InicioA CORUÑAOs médicos dos Centros de Saúde continúan a súa folga ante a...

Os médicos dos Centros de Saúde continúan a súa folga ante a “irresponsabilidade” da Xunta

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Continúa a folga indefinida convocada por O´Mega dos médicos da Atención Primaria en Centros de Saúde de todo o país. Unha folga convocada despois de que o goberno de Galicia rompese as negociacións para acordar medidas que aliviasen a presión sobre a atención primaria en Galicia, que se visibilizou con varias concentracións como a realizada esta mañá no Centro de Saúde de Durmideiras.

A folga rexistrou hoxe, no seu segundo día, un seguimento próximo ao 70%, aínda que na Coruña foi maior e superou en dous puntos á participación da primeira xornada de paros.
As dúas primeira xornadas de folga indefinida permitiron a O´Mega, detectar a existencia de numerosas prazas cubertas nos centros de saúde dependentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) por médicos que non posúen a especialidade de médico de familia, algo que o sindicato convocante considera “moi grave e irresponsable”.
A Atención Primaria en Galicia está ademais por baixo dos ratios de médico/paciente establecidos a nivel xeral porque existen moitas prazas sen cubrir, o que xera unha conxestión do sistema e provoca listas de espera para as que O´Mega pretendía negociar coa Xunta un plan de choque capaz de garantir a calidade asistencial que os usuarios do sistema sanitario público merécense.

Xa viramos as demandas que nos debullaba Afonso C.G., Médico de Atención Primaria na Coruña, e dende o sindicato convocante alertan de que os acordos que Sanidade asinou con sindicatos de clase non reportan ningún beneficio a médicos nin a pacientes, como demostra o feito de que os primeiros estean en folga e os segundos teñan a peor opinión da Sanidade pública rexistrada desde a chegada de Alfonso Rueda á presidencia da Xunta.
O´Mega, o sindicato maioritario entre os médicos galegos, considera que a ineficiencia destes acordos derívase de que “non foron negociados con quen realmente representan ao colectivo de médicos e facultativos e coñece a situación actual, as carencias e as necesidades, do sistema sanitario galego”.

A rotura de negociacións, unha “irresponsabilidade” da Xunta

O único sindicato médico con representación en Galicia tras as últimas eleccións sindicais considera que a ruptura por parte da Xunta dunhas negociacións cando xa se alcanzara un principio de acordo sobre a limitación de axendas médicas- algo que beneficiaba tanto a médicos como a pacientes- supuxo unha “grave irresponsabilidade”, pero que ao manter esa postura supón aínda “unha irresponsabilidade maior” cando supón o risco de ter que cancelar miles de consultas con pacientes en todos os centros de Atención Primaria de Galicia.

“Cuestións como a xornada laboral de médicos e facultativos, a limitación das axendas médicas, a equiparación salarial entre os complementos de Atención Primaria ou o fin da discriminación na retribución dos médicos a pediatras, odontólogos e farmacéuticos non poden ser negociadas pola Xunta cos sindicatos de clase, senón co único sindicato profesional que representa aos facultativos galegos”, aseguran.

O sindicato reprocha tamén á Xunta o seu intento de minusvalorar as folgas de médicos cando se convocan contra a Consellería de Sanidade e sobrevaloralas cando se convocan contra o Goberno central, “unha postura infantil que equivale a facerse trampas ao solitario”.

 

Máis novas das folgas da sanidade pública

ÚLTIMAS

Os médicos dos hospitais cesan a súa actividade voluntaria ante a negativa da Xunta a negociar o fin da folga

Convocaba a Xunta ao sindicato O'Mega a semana pasdada, pero botouse atrás e a...

O PP pregunta polos avances da Comisión do Mundial 2030, pactados para febreiro, ante a nova visita da FIFA

Xa pasou máis dun mes dende a constitución da Comisión Especial sobre o Mundial...

O TSXG confirma 9 anos de cárcere por violar a unha muller ebria na Coruña: “Calquera home coñece os efectos do alcol”

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena a 9 anos...

O Concello activa o Consello Local de Igualdade e abre unha nova etapa de participación

O Concello da Coruña realizou este luns a sesión constitutiva do Consello Local de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here