Xa toma a cidade os comboios do Gran Camiño. A caravana da proba ciclista máis importante de Galicia, que trae aos mellores equipos do mundo ao noso país, arrinca este martes cunha nova contrarreloxo individual (como no 2024) polo paseo marítimo.
A primeira etapa da proba arrincará e concluirá aos pés da Torre de Hércules, chegará polo paseo ata o Portiño, subirá ao Monte de San Pedro e volverá dende os Rosais, novo polo paseo ata a Torre.

Con motivo desta crono, establecerase na cidade un dispositivo especial de mobilidade e seguridade que implicará cortes de tráfico en distintos puntos do percorrido durante a celebración da proba.
En concreto, haberá tres áreas de afección: Torre de Hércules-Riazor, As Escravas-Labañou e Os Rosais-O Portiño. Os cortes de tráfico iniciaranse ao redor das 11,00 horas do día 14 de abril.
A información detallada pode consultarse nun mapa interactivo deseñado polo Concello da Coruña.

Os cortes
No sector Torre de Hércules- Monte Alto – Riazor, produciranse cortes de tráfico no paseo marítimo en todo o seu percorrido, así como restricións de circulación nas vías de acceso desde Monte Alto e a contorna de Riazor.
No sector Escravas – Labañou, a afección ao tráfico centrarase no paseo marítimo e nas conexións con San Roque de Fóra, Labañou e Rolda do Outeiro. Durante a proba, os accesos estarán limitados e regulados.
Finalmente, nos Rosais- O Portiño, veranse afectadas as principais vías de acceso. A circulación estará restrinxida durante a carreira e os accesos condicionados ao paso da proba.
En materia de aparcadoiro, estableceranse restricións desde días previos en distintos puntos do percorrido e o seu contorno, así como a prohibición de estacionar ao longo do circuíto durante a xornada do 14 de abril.
Ademais, no referente ao transporte público, as paradas de autobús situadas nas vías con circulación restrinxida quedarán afectadas durante a celebración do evento e veranse anuladas ás liñas 3, 3A, 7, 11, 12 e 14. No caso das liñas 12 e 14, perderán temporalmente a súa cabeceira habitual nos Rosais e establecerase unha parada provisional en rúa Manuel Azaña.
O servizo de taxi tamén se verá afectado polas limitacións de acceso ás vías incluídas no percorrido. No caso dos autobuses metropolitanos e interurbanos non se prevén afeccións destacadas, aínda que se recomenda consultar previamente coas empresas concesionarias. As estacións de BiciCoruña situadas no percorrido da proba quedarán anuladas durante o 14 de abril.

