O grupo de canto tradicional Maghúa presenta Tribo, o seu novo traballo discográfico, que chega máis dunha década despois de Mátria. O disco supón unha celebración polos 20 anos de traxectoria do colectivo e reúne recollas da tradición oral, novas colaboracións e un proceso de gravación máis coidado, mantendo sempre a fidelidade á raíz da música galega.
Que novidades trae este novo disco, Tribo?
Tribo chega cunha mochila de tempo detrás. Mátria, o noso segundo traballo, xa naceu hai 12 anos. Musicalmente, non mudamos moito, a verdade. Nestes tempos da electrónica e da fusión da música tradicional con outras músicas e tradicións, seguimos fieis á raíz. Probablemente con Tribo pechemos unha triloxía pensada e sentida dende a raíz.
Como novidades, dentro do que é a música, incorporamos por vez primeira ritmos bailables recuperados na provincia de Lugo. Xa tiñamos gravado no seu día un Cantar de Reis recollido no Val de Neira de Rei, entre Baralla e Becerreá, que apareceu nun CD compartido centrado nos cantos de “Reices”, publicado polo Concello de Boimorto. Para este traballo gravamos unha jota e unha muiñeira recollidas á veciñanza de Vilarello de Donis, en Cervantes. Reconvertemos estas pezas nunha “Polavila” de Ancares ao agregar un cantar da roga da sega cantado por Amparo, nada en Quintela e hoxe moradora no lugar de Areal, no concello de Becerreá.
A presenza das persoas informantes cobra maior relevancia que nos anteriores traballos. Se en Corricán e en Mátria aparecían recollas a Xosé Rama, de Vigo dos Toxos, ou a Teresa d’Os Cucos, de Pontella, neste Tribo hai cortes con recollas a un grupo de veciñas e veciños de Aboal (Mondariz), que abre o bloque “Gargamala”. Tiñamos unha conta pendente con Aboal: foi a primeira “aña” que gravamos e daquela foi sen cantar. Agora saldamos esa conta cunha copla que invita ao canto e á comunidade: “Viva quen canta comigo, viva quen comigo canta”.
Tamén aparece a voz de Pilar Mallo (A Pena, Negreira) abrindo o bloque “Ézaro”, ou a da propia Amparo de Areal —xunto coa de Cándido do Lameiro— no bloque “Vilarello”. No peche do disco, con “Moar”, aparece recollida a voz de Ricardo Lagares, informante irrepetible da montaña da Coruña, nado en Frades, autor da “Historia de Manuel do Campo” e gran cantor de cantares de Reis. Outra novidade importante son as colaboracións. Tribo é un disco de celebración. Tiñamos pensado publicar o disco polos 18 anos do colectivo, pero finalmente chegou para celebrar os 20. Chamamos a colectivos e persoas ás que admiramos e queremos. Non están todas, principalmente por falta de tempo, pero haberá máis ocasións.
Por primeira vez acompaña un acordeón nunha gravación nosa: Norberto Magín, acordeonista herdeiro desta tradición no val mineiro de León. Tamén colaboran os multiinstrumentistas Eloi Pérez e Alejandro Gispert, que gravaron zanfona e gaitas no cantar de Reis de Moar. O grupo Xodó canta connosco a jota de Vilarello; cando gravaron tiñan unha media de 16 anos e demostraron unha madurez enorme. Ademais, Xurxo Souto volveu achegar un texto e a parella formada por Juan Luis Rua e Luisa Patiño encargouse das fotografías e da maquetación. Probablemente sexa o noso traballo máis maduro e persoal ata a data.
View this post on Instagram
Que o diferencia dos anteriores traballos de Maghúa?
Principalmente o tempo. Tomamos con calma todo o proceso de gravación. Fomos gravando pouco a pouco, sen présa, cada voz por pistas sobre os instrumentos xa gravados anteriormente. Os dous primeiros traballos gravámolos na casa de Davide. Tribo gravouse no estudo de Manute, en Orro, polo que a calidade do son é maior e máis profesional. Ademais, coa mestura de Nico Vieites e Pete Cunado gañou moito. Outra diferenza é o tempo dedicado. Mátria foi enviado á fábrica aos 15 días de comezar a gravación e hai cousas das que nos arrepentimos porque quedaron sen pulir. Neste disco dedicámoslle máis tempo. Tamén mudou o xeito de editar os temas. Nos traballos anteriores as músicas dun mesmo lugar aparecían xuntas nun único corte. En Tribo hai 17 cortes independentes, aínda que centrados en sete lugares.
