Xa está aberto case na súa totalidade, para o desfrute dos nenos e nenas nas vacacións de Semana Santa, o novo parque na rúa Púa e Parga. Faino tras unha serie de melloras que humaniza a contorna coa modernización das áreas infantís, a reestruturación dos espazos e a renovación das zonas verdes.
O Concello investiu uns 130.000 euros na posta a punto deste parque no barrio de Cuatro Caminos, respondendo a unha das principais demandas da veciñanza e aos compromisos adquiridos co barrio, dentro das liñas de mellora e humanización do espazo público.
“A actuación non só repoblou as zonas verdes e modernizou as áreas infantís, senon que
permitiu mellorar tamén as zonas de paso e integrar mellor o recinto no seu entorno”, apuntou a alcaldesa Inés Rey.
Na área de xogos renovouse o firme de caucho e reconfigurouse o mobiliario urbano incluíndo novos elementos como mesas de xadrez. Ademais, actuouse sobre os espazos verdes, cunha nova plantación de céspede sobre base vexetal enriquecida, incorporouse novo arboredo adaptouse a rede de rego para garantir a súa eficiencia. Actualmente, só queda temporalmente pechada a zona habilitada con mesas, onde hai que esperar a que se asente o céspede antes de permitir o tránsito.

