A Coruña acolle este domingo unha nova edición da marcha organizada pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) para a loita contra esta enfermidade. Será unha cita solidaria de carácter popular, en estreita colaboración co consistorio coruñés, e que percorrerá o paseo marítimo entre O Parrote e San Amaro co obxectivo de “visibilizar a loita contra a enfermidade”.
Trátase da XIII edición de ‘A Coruña, en marcha contra o cancro’ que busca tamén, a través das inscricións e os donativos, recadar fondos que irán destinados integramente á investigación oncolóxica.
Este martes tivo lugar, na praza de María Pita, o acto de presentación oficial desta cita, que arrincará o domingo cunha saída programada ás 10.00 horas desde Porta Real. Este será o punto de partida para un percorrido alcanzable de cinco quilómetros de distancia a través de O Parrote, o Paseo Marítimo e a contorna do Club do Mar de San Amaro.