Por certo, por que ese nome, Tribo?
Cando pensamos en gravar un novo traballo, o título inicial era outro: Nus. Parecíanos representativo dun cambio importante e tamén do noso gusto por tocar diante da xente, nun momento no que non hai trampa nin cartón. Co paso do tempo vimos que Tribo reflectía mellor a realidade na que nos movemos: unha idea de pertenza, de comunidade, de amor e respecto polo que somos, e tamén de conexión coa terra, co país e cos demais.
Ademais das colaboracións nas gravacións, tamén hai moita colaboración invisible: persoas que cederon recollas ou materiais. Vemos que dende hai anos hai máis contactos e máis apertura dentro da música tradicional. Tamén hai unha pequena homenaxe xeracional: catro de seis medramos nos anos oitenta, cando todos pertencíamos a algunha “tribo urbana”: punkies, heavies, mods… A música tradicional é moi diversa, pero tamén pode entenderse como unha tribo.

Hai voces novas. Con quen traballades e que aportan?
Maghúa é un grupo aberto e pasa moita xente por aquí. En Mátria gravamos tres persoas: Tito, Xiao e Davide. En Tribo somos seis voces: Serxo, Serxio, Manute, Nacho, Xiao e Davide. Cada quen aporta o que ten. Hai voces que acougan, outras que dan alegría ou que centran. Artisticamente hai quen sabe máis, pero todos imos a unha e tentamos adaptarnos ás diferentes tesituras.
Actualmente en Maghúa sodes todos homes. Como é iso de ser cantareiros nun mundo tradicionalmente de mulleres?
Maghúa sempre fomos homes. Nacemos como colectivo formado por 13 homes con varios obxectivos: recuperar, difundir e dignificar a nosa tradición e tamén reivindicar a voz masculina dentro do canto tradicional galego. É certo que durante un tempo convivimos cunha parte da asociación formada por mulleres e nalgunhas ocasións tocamos como grupo mixto.
No canto tradicional galego as mulleres tiveron historicamente moita presenza, pero tamén houbo grandes cantadores: Pepín de Souto, Xosé Rama, Eugenio de Freaza ou Angelito de Toutón. Cando comezamos, en 2006, tiñamos como referentes directos a dous colectivos de homes: Pandeiromus e Tear de Llerena. Hoxe hai moitos máis grupos de cantareiros. Sentímonos privilexiados: tocamos por Galicia, polo Estado e por Europa. O ano pasado, coincidindo coas Letras Galegas, parte do grupo viaxou a Cuba para dar cinco concertos na Habana.
Como vedes a situación actual da música tradicional galega?
Depende de quen o mire. Hai quen pensa que a música tradicional está sempre en crise, pero nós non o vemos así. Hai carencias de infraestruturas, si, pero tamén moitos grupos cunha altísima calidade artística. Hai propostas que fusionan a raíz con outros estilos —rap, hip-hop, punk ou metal— e con outras tradicións, e iso resulta moi interesante.
Vemos que a música tradicional galega gusta polo mundo. Mesmo participamos en festivais orientados a públicos heavy ou punk e a xente responde moi ben. Estas interaccións probablemente irán a máis. O impacto de Tanxugueiras no Benidorm Fest tamén foi importante, sobre todo para a xente nova. Antes xa houbo referentes como Mercedes Peón, Carlos Núñez ou Luar na Lubre.
Non credes que con tanto “marketing” se perde a esencia da tradición?
Pensamos que non ten por que ser así. Cada vez hai menos tendas de discos, pero tamén hai moitas propostas e grupos traballando. A esencia non se perde. Hai proxectos moi interesantes como Nimbos, Axeigo, Lenda Ártabra, Unto Vello, Alana ou Eris MacKenzie. Hai quen pensa que a música tradicional debe quedar na taberna —que é un espazo marabilloso—, pero tamén pode ocupar outros escenarios e festivais.
E para gozar de Tribo en directo, onde e cando?
O 5 de marzo xa fixemos unha pequena presentación para os medios na Lua Chea, pulpeira de barrio en Elviña. A presentación ao público na cidade quedará para máis adiante por motivos laborais. Antes diso xa temos dous concertos este mes: o 13 de marzo na Praza de Azcárraga (A Coruña), polo San Patrício, e o 29 de marzo en Vigo, na Festa da Reconquista. Nestes concertos iremos mostrando parte das músicas incluídas en Tribo. Logo faremos as maletas para levar o disco a outros puntos do Estado.

