Tralas críticas do voceiro do PP local, Miguel Lorenzo, hoxe foi o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, instou ao Concello da Coruña a dar “explicacións pormenorizadas” sobre o motivo da renuncia da cidade herculina a ser sede da Copa do Mundo que celebrarán conxuntamente España, Marrocos e Portugal en 2030.
“Durante dous anos díxosenos por parte do Concello que tiña toda a candidatura perfectamente pechada e que había varios fondos de investimento dispostos a pór a parte privada para poder levar a cabo esas obras”, expuxo a preguntas dos xornalistas sobre este asunto tras recibir ao campión do Rally Dakar en categoría Missión 1000 de motos eléctricas, Fran Gómez Pallas, na Coruña.
“Non existía ningún fondo, non existía ese financiamento, durante estes dous anos a única administración que se comprometeu para achegar financiamento en caso de ser sede foi a Xunta”.
“O resto de administracións non se comprometeron, espero que se dean explicacións”, insistiu. Ao fío diso, incidiu en que “durante dous anos mantívose unha candidatura e que había uns fondos que ían investir nese estadio — o de Riazor — e agora non están eses fondos”.
En relación á proposta de Vigo para ser sede, indicou que a Administración autonómica apoiará “as candidaturas galegas”. “A día de hoxe non está, é un procedemento que lle corresponde á FIFA, se é designada como sede estaremos aí”, apostilou.
Máis novas
Inés Rey asegura que a cidade non periga “en absoluto” como sede do Mundial 2030
“O Mundial era o proxecto estrela de Inés Rey e o que hai é un proxecto estrelado”

