A Consellería de Sanidade publicou no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación, á empresa Siemens Healthcare, S.L., do equipamento para a sala de radioloxía dixital robotizada con destino ao Servizo de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña, por un importe de 249.260 euros. A nova sala permitirá optimizar os procedementos de imaxe, mellorando a precisión diagnóstica, a eficiencia na adquisición de estudos e a ergonomía para o persoal sanitario, segundo sinalou a Xunta nunha nota de prensa.
Así, o novo material disporá dun equipo xerador de raios X, colimador, tubo de raios X con soporte telescópico de teito, mesa de exploración radiológica, bucky mural e detector dixital. A empresa adxudicataria deberá encargarse das actuacións que sexan necesarias para a instalación dos equipos, cun prazo de execución dun mes.
AXUDAS ELA
Noutra orde de asuntos, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a cuarta convocatoria de axudas autonómicas de 12.000 euros destinadas aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). O prazo de solicitude comeza o vindeiro venres, 7 de agosto, e estará aberto ata o 3 de novembro. O obxectivo destas axudas, que son compatibles con calquera outra orde de achegas, é contribuír a sufragar os elevados custos desta enfermidade e, por tanto, pode empregarse para a adquisición de produtos esenciais, contratación de servizos ou mesmas obras de adaptación na vivenda.
O Diario Oficial de Galicia publicou tamén a orde da Consellería de Sanidade coa convocatoria de incentivos destinados ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións. O Goberno galego apoiará a estas institucións achegando un total de 1.694.134 euros en concepto de axudas.
CENTRO SAÚDE EN MOS
Neste contexto, a Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publicou no Portal de Contratos Públicos a adxudicación, á empresa Anxo Jaime Santorio Cuartero, dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Mos, por un importe de 287.010 euros e un prazo de execución dun ano e catro meses. O prazo de execución da redacción do proxecto básico é dun mes e medio desde a formalización do contrato. Tras aprobarse o proxecto básico, disporase de dous meses para a redacción do proxecto básico e de execución.
Unha vez que se dispoña do proxecto aprobado, o Executivo galego procederá a licitar unhas obras nas que a Xunta prevé investir 4,7 millóns de euros, co obxectivo de que poidan iniciarse no primeiro trimestre de 2027. O novo centro de saúde que construirá a Xunta no municipio de Mos disporá de dúas plantas cunha superficie útil total de 2.740 metros cadrados, o que supón un incremento do 65 % en comparación co actual.

