhesión individual ás persoas traballadoras”, apostila.
Para a CIG, este tipo de actuación “constitúe un acto de mala fe” por “non respectar”, argumenta, o rexeitamento maioritario do persoanl ao preacordo subscrito no seu momento por UXT e CCOO. Tamén lamenta que este último sindicato non atendese ao seu chamamento para facer “unha fronte común” na negociación.
Hoxe luns o sindicato nacionalista convocou asembleas co persoal e avanza que estuda impugnar este convenio “pola súa dubidosa legalidade”.

